Temas: CINE OURENSE

A Casa de Carlos Velo, convertida nun referente do audiovisual galego

Peséntase a Fundación Carlos Velo, integrada por membros da súa familia e o Concello de Cartelle. Entre os obxectivos, crear a bolsa de estudos Carlos Velo.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/05/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A casa natal do director Carlos Velo será, a partir de agora, un referente do audiovisual galego. Ou iso, cando menos, é o que busca a fundación que se acaba de crear e que leva o seu nome. Esta entidade encargarase de divulgar a traxectoria vital e profesional do cineasta máis internacional que deu a provincia de Ourense.

Así se puxo de manifesto este luns nun acto no que participaron o crítico de cine e profesor universitario, Miguel Anxo Fernández, na súa condición de vicepresidente da Fundación, así como o xornalista Xosé Manuel Rodríguez e o xestor cultural Antonio Piñeiro, en representación do resto de patróns da Fundación, que contará ademais coa figura da neta de Carlos Velo, Laura Gardos Velo, como presidenta de honra desta nova entidade cultural.

A alcaldesa de Cartelle e presidenta da Fundación, Carmen Leyte, dixo que o principal reto da Fundación é o de estar á altura da dimensión internacional que ten a propia figura de Carlos Velo, sobre o que están traballando en moi diversos lugares. Así, lembrou que, a pasada semana, o profesor de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, que tamén forma parte da Fundación clausurou un congreso sobre Juan Rulfo en Cáceres, falando do escritor e da súa novela Pedro Páramo, así como sobre a película que Carlos Velo realizou hai agora 50 anos, adaptando a coñecida novela de Rulfo ó cine.

Entre as actividades da Fundación estarán unha exposición que se presentará en Ourense no outono, así como a posible creación dunha bolsa de estudos Carlos Velo.

Traballo de documentalismo

Pola súa banda, o vicepresidente da Fundación e verdadeiro especialista na figura de Carlos Velo, o crítico de cine e biógrafo do cineasta, Miguel Anxo Fernández, ratificou o interese que Carlos Velo está espertando en diversos foros internacionais e mesmo en México. "Un dos aspectos máis salientables sobre os que debe traballar esta fundación é sobre o documentalismo, esperando que nun futuro non moi longo pola Casa de Cartelle pasen ó longo do ano un sen número de referencias ligadas ó audiovisual galego", dixo.

O acto tivo lugar no Liceo de Ourense e contou coa presencia do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, institución que arroupará economicamente o arranque deste colectivo cunha exposición sobre o Carlos Velo fotógrafo que poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Integrantes da Fundación Carlos Velo
Integrantes da Fundación Carlos Velo

Temas: CINE OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta