Pleno.- A Cámara insta á Xunta a planificar o impulso do centro de distribución de gas natural licuado de Reganosa

Sae adiante a iniciativa do PPdeG coa abstención de PSdeG e BNG, e voto en contra en En Marea

Santiago de Compostela | 10/05/2017 | Actualizada ás 14:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Cámara galega instou este mércores á Xunta a planificar actuacións para o impulso do 'hub', centro de distribución de gas natural licuado (GNL), de Reganosa.

Esta iniciativa foi presentada polo PPdeG --contou coa abstención de PSdeG e BNG, e o rexeitamento de En Marea--, dado que considera este 'hub' "unha infraestrutura enerxética estratéxica para Galicia", cun gas natural licuado que "ten moito futuro".

Así o expuxo o deputado popular Miguel Tellado, quen defende que este é un "proxecto clave para a comarca de Ferrolterra", á vez que valorou que a planta de Reganosa en Mugardos "acumula nove anos de funcionamento sen ningún tipo de incidente".

Neste sentido, esgrimiu unha tese doutoral para defender que a presenza de Reganosa "non prexudica ao medio mariño da Ría de Ferrol", pois "é a que menos contamina" entre as empresas instaladas na zona.

POSTURAS DOS GRUPOS

A esta iniciativa dos populares presentaron unha emenda os socialistas na procura dun plan de desenvolvemento de actuacións do 'hub', onde se teñan en conta todas as garantías ambientais.

Os populares propuxeron incorporar dous puntos dos expostos polos socialistas, pero ante a posición do PSdeG a que se incluíse toda a súa emenda non se chegou a unha transacción.

Na súa intervención, Abel Losada (PSdeG) fixo mención tamén a que a instalación de Reganosa en Mugardos "aprobouse" porque a relación "era moi estreita" entre a Xunta de Manuel Fraga e os intereses empresariais.

Sobre este extremo, Juan Merlo (En Marea) denunciou as vinculacións existentes entre o expresidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga, o seu exconselleiro de Economía, José Antonio Orza, e o empresario Roberto Tojeiro, que derivaron na localización da planta en Mugardos.

Así mesmo, Merlo cargou contra que a proposición dos populares "é máis propia dun comercial" de Reganosa que "dun deputado", á vez que alertou de que o gas natural licuado é un combustible fósil e "contaminante", "cuxa implementación non está exenta de problemas e risco".

Noa Presas (BNG) recriminou que esta proposta do PPdeG é "ambigua" e "non fala con claridade de cales son as intencións" que persegue. Xunto a isto, reprocha aos populares que plaxien "catro parágrafos literais" do Español na súa iniciativa.

Tamén censura Presas que o Partido Popular aposte por renovar unha instalación que "a día de hoxe é ilegal" e que o PP "amparou pola porta de atrás cun goberno en funcións".

Finalmente, Tellado afirmou que "se Reganosa está en Mugardos foi porque un goberno socialista bloqueou a súa instalación no porto exterior de Ferrol", mentres remarca que o Tribunal Supremo "non ordenou a paralización da planta".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta