A reconstrución inmediata da mama con prótese directa é oncoloxicamente segura

Investigadoras do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela confirman nun estudo a seguridade desta técnica para as mulleres con cancro de mama.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/05/2017 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A reconstrución mamaria inmediata con prótese directa é oncoloxicamente segura e non incrementa as taxas de complicacións nin a estancia hospitalaria. Así o asegura un estudo feito por investigadoras das unidades de Patoloxía Mamaria e Investigación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Muller autoexplora as súas mamas.
Muller autoexplora as súas mamas.

As autoras do estudo —Ana Calvache González, Beatriz Vidal Herradora, Finta Abella Oteroa e Casandra Arias Carrasco— veñen de publicar os resultados do seu traballo na Revista de Senología y Patología Mamaria, co título 'Cirugía oncológica de la mama y reconstrucción inmediata con prótesis directas'. Nel, destacan que "a reconstrución mamaria con prótese directa responde o desexo das pacientes de non perder a súa imaxe corporal tras a mastectomía e a evitar reoperaciones", polo que tentaron comprobar se esta técnica é segura e se ofrece resultados similares á reconstrución con expansores.

As investigadoras do CHUS fixeron unha análise retrospectiva de 98 pacientes intervidas consecutivamente entre os anos 2007 e 2015 con mastectomía e reconstrución inmediata. Compararon os datos clínicos, as complicacións, as reintervencións, os ingresos e os días de estancia entre as pacientes reconstruídas con próteses directas (61) e reconstruídas con expansores (37).

Os resultados mostraron que non houbo diferenzas no tipo de pacientes incluídas en ambos os grupos, agás o maior peso das mamas extirpadas no grupo dos expansores (277,64 g/462,75 g, p = 0,011). Este grupo tivo, segundo o estudo, maior número de ingresos (1,46/1,92, p = 0,029), pero non houbo diferenzas significativas nos días de estancia global, complicacións, asimetrías secundarias, capsulite ou reoperacións.

As autoras destacan que en ningún caso houbo complicacións oncolóxicas. Ademais, 37 pacientes recibiron radioterapia e destas, o 29,7% presentou capsulite fronte ao 16,3% de pacientes non radiadas (p = 0,089).

O estudo conclúe que "a reconstrución mamaria inmediata con prótese directa é oncoloxicamente segura e non incrementa as taxas de complicacións nin a estancia hospitalaria". Tamén destaca que "a radioterapia aumenta o risco de capsulite, pero non contraindica a técnica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta