A empresa da sobriña de Romay fixo o polémico novo software do 112

Os traballadores de emerxencias denuncian que a nova plataforma “bloqueou a chamada” do afundimento do Nuevo Marcos, no que morreron tres mariñeiros. Vicepresidencia, en declaracións a GC, nega problemas coa ferramenta de Atos máis alá dalgunha "cuestión puntual".

Por M.V. | Santiago de Compostela | 09/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Segundo o relato sindical, a falta de datos na plataforma provocou un atraso de 10 minutos na mobilización do helicóptero de rescate. Como o teléfono da base do Pesca non estaba cargado no software, tiveron que chamar aos Gardacostas para avisalos e que eles mobilizaran a aeronave. Os servizos de emerxencia non chegaron a tempo e tres mariñeiros morreron afogados -polo menos un deles por hipotermia. 

A galega Ana Pastor, ex-ministra de Sanidade co PP, nun acto canda Carme Martín de Pozuelo Romay. Foto: Sanifax
A galega Ana Pastor, ex-ministra de Sanidade co PP, nun acto canda Carme Martín de Pozuelo Romay. Foto: Sanifax

“Cando non deberiamos tardar máis cun click se tardou 10 minutos en mobilizar ao Pesca”, explicou en conversa con GC Isabel Moares, presidenta do Comité do 112. A versión dos teleoperadores do 112 está respaldado por una nota de denuncia da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE),  Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emergencias de Galicia (TES Galicia), a Mesa Intersindical de Bomberos e aPlataforma de Bomberos Públicos de Galicia publicada onte.

Ademais, representantes sindicais do 112 e asalariados das emerxencias da Xunta confirmaron a GC que este non é un caso illado. Denuncian que os erros na plataforma son continuos e graves. 

Entre os exemplos das supostas eivas están teléfonos de servizos sen cargar ou desfasados, mapas de emerxencias que non mostran os recursos máis próximos e mesmo datos pertencentes a outras autonomías.

Ademais, outro dos supostos erros máis graves do software é que “expulsa” aos teleoperadores da plataforma cando hai demasiadas incidencias abertas ao tempo, un problema moi serio para os traballadores encargados de xestionar as emerxencias de todo o país.

Leiceaga na concentración cos traballadores do 112 e 061
Leiceaga na concentración cos traballadores do 112 e 061

 

A responsable do novo programa é Atos Spain. Esta é a empresa (parte da multinacional Atos Origin) na que, segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, é directiva Carmen Martín de Pozuelo Romay.

Trátase da sobriña de Romay Beccaría, presidente do Consejo de Estado, ex-conselleiro e ex-ministro de Sanidade. Ademais de ser sobriña dun dos prebostes máis poderosos do PP, Martín de Pozuelo Romay foi colaboradora directa do presidente da Xunta durante varios anos.

Alberto Nuñez Feijóo fichouna, ademais de para a cúpula Correos cando era director, para o seu gabinete da Consellería de Política Territorial cando foi conselleiro.

A Xunta realizou varias adxudicacións a esta empresa dende que Feijóo é presidente. O mandatario sempre negou calquera trato de favor. Neste caso, voceiros oficiais da Vicepresidencia, de quen depende a Axencia Galega de Emerxencias 112, indicaron que se tratou dunha contratación pública e facilitaron os detalles do contrato.

En concurso aberto, Atos venceu a Indra, APD, IEISA e Telefónica. A compañía recibirá 761.000 euros pola adxudicación de 2015.

Dende a Vicepresidencia da Xunta insisten en que a plataforma funciona con total normalidade, " máis alá dalgunha cuestión puntual típica da implementación dun novo software". Fontes oficiais tamén aseguran que os traballadores foron formados previamente no seu uso, antes do seu polémico traslado de Santiago a Estrada.

Punto de vista que rebate a presidenta do Comité de Empresa, que alerta que son eles os que agora mesmo están 'testeando' a ferramenta. “Xa antes de que se  fixera efectivo o traslado, xa vimos que a plataforma estaba en postproducción”, denuncia.  Tanto Moares como varios traballadores consultados por GC indican que non recibiron formación dabondo. Engaden tamén que o plan do Executivo é explotar a plataforma de Atos -non concebida ad hoc para oo 112- a xestión de emerxencias noutros servizos como Policía Autonómica, Protección Civil, etc.

A denuncia do atraso na xestión da chamada que alertou do afundimento do pesqueiro fronte a Combaro e o feito de que a sobriña de Romay sexa directiva da adxudicataria reabrirán o debate sobre o traslado do 112. Os asalariados, subcontratados, levan meses advertindo que a mudanza -ademais de facerlle perder o 14 % do seu poder adquisitivo- dende San Marcos a Estrada ía en deterioro da calidade deste servizo tan vital. Polo de agora, seguen en folga.

Carteis de protesta do 112
Carteis de protesta do 112
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Técnico Emerxencias

A Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emergencias de Galicia é "TES Galicia". No artigo poñen "TIENES Galicia", polo que deberían correxilo. O acrónimo TES corresponde ás iniciais de Técnico en Emerxencias Sanitarias. Un saúdo

2 Breoghain

Máfia assassina. O nacionalismo espanhol a lucrar-se na Galiza. O patriotismo espanhol é o refúgio dos canalhas.

1 Enxeñeiro informático

É moi normal... Está claro que o software precisa pasar unha fase test. Pero NON se pode poñer a todo un servicio do que dependen vidas a funcionar en Beta. Faise gradual e sempre cun plan B. Pero claro iso supón máis tempo e gasto para a concesionaria. Esperemos que polo menos sexa open source e non se repita o mesmo nun par de anos

1 Enxeñeiro informático too

Jojojoj .... nelixencia, mortes o que importa e que ese software garanta unha funcioanlidade minima, sexa open-source ou non, No pode ter tempos de resposta de mais de 10 minutos.... eso significa mortes... que lle dean o open source nun proxecto de un 1 millon de euros e que funcione.... ladrons e asasinos.