Galicia contribuirá a través do ITMATI á formación de matemáticos industriais europeos

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial de Galicia participa como socio na proposta ROMSOC, seleccionada na modalidade European Industrial Doctorates do programa Marie Curie. A Comisión Europea investirá máis de dous millóns e medio de euros neste proxecto.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 05/05/2017 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A Comisión Europea a aprobou o 2 de maio, entre numerosos candidatos e cunha puntuación (96/100), o proxecto 'ROMSOC: Reduced Order Modelling, Simulation and Optimization of coupled System', no que o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) de Galicia participa como socio. O proxecto enmárcase no programa Marie Sklodowska-Curie do H2020, concretamente no apartado 'H2020-MSCA-ITN-2017 Innovative Training Networks (ITN)' e nun tipo de acción específica para doutorandos europeos industriais  (European Industrial Doctorates, EID, en inglés). ROMSOC está coordinado polo doutor Theo A. Roelofs pertencente ao Centro de Investigación Matheon da Universidade Técnica de Berlín e conta con 12 socios que son centros de investigación europeos de Alemaña, Austria, España, Francia e Italia e 12 empresas. A Comisión europea investirá máis de dous millóns e medio de euros neste proxecto.  

Membros do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial
Membros do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial | Fonte: ITMATI.

O proxecto ROMSOC forma parte dun programa europeo de doutoramento industrial no ámbito da Matemática Industrial cuxo obxectivo é formar, por medio dunha rede internacional de centros de investigación e empresas, a unha nova xeración de investigadores creativos e innovadores, capaces de transformar os coñecementos e as ideas en produtos e servizos. As EID son redes formadas polo menos por dous socios, un académico e outro industrial, situados en dous países distintos da Unión Europea a través das que se contrata persoal investigador en formación (ESR - Early Stage Researchers) que debe pertencer a un terceiro país distinto aos anteriores. O investigador seleccionado estará inscrito nun programa de doutoramento e será supervisado conxuntamente pola empresa e o organismo de investigación. Deberá pasar o 50% do proxecto na empresa e outro 50% no organismo de investigación. Esta rede de doutoramento foi promovida pola European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN) e en España, pola Red Española Matemática - Industria (math-in) da que ITMATI é socio. 

No proxecto ROMSOC, ITMATI participa como socio participativo, desenvolvendo accións por valor moi próximo a cincocentos mil euros, no que se desenvolverán dúas teses doutorais no ámbito da Matemática Industrial, baixo a dirección dos investigadores principais: Peregrina Quintela Estévez (Investigadora Adscrita e Directora dO ITMATI, Catedrática de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago) e Andrés Prieto Aneiros (investigador adscrito ao ITMATI e contratado doutor na Universidade da Coruña). 

Os proxectos de investigación industrial que se desenvolverán son os seguintes: 1) 'Efficient computational strategies for complex coupled flow, thermal and structural phenomena in parametrized settings', dirixido por Peregrina Quintela Estévez, en colaboración coa empresa italiana Danieli, e 2) 'Mathematical modelling and numerical simulation of coupled thermo-acoustic multilayer systems for enabling particle velocity measurements in the presence of airflow,' dirixido por Andrés Prieto Aneiros, en colaboración coa empresa holandesa Microflown. 

O desenvolvemento de produtos e procesos de alta calidade é esencial para a futura competitividade da economía europea. Distintas áreas tecnolóxicas no desenvolvemento de produtos baséanse cada vez máis na modelización, a simulación e a optimización a través de modelos matemáticos que permiten optimizar o deseño. O obxectivo deste proxecto é mellorar o rendemento das técnicas de modelización, simulación e optimización (MSO). Centrarase en tres metodoloxías principais: métodos de axuste, métodos de redución de modelos e métodos de optimización, para aplicacións industriais en áreas tales como sistemas ópticos e electrónicos, procesos económicos e no ámbito de materiais. 

ROMSOC desenvolverá novas técnicas MSO e software asociado con alta adaptabilidade de precisión e eficiencia en diferentes disciplinas científicas. Transferiranse sinerxias entre os diferentes sectores industriais, en particular para as PEME. Será un programa de formación conxunto academia-industria no que se fomentarán a interacción e a cooperación, proporcionando unha formación inicial integrada nun programa de investigación de vangarda, formando así a investigadores interdisciplinares altamente cualificados en técnicas matemáticas MSO que se converterán en facilitadores da transferencia en tecnoloxía matemática á industria. Desta forma, reforzarase a capacidade das institucións europeas de investigación e desenvolvemento.

O proxecto prevé un amplo abano de accións de comunicación e diseminación dos resultados obtidos a escala nacional en cada país e tamén a nivel europeo, o apoio da industria europea é fundamental para o éxito deste proxecto, e esta industria será un actor destacado no desenvolvemento das accións programadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta