Épico Celta sen premio

O equipo celeste, superior ao Manchester United, empata 1-1 en Old Trafford e queda a tan só un gol da súa ansiada primeira final europea. Tras empatar Roncaglia o tanto inicial de Fellaini, Claudio Beauvue e Guidetti tiveron a clasificación na derradeira xogada. Mourinho recoñeceu a superioridade dos de Berizzo.

Por gcdeportes | Vigo | 11/05/2017 | Actualizada ás 23:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Manchester United 1:
Sergio Romero; Valencia, Eric Bailly, Blind, Darmian; Ánder Herrera, Fellaini, Paul Pogba; Lingard, Mkhitaryan (Carrick, 77') e Marcus Rashford (Smilling, 90').
RC Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja (Bongonda, 67'), Tucu Hernández, Daniel Wass (Jozabed, 46'); Pione Sisto (Beauvue, 79'), Iago Aspas e John Guidetti.
Goles: 1-0: Fellaini (minuto 17). 1-1: Roncaglia (85').
Árbitro: Ovidiu Hategan (Romanía). Expulsou a Bailly e Roncaglia con vermella directa no minuto 86. Amarelas a Blind (32') e Ander Herrera (80') no Ajax e a Iago Aspas (66') no Celta.
Incidencias: partido de volta das semifinais da Europa League no estadio de Old Trafford ante preto de 80.000 espectadores, entre eles 2.600 seareiros celestes.

Orgullo e afouteza celeste en Old Trafford. A un tanto da final soñada. Claudio Beauvue e Guidetti tiveron o gol da fazaña celeste no minuto 96, na derradeira xogada do partido no Teatro dos soños, pero non houbo acerto. Un Celta épico tivo contra as cordas ao Manchester United, o club máis rico do mundo, e loitou ata o asubío final por cumplir o seu soño, pero non puido pasar do empate (1-1) e caeu pola derrota 0-1 na ida en Balaídos. “Nós ímonos coa ledicia, pero eles co orgullo”, sentenciou Mourinho, que recoñeceu a superioridade do Celta.

Berizzo, Aspas e Hugo Mallo aplauden aos seareiros celestes en Old Trafford.
Berizzo, Aspas e Hugo Mallo aplauden aos seareiros celestes en Old Trafford. | Fonte: @EuropaLeague

Os celestes foron mellores durante case todo o partido, pero faltáronlle os goles. Fellaini adiantou o Manchester United no minuto 17, na primeira ocasión inglesa, e o Celta buscou con insistencia o empate. Este non chegou ata o minuto 85, nun remate coa testa de Roncaglia tras centro de Bongonda. Co 1-1, o equipo de José Mourinho tirou de opficio e provocou unha lea no medio do campo para frear a remontada celeste, e tralas expulsións de Bailly e Roncaglia, o árbitro concedeu seis minutos de desconto. Apenas se xogou, pero na última xogada, o balón chegou a Beauvue, que non tirou a porta e optou por ceder a Guidetti, que non puido executar o remate. Aí acabou o soño dos celestes, entre bágoas dos xogadores, aplaudindo aos 2.600 seareiros que tomaron Old Trafford. O Manchester United xogará a final do día 24 en Estocolmo contra o Ajax.

O Celta saiu decidido a polo partido. Nos cinco primeiros minutos, Aspas chegou dúas veces pola dereita, e na segunda, o seu disparo desviouno a córner Romero. O Celta dominaba no arrinque coa posesión, recuperando e tocando en campo contrario, pero na primeira chegada do Manchester, centro de Rashford ao segundo pau e remate coa testa de Fellaini, que lle gañou ás costas a Tucu Hernández. 1-0 no minuto 17 e a eliminatoria case imposible.

O Celta acusou uns minutos o golpe, pero recuperou a iniciativa, axudado por un Manchester que se pechou no seu campo á espera dunha contra. O Celta foi medrando e acabou o primeiro tempo como comezara o choque, con dous disparos dun activo Pione Sisto e un centro do dinamarqués que rematou Daniel Wass desviado coa testa.

Berizzo moveu ficha no descanso e deu entrada a Jozabed por Wass. Guidetti puido marcar no primeiro minuto tras unha chegada á liña de fondo e un centro de Hugo Mallo. Outra chegada do capitán pola banda e Pione Sisto deixou para Guidetti, que rematou fóra coa esquerda. O Celta mandaba, Jozabed aportaba claridade no ataque e se chegaba á área rival, pero tamén Sergio Álvarez tivo que intervir dúas veces para evitar o segundo do Manchester tras remates de Marcjus Rashford e Fellaini.

As bágoas de Aspas pola eliminación en Old Trafford.
As bágoas de Aspas pola eliminación en Old Trafford. | Fonte: @EuropaLeague

Toto Berizzo meteu a Bongonda por Radoja e retrasou a Jozabed, que probou dende fóra no minuto 70. Outro centro de Hugo Mallo, e remate coa testa de Guidetti desviado. Pasaban os minutos, pero o Celta non desesperaba e seguía pelexando polo empate. Chegou no minuto 85, tras un centro de Bongonda e remate coa testa de Roncaglia. O Manchester tirou das habituais mañas de Mourinho para frear o ímpeto e a remontada celeste. Os red devils provocaron unha lea no medio do campo, foron expulsados Bailly, tras agredir a Guidetti, e Roncaglia, e o Manchester logrou que apenas se xogase nos último minutos (seis de engadido). Malia a todo, o Celta tivo unha última ocasión: balón á área, Tucu Hernández peitea para atrás, Cabral deixa só a Beauvue, que no canto de tirar a porta, pasa atrás a Guidetti, que non puido atinar co remate.

Fin ao soño europeo do Celta, con bágoas dos xogadores, tirados polo céspede, que saíron de novo ao campo para agradecer o apoio dos 2.600 seareiros celestes que, como o seu equipo, dominaron en Old Trafford. Orgullo e afouteza celeste en Old Trafford.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

7 Xosé

Aupa Celtiña!! Fixéstelo de marabilla. Os celtistas de todo a vida estamos orgullosos e moi agradecidos. Adiante e a seguir asi

6 Fartodechoróns

Ahora que piensen en el año próximo y que vayan ya llorados de casa, que eso de la afouteza, el Hino galego y la Rianjera no te gana partidos. Sirve si acaso para que a los descerebrados de siempre se le hinchen las venas do pescozo de tanto berrar, pero nada más.

5 xos

Un gran ano para o Celta, malia todo. E ten mérito a popularización do termo "Afouteza"

4 Sesees

O fútbol e asi , ese xogador que choraba onte ríase cando lle ganaron ao depor. Non sempre se gana

3 Celta

Gamela mercar os dereitos da Uefa debe ser o presuposto da TVG de varios anos , crees que pode competir cós inversores arabes que mercan os dereitos , costoulle suor a unha multinacional coma Movistar+ chegar a un acordo e ti queres empeñar a un pobo có fútbol, quen quera o fútbol que o pague ou que gaste 1.5 nunha birra nun bar que tamén teñen que comer. O do comentario 1 debe ser o único ofendido polos cánticos, nin o Mou se ofendeu, Bravo polo Celta Bravo polos siareiros!

1 Failde

Custosisimo! Na SIC, unha canle portuguesa do Porto, puidemos seguilo en directo. Cousas de ter acceso a televisión portuguesa en aberto! Cousas de priorizar (vos seguide coa cutrada de Land Rover e Luar que se ri de nos mesmos). E os siareiros que atacan a Mourinho pola orixe son lixo! Cando hai poderosas razóns para facelo caen na provocación fascistoide do españolismo rancio da raza!

2 Celta

Que atrevida é a inorancia inda por riba sumada o anonimato. Que terá que ver o Luar ou Land Rober có fútbol ou a canle portuguesa. Os dereitos dos partidos da Europa league son de Bein, vai negociar con eles o custo, e se non pregúntalle a Movistar os millóns de euros que tivo que pagar. Os dereitos van por países e bein non ten os dereitos en Portugal por certo. Gastar millóns de euros públicos no fútbol, pan e circo para os borreguiños coma ti.

3 Anónimo coma ti

Menos mal que ti te identificas! E que entendes moito! Quen dixo gastar cartos públicos? Nin polo fútbol nin polas conachadas de Luar e Land Rover! Logo, se os miras, igual ti es o aborregado! Sabes que é negociar, sabes que non hai Imposible, sabes que o dos "países" é asegún... e sabes que desde território galego poden verse canles portuguesas en aberto? E podían ser máis, ampliar cobertura e difusión, se non fora pola política centralista e polos borregos que pensades que é Imposible!

4 Mellor calado

O dito cada ringleira que cubres demostras máis inorancia. Anda vai coller un libro anda.

5 Mellor borrego

Si, hai que ser ignorante para anotar 'inorancia' (nin galego, nin portugués, nin castelán, nin corretor, nin rabo de gaita).