Pontón denuncia que Feijóo protexe a Villar Mir

A líder do Bloque dise preocupada por que a "corrupción do Partido Popular" acabe "salpicando a Galicia" e "leve por diante" os 400 empregos de Ferroatlántica, empresa propiedade do empresario Villar Mir, investigado na 'Operación Lezo' por suposto financiamento irregular do PP de Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2017 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

Critica que o Parlamento galego estea "secuestrado" por un PP "instalado na soberbia"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no seu despacho do Parlamento
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no seu despacho do Parlamento | Fonte: Europa Press

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 (EUROP PRESS)

Ás portas do primeiro de maio, Día do Traballador, a líder do Bloque mostrouse preocupada por que a "corrupción do Partido Popular" acabe "salpicando a Galicia" e "leve por diante" os 400 empregos de Ferroatlántica, empresa propiedade do empresario Villar Mir, investigado na 'Operación Lezo' por suposto financiamento irregular do PP de Madrid.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Ana Pontón asegura que Galicia "non pode ser a moeda de cambio" dos "favores" de Villar Mir ao PP. Ademais, tras coñecerse a operación na que tamén está investigado o xenro do empresario e conselleiro de OHL, preguntouse se "o peso" de Villar Mir "é tan importante" como para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "vaia a permitir a venda ilegal das centrais" do río Xallas e "o despedimento de centos de persoas na Costa da Morte".

Para Pontón, que considera que "non é casual que Villar Mir apareza nos papeis de Bárcenas e agora nesta operación", esta é unha "cuestión de dignidade de país", xa que, na súa opinión, "o que se está facendo, no fondo, é repetir unha vella práctica colonial". "Explotan os nosos recursos, levan os beneficios e que queda aquí? Os impactos ambientais e a xente na rúa", denunciou.

E é que, segundo advertiu, "hai unha posición unánime entre todas as forzas políticas e todos os veciños da Costa da Morte que saben que se se venden as centrais, o que vai facer Villar Mir é coller a pasta, non investir nada na comarca e acabar pechando as fábricas".

Ante este futuro contexto, a líder dos nacionalistas galegos instou a Alberto Núñez Feijóo a situarse "á beira dos traballadores" e mostrouse sorprendida do "silencio" e a "ambigüidade" mostrada polos populares galegos neste asunto.

"A min o que me parece asombroso é ese silencio de Feijóo, que o único que xera son incertezas respecto diso de cal está a ser o papel da Xunta en todo o intento de venda ilegal de Villar Mir", asegurou para lembrar que as centrais "non son propiedade" do empresario senón "unha concesión pública vinculada ao mantemento do emprego". "Baixo ningún concepto pódese permitir unha operación especulativa destas características", apostilou.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

Por todo iso, a líder do Bloque e tamén portavoz parlamentaria da formación volveu a instar as forzas políticas da Cámara galega a pór en marcha unha comisión de investigación que analice todos os contratos asinados pola Xunta coas empresas de Villar Mir.

"Unha comisión de investigación ten unha vantaxe, que hai unha obriga de colaborar e que pode ser un delito mentir", lembrou Pontón para asegurar que "se Feijóo non ten nada que ocultar" o seu voto deberá ser "si". "Se votan que non, o que porán é máis sombras de dúbidas sobre un caso que, por se mesmo, xa é bastante turbio", apuntou.

Ademais, tamén se referiu a a intervención realizada polo presidente da Xunta na sesión do control da pasada semana na Cámara galega, onde equiparou os contratos dados polos seus Executivos a Villar Mir cos do bipartito. Para a dirixente nacionalista esta vinculación é "unha artimaña" de Feijóo "absolutamente inútil".

"Eu quero que se investiguen todos e que se analice se hai algo irregular en calquera ámbito", aclarou Pontón para deixar claro que "é un feito" que "a quen se está investigando é a OHL por financiamiento irregular do PP".

"MAIOR RECORTAZO DA HISTORIA"

Na entrevista, Ana Pontón non pasou por alto o debate dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017 e o "recortazo" do "32%" que supón para Galicia. Respecto diso, considerou que "non é casual" que o "maior recorte da historia" xusto "coincida coa desaparición do BNG do Congreso dos Deputados".

Neste contexto, convidou a Feijóo a "mirar o que está a pasar en Canarias, onde só un deputado consegue que se incrementen os investimentos nese territorio". "Con todo, os 12 deputados do PPdeG, incluída Ana Pastor, para o único que serven é para que se practique o maior recortazo da nosa historia e, para iso, case mellor non estar", indicou.

Ana Pontón, ademais, cualifica de "ridícula" a comisión anunciada polo presidente da Xunta para seguir a execución destas contas e, fronte a iso, sinalou que "o que esperaban os galegos era que Alberto Núñez Feijóo se plantase na defensa de Galicia para dicirlle a Rajoy que non aceptaba o seu recortazo".

ACTIVIDADE PARLAMENTARIA

Na entrevista, Ana Pontón tamén reflexionou sobre a marcha da actividade na Cámara galega no primeiros seis meses de lexislatura. Sobre este extremo, preguntada polas críticas formuladas pola deputada de En Marea Carmen Santos que denunciou un trato peor cara ás parlamentarias "mulleres e novas", Ana Pontón, non considera que a actitude dos populares responda a unha cuestión de machismo.

"Eu sinto que o PP está instalado na soberbia e o que non respecta é aos deputados e deputadas que non pensamos como eles", manifestou. Tras iso, incidiu en que "esta é unha realidade que se palpa todos os días" e que mostra, no fondo, "unha falta de respecto aos galegos".

Con todo, o que máis preocupa á líder do Bloque é que a Cámara estea "secuestrada" ao "albor do que quere o PP". "O mellor exemplo podémolo ter coa comisión de investigación das caixas, que segue paralizada", arremeteu.

Ademais, despois de coñecerse que a Sociedade de Gestión de Activos procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb) se negase a informar á comisión das caixas sobre os activos traspasados por parte de NCG Banco, lamentou que exista "unha conivencia" para que "poderes económicos non poidan ser investigados por parte dos Parlamentos".

"Nós temos unha responsabilidade desde a oposición, de facer o noso traballo con rigor, sendo incisivos e no BNG estamos aquí para dar a cara pola xente deste país, para ser a voz das persoas que cren que Galicia se merece algo mellor que o PP", manifestou desde o seu despacho do Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Guillerme Gintonic

Ana Poltrona: Sen profesión e a seguir vivindo da MAMANDURRIA

2 Marcelino del Val

Políticos profesionales a sueldo que nunca han trabajado, tenido una nómina, emprendido un proyecto...peligrosos. Matan por su silla. Ésta no me gusta nada...tiempo al tiempo

1 Sonc

Te gusta más Ignacio González, Esperanza Aguirre, Sáenz de Buruaga, etc etc ? Y luego hombriño, no te preocupes por los demás... limpia el lixo primero en los despachos de Madrid

2 Kollontai luguesa

Pois visto as actuacións dos que tiveron nómina ao mellor é hora de probar. En serio, a min non me gustan os e as apparatchik, pero adoito xulgar aos políticos, polas súas actuacións e non por teimas persoais aplicadas só a aqueles das opcións distintas. A Ana diríalle: se ladran tanto con comentarios inxuriosos e carentes de argumentos é que a caravana avanza.

1 Cuidado Silvano e do C N I

Que mire tamén o de PWC no ICM para ver como se repite no que hai na Xunta.