Temas: BNG ANA PONTóN

Pontón cre que non sumarse ás mareas foi un acerto

Nesta entrevista, a líder do Bloque admite que os nacionalistas teñen aínda moito traballo por facer para recuperar peso nos concellos, pero estima que volverán a "entrar con forza" en prazas como Vigo e Ferrol.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2017 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

Un mes despois de ser reelixida como líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón considera que a "militancia" da súa formación "acertou" na Asemblea Nacional celebrada en 2016 cando "decidiu manter o BNG como un proxecto político autónomo, non dependente de forzas estatais".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na entrevista
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na entrevista | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida a Europa Press, a primeira muller que lidera a organización frontista celebrou que Galicia "siga tendo un nacionalismo forte" despois do "profundo proceso de debate" interno realizado polo BNG nos últimos anos e rexeita valorar as diferenzas internas xurdidas nos últimos meses en En Marea, proxecto ao que algunhas voces internas do Bloque pedían achegarse.

"Cada día é máis evidente que o BNG, En Marea e o PSOE son proxectos diferentes que representan espazos distintos. O BNG é unha organización nacionalista, que ten a súa cabeza e o seu corazón neste país", sinalou para mostrarse "convencida" de que "o nacionalismo é vital para cambiar a dinámica dos últimos tempos" en Galicia.

Así, dá por superadas as diferenzas internas que afloraron no Bloque a partir de 2012 e cre que a formación está xa "nunha nova etapa, nun novo ciclo". "Somos unha forza política que está en ascenso, hai unha corrente de simpatía moi forte cara ao Bloque e o reto que temos é reverter esa corrente de simpatía nunha opción á que cada vez se somen máis galegos", manifestou.

E é que, tras a XVI Asemblea Nacional que o BNG afrontou como proceso de refundación hai un mes na Coruña, Pontón ve á súa organización "forte, unida e cohesionada", estado que, na súa opinión, sitúa aos nacionalistas en "disposición de ser a alternativa a Feijóo". "Cada día que pasa é máis evidente que Galicia necesita un goberno que a defenda e non un monicreque do señor Rajoy, que é no que se converteu Feijóo", incidiu.

BAIXAS

Preguntada por se considera que o Bloque pagou un prezo moi alto pola súa actual unidade interna tras as baixas de destacados militantes como o exportavoz nacional Xavier Vence, Ana Pontón ve "lóxico" que en toda organización haxa unha renovación e cualifica de "referente" ao que fose líder do Bloque antes de que ela mesma asumise as rendas da fronte.

Tamén se referiu a a "importante achega" de persoas que agora non ocupan a primeira liña no BNG, como as exdiputadas Tereixa Paz ou Carme Adán. Sobre elas, ás que enmarca no seu círculo de amizades, remarca que son tamén "referentes", "persoas coas que o BNG contou no pasado e segue contando neste momento". "Son militantes, teñen o seu espazo de participación, estiveron nun momento nun papel máis destacado pero creo que iso forma tamén parte da normalidade política. O raro sería que iso non pasase", incidiu.

Ademais, na entrevista concedida a Europa Press, a líder dos nacionalistas galegos destaca que o Bloque está "a sumar a persoas", cuestión que cualifica de "boa noticia", especialmente nun momento no que o "descrédito" da política "é tan grande".

REXEITA "FACER OPOSICIÓN DA OPOSICIÓN"

A preguntas sobre se se ve como a líder da oposición ante a situación interna dos dirixentes do PSdeG e En Marea, cuestionados por parte das súas organizacións, Ana Pontón rexeita "facer oposición da oposición" e recoñece sentirse "moi afortunada" de ter un "respaldo e apoio" importante da súa formación.

"Quédanos moito traballo por facer e, aínda que son das que pensa que estamos nun momento para o optimismo, creo que é importante que acertemos e que traballemos", apuntou para incidir en que "os éxitos hai que gañalos cada día".

Neste punto, aproveita para cargar contra as críticas realizadas por Feijóo na pasada sesión de control tanto a Luís Villares (En Marea) como a Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) pola situación interna das súas respectivas organizacións. "Feijóo ten moito valor vendo todo o que está a pasar no PP", censurou para deixar claro que o actual líder dos populares galegos "non está para darlle leccións nin de ética nin de dignidade nin de loita contra a corrupción a ninguén".

Tras iso e cuestionada sobre se lle gustaría repetir como candidata do BNG á Presidencia da Xunta nas próximas autonómicas de 2020, púxose a "disposición da militancia" para o que esta decida. "Falta moito tempo pero o que podo garantirlle é que o próximo candidato do BNG á Xunta o será despois dun proceso democrático e non por un dedazo", sentenciou.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Na entrevista con Europa Press, tamén debullou o traballo que a súa formación emprendeu de face aos próximos comicios municipais de 2019. Así, lembrou que o Consello Nacional aprobou na súa reunión do pasado sábado un plan de traballo para a preparación destas eleccións, en virtude do que iniciarán xa "os traballos de preparación das candidaturas".

"Dámonos o prazo dun ano para ter aos nosos candidatos elixidos e, sobre todo, é importante que fagamos un traballo de base, de rúa, unha boa acción de goberno", explicou antes de augurar que "esa conxunción é a que permitirá non só manter senón mellorar a presenza a nivel municipal".

Ana Pontón non esconde que, aínda que ao Bloque "impórtanlle todos e cada un dos concellos" de Galicia, debe tamén prestar especial atención ás cidades que, "ao final, aglutinan a maior parte da poboación".

Precisamente, nas urbes recoñece "diferentes situacións" para a súa formación e "ningunha delas homologable": "Temos puntos moi fortes, como é o Concello de Pontevedra, que é un escaparate magnífico do que podería ser Galicia e do potencial do proxecto nacionalista; e temos outros sitios nos que o noso obxectivo ten que ser volver entrar con forza, como é o caso de Vigo ou Ferrol".

Con todo, a vista dos resultados das pasadas eleccións autonómicas, nas que o BNG se fixo con seis deputados e mantivo o grupo parlamentario na Cámara galega, Ana Pontón móstrase "convencida" de que a súa formación "recuperará a presenza nesas corporacións".

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 41 comentarios

19 Concha

Ten a cabeza e o corazón en Galiza, si. Os tertulianos e o apoios mediáticos repártense entre PP (La Voz de Galicia) e PSOE (Cadena SER). Debedes de pensar que a xente é parva.

1 eusi

E o cu eternamente pegado a unha cadeira...

18 Paco Casal

Eu estou con Ana Ponton. Un exemplo a seguir: desde adolescente entrou no Partido e fixo carreira. O de menos ben sendo se estudou, a formacion que presenta, se tivo dificultades para atopar o primeiro traballo, se foi mileurista ou menos, se tivo que emigrar, se pasou polo paro, se ten experiencia laboral... Para que vale todo iso tendo padriño, sendo a mimada ou escollida polo Partido, hai quen ten o camiño facil sendo docil e obediente, so hai que ser mais papista que o papa e tragar... Un modelo Ana Ponton, a imitar polos nosos mozos e mozas. Imaxinade, todos vivindo do Partido. Esquecede o curriculo, entrade e tragade, resistide, o PP ofrece garantias de colocacion (disculpade, equivoquei o Partido, en que andaria pensando..., tampouco vos alteredes, o choio ben sendo igual). Un modelo Ana, depois do fontaneiro Jorquera foi a que mellor se empoleirou!

1 Pancho podemita

Grazas, menos mal que estabas ti de mareado de garda para por este comentario, mañá a manifestación non vas verdade? Chove e ademáis o noso son as redes e a crítica e o de traballar para outros, nos esquezas por poltrona por algún lado, o do pufo da banca, sipaios, bnguai e demáis mantras que nos mandan dende Madrid, de paso di que Jorquera era fontaneiro que non lle molesta a ninguén e intentamos desprestixialo coma se non fose honrado tal oficio.

2 Mamadurrias

Paspán, fontaneiro de partido non de ofício!!! Que outro benefício nin oficio fóra do aparato da UPG-Bng non se lle coñece ao tal Jorquera. Nada que ver cos fontaneiros, que gañan o salário co seu esforzo. Que curtos sodes, e si todos os que criticamos a mamadurria do BNG somos Mareados Podemitas, ou do Partido Podre se o preferides. Pois como ousamos criticar un negócio redondo como o que tedes montado no BNG!!!

3 Kollontai luguesa

Ladran. Andades. Se o seu argumento único é o dos apparatchik é que non teñen outros. Apparatchik hainos en todos os partidos o que non abundan tanto son os tertulianos de café incapaces de traballar pegando un cartel por exemplo. Prefiro unha apparatchik que un destes tertulianos.

17 Bambolino

O único que criticades do actual BNG; que cobren por traballar e que sexan coherentes có que defenden. Ademáis de ser un acerto foi a única alternativa posto que os que cortan o bacallau na Marea non querían tal integración posto que non respectan os resultados das asambleas. Nos sei que problema tendes, non votedes o BNG e punto, algúns seguiremos votando só alternativas galegas, asamblearias e participativas de verdade, estades convidados e se tedes unha alternativa mellor, presentadora e adiante teredes o apoio da militancia do BNG.

16 Bernardo

Moi inflados andan os do bloque.Todo artificial.A prensa non é parva,divide e vencerás.A unidade na diversidade da esquerda é o camiño, chamese En Marea ou con outro nome.Mentras ,teremos Feijoos pra moito tempo.

15 Gamela

que lles queda moito por facer non temos dúbida algunha! o malo que estes tardan dúas lexislaturas en ler os papeis e así nunca teñen tempo de nada máis que facer declaracións aos medios día sí e día tamén.... pero traballar para a xente non saben o que é... http://gamela00.blogspot.com.es/201...