A USC xestiona un cento de patentes, cun retorno anual de 100.000 euros

A Universidade de Santiago xestiona cada ano entre 30 e 40 novas patentes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2017 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago (USC) xestiona cada ano entre 30 e 40 novas patentes que son resultado do estudo e traballo dos centros e equipos de investigación dos campus de Compostela e de Lugo, segundo informa o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

A USC xestiona un cento de patentes.
A USC xestiona un cento de patentes. | Fonte: Europa Press

A USC conta actualmente cunha carteira dunhas 100 patentes que lle xeran cada ano un retorno económico á propia Universidade de Santiago de Compostela de algo máis de 100.000 euros.

Estes datos achegounos este xoves Susana Torrente Vilasánchez, técnica superior de Xestión na área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, que impartiu unha conferencia celebrada no Edificio Emprendia en Santiago de Compostela sobre 'As patentes como elemento de valor estratéxico', nunha xornada de formación cruzada organizada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, que preside Carme Pampín, e a área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.

Torrente Vilasánchez destacou o "bo nivel da Universidade de Santiago de Compostela" nesta materia. "As patentes que se están explotando actualmente son arredor de 100", indicou esta experta, que comentou que moitas xeran retorno durante anos e outras se descartan unha vez que non cumpren as expectativas.

Susana Torrente Vilasánchez lembrou que a "Universidade Santiago de Compostela é a propietaria das patentes que resultan dos estudos e traballos dos seus centros e equipos de investigación".

INVENTORES

"Os inventores constan como inventores na patente, pero o titular dos dereitos é a Universidade de Santiago", concretou a experta, que fixo na conferencia un repaso dos dereitos que confiren as patentes e as razóns que motivan a protexer as invencións.

Susana Torrente Vilasánchez sinalou toda a traxectoria que require unha patente ata que xera un retorno económico, o seu obxectivo último. "Se non se pode comercializar e non achega un retorno económico esa patente non serve para a súa función, é papel mollado", abundou.

A técnica tamén fixo incapié no tempo que poden tardar en xerar retorno económico unhas ou outras patentes. "No TIC o retorno é máis inmediato e, por exemplo, no sector biotecnolóxico, onde fai falla un desenvolvemento longo para chegar ao mercado, o retorno económico chega despois de varios anos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta