Un Celta a outra cousa

Pobre imaxe da versión B do equipo celeste, que perdeu 0-3 cun Athletic moi superior antes da cita histórica do xoves co Manchester United. "O mellor foi a visita da miña nai", recoñeceu o Toto Berizzo, moi crítico cos seus xogadores. Terceira derrota consecutiva en Liga na casa.

Por gcdeportes | Vigo | 30/04/2017 | Actualizada ás 23:45

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 0
: Sergio Álvarez; Álvaro Lemos, Sergi Gómez, Fontàs, Roncaglia; Chelo Díaz, Daniel Wass (Pape Cheikh, 61’), Jozabed (Josep Señé, 79'); Théo Bongonda, Hjulsager (Guidetti, 69') e Claudio Beauvue.
Athletic Club 3: Kepa, Laporte, San José, Beñat (Mikel Rico, 77’), Muniain (Aduriz, 83’), Williams, Iñigo Lekue, De Marcos, Raúl García (Iturraspe, 81’), Balenziaga, Yeray.
Goles: 0-1: Raúl García (minuto 34). 0-2: Raúl García (49'). 0-3: Mikel Rico (82').
Árbitro: Fernández Borbalán (andaluz). Amarelas a Fontàs (60') e Laporte (69’).
Incidencias: partido da 35ª xornada de Primeira División no estadio municipal de Balaídos ante 15.000 espectadores.

A estirada de Sergio Álvarez non pode evitar o gol de Raúl García.
A estirada de Sergio Álvarez non pode evitar o gol de Raúl García. | Fonte: lfp.es

“As actuacións individuais non estiveron á altura das expectativas previas”, laiouse trala derrota o Toto Berizzo, que dixo que o mellor do partido foi a visita da súa nai, un agasallo do club polo vindeiro día da Nai. “Xoganse moito o xoves e notouse”, sentenciou Ernesto Valverde. Pobre imaxe a ofrecida pola versión B do Celta, que apenas opuxo resistencia a un Athletic moi superior, que venceu 0-3 con dous goles de Raúl García e un de Mikel Rico. O Celta, que hai tempo que desconectou da Liga, encaixou a terceira derrota consecutiva en Balaídos, cinco nos últimos seis partidos de Liga. Viven xa os celestes pendentes da eliminatoria co Manchester United. O xoves, a ida en Balaídos.

Bongonda tivo unha no arrinque do partido que rematou ao lateral da rede, pero o Athletic axiña amosou a súa superioridade, máis intenso e concentrado, e chegou con perigo á meta de Sergio Álvarez. O meta de Catoira detivo os remates de Raúl García e Williams. O 0-1 chegou no minuto 35, tras un córner que concedeu de xeito innecesario Bongonda e que motivou a queixa de Berizzo ao final do partido. Lanzamento de Iker Muniain, toque coa testa e remate de Raúl García no segundo pau. E menos mal que Iñaki Williams, tras gañar na carreira a Fontàs, rematou o pau no man a man con Sergio. A última antes do descanso foi de novo para Bongonda, que só ante o meta rival non soubo resolver.

Na segunda parte, o Athletic fíxose co control do balón e gozou das mellores ocasións do partido. Xa no minuto 49, marcou de novo Raúl García tras aproveitar un rexeite a un tiro de Iñaki Williams. Era tan cómodo o partido para o Athletic, que case nin protestou un penalti claro de Fontàs sobre Williams. Entraron Pape Cheikh, para reservar a Daniel Wass, Guidetti e Josep Señé, pero o Celta apenas creou perigo. Froito dunha contra conducida por Iñigo Lekue, chegou a sentenza co 0-3 de Mikel Rico no minuto 83. O Celta remata a xornada 11º con 44 puntos, pendente do partido aprazado ante o Real Madrid. A vindeira xornada, entremedias da eliminatoria co Manchester, visita ao Málaga.

Abatemento dos celestes tras un gol do Athletic.
Abatemento dos celestes tras un gol do Athletic. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta