Temas: PREMIOS SAúDE

Luis Paz-Ares, Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal

O premiado, natural de Vilagarcía de Arousa, é xefe de servizo de Oncoloxía Médica no Hospital Universitario Doce de Octubre en Madrid e conta cunha brillante carreira investigadora, asistencial, académica e xestora.

Por Galicia Confidencial | | 03/05/2017 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

O xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal acaba de fallar a sexta edición deste galardón, consolidado nacional e internacionalmente como un dos máis significativos no seu ámbito. E o gañador desta edición foi o oncólogo de orixe galega Luis Paz-Ares Rodríguez, nado en Vilagarcía de Arousa en 1962 e cuxa infancia transcorreu na Coruña.

Xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal.
Xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal.

A candidatura do doutor Paz-Ares foi presentada polo doutor Hernán Cortés-Funes, quen destaca a súa “brillante carreira investigadora, asistencial, académica e xestora”, recoñecementos que foron tidos en conta polo xurado do Premio á hora de expor o seu fallo. O presidente executivo do xurado, o doutor Rafael López, asegura que o premiado é “un oncólogo médico de recoñecido prestixio internacional cuxo traballo contribuíu significativamente no campo da Oncoloxía, especialmente en cancro de pulmón”.

Paz-Ares comezou a súa carreira como residente no hospital Doce de Octubre, onde agora dirixe o servizo de Oncoloxía Médica. Nestes 30 anos o seu labor foi crucial para o desenvolvemento do servizo. A el corresponde o desenvolvemento da primeira Unidade de Estudos de Fase I Oncolóxica en España, unha unidade devota ao cancro de pulmón recoñecida internacionalmente e un programa de investigación traslacional que recentemente deu lugar á Unidade mixta de investigación en cancro de pulmón H.U. Doce de Octubre & CNIO. Ademais, Paz-Ares foi esencial no desenvolvemento dos programas de formación de residentes e de docencia universitaria. A súa visión e impacto como investigador leváronlle a ser recoñecido como un referente da investigación oncolóxica e a ocupar postos de relevancia en sociedades como ASEICA, NOXO, ESMO, SEOM e fudacións como ECO e AECC, líderes na promoción da investigación e a formación.

PREMIADOS

O nome do Dr. Luis Paz-Ares súmase ao cinco premiados anteriores: os doutores Guido Kroemer (2016), Eduardo Díaz-Rubio (2015), Carlos López-Otín (2014), José Baselga (2013) e Mariano Barbacid (2012). Todos eles investigadores de máximo nivel internacional cuxa labor “permite que miles de oncólogos de todo o mundo podamos enfrontarnos cada día ao cancro con máis coñecemento e mellores ferramentas”, sinalou o doutor Rafael López, á vez que agradece “o apoio de empresarios como Ramiro Carregal, alma mater deste premio e pioneiro á hora de apoiar a investigación médica”, unha das materias pendentes no noso país.

Ademais do doutor López, xefe de Oncoloxía médica do CHUS, forman parte do xurado desta edición o presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), o doutor Miguel Martín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rei; o catedrático en Farmacoloxía na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago, Manuel Freire-Garabal Núñez; o doutor Juan Gestal Otero, decano do mesmo centro e catedrático de Medicina Preventiva; o director de relacións institucionais de HM Hospitales, Rafael Silva, e os presidentes da Fundación La Rosaleda e do Grupo Frinsa, Gerardo Fernández Albor e Ramiro Carregal, este último como presidente de honra do Xurado.

Paz-Ares recollerá o seu premio –15 000 euros e galardón acreditativo–, nunha gala solemne que se celebrará, como vén sendo habitual, esta primavera no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

Temas: PREMIOS SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta