Baltar di que non hai motivos para abrir un expediente ao xefe de persoal da Deputación

Afirma que a Administración provincial "ten a obriga legal de actuar" na investigación de cursos e non descarta abrir novas actuacións se hai novidades xudiciais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2017 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou este luns que no caso de que aparezan novos datos na investigación da suposta fraude en cursos de formación que apunten ao xefe de Persoal e Recursos Humanos, José Luís Suárez, o ente provincial abrirá de novo unha investigación interna.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto | Fonte: Europa Press

O pasado venres a institución provincial fixo públicos os resultados dunha dilixencia informativa realizada polo vicesecretario xeral da Deputación, Juan Marquina, para estudar se existía algunha relación entre a actuación do xefe de Recursos Humanos e a fraude dos cursos de formación.

O informe conclúe que coa información existente (os artigos de prensa e a propia declaración do xefe de Recursos Humanos ante Marquina) e debido ao segredo sumarial "non existen elementos para iniciar un expediente disciplinario contra José Luís Suárez".

Con todo, este luns o presidente da Deputación de Ourense non descartou novas actuacións no caso de que aparezan novidades na operación policial.

"Temos a obrigación legal de actuar, sempre tendo en conta calquera novidade que aconteza. Pero o certo é que no terreo das presuncións nós avogamos sempre pola presunción de inocencia", explicou Baltar en declaracións aos medios.

Negación dos feitos

Tamén incidiu en que "a información" de que dispón o ente provincial neses momentos "nega absolutamente calquera relación cos feitos" por parte de Suárez; e, por tanto, "non cabe sequera a posibilidade e instruír un expediente disciplinario" contra o xefe de Recursos Humanos.

Con todo, si confirmou que o vicesecretario xeral da Deputación apuntou a posibilidade de que o ente provincial se poña en contacto coa súa asesoría xurídica "para ver se como consecuencia das axudas que se deron" a unha das empresas investigadas "é conveniente" personarse como acusación particular.

Durante as dilixencias informativas Marquina constatou a existencia de pagos á Asociación de Alumnos e Exalumnos do centro San Pablo (AEXPA) no rexistro de contabilidade da Deputación. Os datos reflicten que esta empresa consta con tres subvenciones "concedidas e pagas" por un importe total de 34.000 euros.

A investigación

A investigación, iniciada en 2015, destapou unha suposta trama ideada polo responsable dun centro de estudos de Ourense, que xa non existe, para obter de forma fraudulenta subvencións públicas; burlando as condicións e requisitos esixidos por lei mediante falsidades e enganos.

Varias das persoas investigadas sinalaron a existencia "dun contacto na Deputación" que colaboraba co propietario do centro de estudos para introducir nesta entidade a determinados alumnos. Tamén aseguraron que a algúns destes alumnos chegóuselles a ofrecer unha praza na Deputación de Ourense a cambio de ata 12.000 euros.

Por mor deste operativo a Policía Nacional detivo a cinco persoas por falsidade documental, contra a facenda pública e a Seguridade Social, contra a Administración Pública e por branqueo de capitais, estafa e suborno.

Outras dúas persoas, entre as que se atopa o xefe de Persoal da Deputación e alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, atópanse como investigadas nesta causa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta