Farmacéuticos loitan para evitar un “novo saqueo” da Sanidade semellante ao das caixas

Cofaga, unha das dúas grandes cooperativas farmacéuticas galegas, podería votar a súa absorción por Bida Farma, a gran cooperativa andaluza. Un grupo de socios fala xa de “manobras escuras” do presidente e de saqueo dos recursos galegos que perdería case 200 millóns, investimentos públicos e case 100 traballadores.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/05/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia destina 700 millóns en gasto farmacéutico. Un diñeiro que sae das arcas públicas galegas. Actualmente, a maior parte destes cartos, 390 millóns, quedan e tributan no país. Sen embargo, a posibilidade de que unha das dúas farmacéuticas galegas, Cofaga, acabe en mans doutro xigante do sector, a andaluza Bida Farma,  provocará que boa parte deses cartos acaben en Andalucía.

Miguel Reviejo, á esquerda, presidente de Cofaga
Miguel Reviejo, á esquerda, presidente de Cofaga | Fonte: Cofaga

Na actualidade, a distribución do mercado farmacético galego recae en dúas grandes cooperativas galegas, Cofaga, que integra as farmacias da Coruña e Lugo e Cofano, que agrupa ás do Sur, Ourense Pontevedra. A segunda move 230 millóns en medicamentos. A primeira,  160. O resto, ata agora, eran das grandes entidades; Cofares, con sede en Madrid e Bida Farma, en Sevilla. Precisamente, a posible disolución de Cofaga nesta última fará que a cooperativa andaluza se faga con boa parte do mercado galego. 

Bida Farma quere controlar o mercado galego

E iso fará tamén que rache o mercado galego. Ata agora as dúas grandes cooperativas galegas respectaban o seu territorio de actuación e mantiñan alianzas concretas para mercar conxuntamente fármacos e abaratar custos. Pero coa chegada de Bida Farma a Galicia, non haberá regras de cortesía porque a andaluza quere acaparar todo o territorio galego. Cofano xa anunciou que tamén se tentará estender ás provincias da Coruña e Lugo.

E apoios non lle han faltar porque moitos dos socios de Cofaga, 600 na actualidade, non aproban a disolución da cooperativa do norte. Manuel Patiño é un deles. É vogal laboral do Consello Reitor de Cofaga e un dos grandes detractores da disolución que impulsa o seu presidente, Miguel Reviejo. Xunto a el tamén están outros socios e todo o Comité de Empresa –máis de 130 traballadores directos e case 50 indirectos--. 

Almacén da cooperativa farmaceútica Cofaga
Almacén da cooperativa farmaceútica Cofaga | Fonte: Cofaga

É unha desfeita total porque se trata de disolver a cooperativa e que nos absolva a andaluza. Non hai razóns económicas, nin sociais para avalar esa traición a Galicia, aos socios e ao emprego”, critica Patiño en declaracións a GC que denuncia que van ser trasladados 175 millóns para Andalucia. “Normal que o consejero de Sanidad andaluz diga que é unha boa noticia”, ironiza.

E como é posible esta situación?. En principio, o propio presidente descarta unha mala situación económica. Os principais argumentos que aporta é que, coa integración con Bida Farma, gañaranse en eficiencia e tamén en infraestruturas.  Non obstante,  os críticos aseguran que esta operación non vai traer nin mellores servizos, nin mellores prezos. “O que vai traer son débedas, as deles, porque nós estamos saneados”, indican.

Coa integración, Cofaga vai ter o 20% do patrimonio pero só vai representar o 6% dos socios de Bida Farma. Ademais, a nova entidade quedará “gratis” co millón de euros que investiu a Xunta para robotizar o laboratorio de Cofaga. “E agora llo regalamos a Andalucía”, critica Patiño.

As escuras razóns da submisión

Por iso, este membro do Consello Reitor é contundente sobre o que implicará a integración e que considera que o que hai detrás desta operación é unha razón “política” e “de terra queimada” do presidente e xerente para tapar unha  suposta malversación. “Temos acreditado que hai un buraco dun millón de euros”, asegura. 

Tampouco os traballadores están de acordo. Estiman que coa fusión perderanse cen postos de traballo porque Galicia será “unha sucursal de Andalucía”. Ademais pecharanse catro dos oito almacéns que hai no país e tamén se verán afectados traballadores indirectos, como son os da subcontrata do transporte. 

A cooperativa Canaria xa dixo non a integración en Bida Farma. Agora, os críticos agardan que na asemblea que se vai celebrar este sábado, os socios tamén digan “non”. Por iso, iniciarán unha rolda de contactos cos grupos políticos para evitar o que consideran “un novo saqueo das arcas e dos recursos públicos galegos”, como aconteceu coas caixas.

Cofaga ten 75 anos en activo e é a cooperativa farmacéutica máis antiga de Galicia na distribución de medicamentos e produtos sanitarios. Bida Farma factura 2.000 millóns ao ano e conta con oito cooperativas de distribución de medicamentos de Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha que copan case o 20 % do mercado estatal, o que a converte actualmente na segunda empresa do seu sector en España, só por detrás de Cofares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 eusi

Entre PPodres anda a cousa (sexa en Galiza ou en Andalucia), ou alguén pensa que este gremio de farmacéuticos son de esquerdas?

2 galegoexiliado

La niña de Rajoy pasa factura pola sua abstención e reclama mais poder pas empresas andaluzas. O delegado de Génova en Galiza cala, non sexa que o imperio mediático de Madrí, controlado pola sua enemiga, volva a sacarlle afotos comprometedoras e o alonxen mais da sucesión de Mariano. E os galegos felices e contentos pois ven todolos dias na Tele del Movimiento que viven no país mais rico e desenvolvido do mundo, cos mellores salarios e pensions de Europa e parte do estrangero. Vivalbino.

1 Eugenio

Qué desastre...e non poderemos ter unha distribuidora propia galega, que se identifique Bida Farma, e antes Cofaga, non facian...e nós compremos en farmacias que traballen con capital galego?