O Obra cae en Valencia co líder

O equipo compostelán chegou a poñerse a tres no último cuarto pero, a remolque todo o partido, acabou perdendo 85-74 co Valencia Basket. A boa nova, a reaparición de Rosco Allen, que anotou 9 puntos. A vindeira cita, decisiva para a permanencia, co Betis en Sar.

Por gcdeportes | Compostela | 29/04/2017 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Valencia Basket 85:
Guillem Vives (0), Joan Sastre (5), San Emeterio (11), Will Thomas (11), Dubljevic (26) -cinco inicial- Antoine Diot (9), Van Rossom (3), Sato (5), Rafa Martínez (5), Oriola (3) e Sikma (7).
Obradoiro 74: Mickey McConnell (13), Santi Yusta (7) Bendzius (10), Whittington (2), Pustovyi (11) -cinco inicial- Dulkys (2), Nacho Llovet (9), Aleks Maric (4), Rosco Allen (9), Pepe Pozas (7) e Matulionis (0).
Parciais: 18-14, 24-17 (42-31), 19-21, 24-22 (85-74)
Árbitros: Carlos Peruga, Sánchez Monserrat e Jordi Aliaga. Eliminaron por cinco faltas persoais a Artem Pustovyi (minuto 37).
Incidencias: partido da 31ª xornada da Liga ACB disputado no pavillón Fuente de San Luís ante preto de 7.500 espectadores.

Dubljevic, autor de 26 puntos e 5/5 triplas, defendido por Pustovyi. / ACBPhoto
Dubljevic, autor de 26 puntos e 5/5 triplas, defendido por Pustovyi. / ACBPhoto

Achegouse a tres puntos Obradoiro no último cuarto (64-61), pero respostou Valencia cun parcial de 15-3 e os composteláns perderon axiña (79-64) as escasas opcións de vitoria que tiñan. Porque os de Pedro Martínez, líderes da ACB, foron moi superiores, unha vez máis (Obradoiro nunca gañou na Fonteta), aos galegos, que concederon demasiadas canastras cómodas ao rival e non estiveron atinados no tiro exterior. Anotaron os valencianos 12/27 triplas, por tan só 6/20  dos de Moncho Fernández. Mal partido de xogadores claves como Shayne Whittington (2 puntos) ou Deyvydas Dulkis (2 puntos e 0/4 dende 6,75). As boas novas, o regreso de Rosco Allen (9 puntos) e a derrota do Betis, vindeiro rival do Obra en Sar. Cunha vitoria por máis de 5 puntos (derrota 79-74 na primeira volta), os andaluces quedarán a dúas vitorias a falla de dúas xornadas.

Santi Yusta, no cinco inicial, abriu o partido cunha tripla, pero Obradoiro só anotou 5 puntos en case sete minutos. Parcial local de 8-0 e marcador 11-5. Bendzius anotou de tres, pero Thomas convertiu a segunda tripla liberada. Tralos dez primeiros minutos, 18-14.

No arrinque do segundo acto, parcial local de 6-0 e Obradoiro perdía xa de dez (24-14). Unha tripla de Pepe Pozas contra taboleiro achegou ao Obra, pero para Valencia anotaron dende 6,75 Sato, Van Rossom e Dubljevic para poñerse 37-23. Con Pozas atacou mellor o Obra, que chegou aínda con opcións ao descanso: 42-31.

Tripla de Rafa Martínez, dous 2+1 de San Emeterio e outra tripla de Dubljevic, e Valencia acadou a máxima vantaxe do partido (58-41). Espertou Mickey McConnell, con 8 puntos, e axudado por Nacho Llovet, 5 puntos, achegou ao Obra no marcador (61-52), tras gañar o terceiro cuarto cun parcial de 19-21.

Nacho Llovet defende a Will Thomas na Fonteta.
Nacho Llovet defende a Will Thomas na Fonteta. | Fonte: ACBPhoto

O Obra non se rendeu e cun 2+1 de Pustovyi e unha canastra a aro pasado de Rosco Allen meteuse no partido (61-57). Thomas anotou outra tripla, pero Pustovyi, antes de irse ao banco polas faltas, puxo o Obra a tres (64-61). Reaccionou Valencia, con dúas triplas e 8 puntos de Dubljevic, e cun parcial de 15-3, máis os erros en ataque dos composteláns, pechou o partido cun 79-64. McConnell e Bendzius anotaron de tres para poñer o 85-74 final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta