Cando Fraga competía co Estado en política exterior

“Actualmente non existe unha acción exterior da Xunta por desidia e por incompetencia”, asegura o secretario xeral do Eixo Atlántico que critica a inexistencia dunha política para impulsar as relacións entre Galicia e Portugal ou co exterior.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/05/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“Fraga podía ser como era pero está claro que foi o que máis fixo para promocionar a Galicia no exterior. Hoxe, a acción exterior da Xunta non existe”. Con esta contundencia se refire Xoán Vázquez Mao, gran coñecedor das relacións con Portugal pola súa condición de secretario xeral do Eixo Atlántico,  sobre a política de exteriores do Goberno galego. 

Fraga nunha xuntanza da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
Fraga nunha xuntanza da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal | Fonte: Xunta

De feito, lembra que, a pesar do seu pasado e da súa orientación política, foi o ex presidente Manuel Fraga quen “realmente impulsou a acción exterior da Xunta” nun momento no que Galicia era coñecida no exterior ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi. “E non ten nada que ver co soberanismo, porque Fraga era o oposto a iso, pero tiña unha acción exterior moi potente”, indica en declaracións a Galicia Confidencial. E, agora, desa época, nada queda. Só algunha oficina da Xunta no exterior que malvive sen facer moito ruído. Pero, como se chegou a esta situación?. 

Mao teno claro, “pola manifesta incapacidade exterior da Xunta”. E, agora, tras a aprobación polo Goberno de Madrid da Ley de Acción Exterior, o PP está “renunciando” a toda a acción exterior que potenciara Fraga. Por iso, aclara, non é casualidade que coincidindo coa saída desta nova norma, a Xunta “renuncie absolutamente” a facer acción exterior. 

Comunidade de Traballo “só de conferencias”

Este xoves, Feijóo negábase a avanzar os temas da xuntanza que terá lugar este luns da Comunidade de Traballo entre Galicia e o Norte de Portugal, ben porque non os coñeza, ben porque non se vai chegar a acordo ningún.  “Non é un plenario, senón un foro de conferencias, na que non se vai falar de nada importante... Nin de incendios, nin de sanidade, nin de infraestruturas, nin de educación... Non se vai falar de nada”, aclara Vázquez Mao sobre este encontro. “E Feijóo non vai a estar presente para nada. Só vai figurar na clausura. Fraga estaba de principio a fin nas xuntanzas”, engade.

Feijóo recibe de mans do Goberno portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique
Feijóo recibe de mans do Goberno portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique | Fonte: xunta.gal

“O que se vai a transferir o día 15 non é un cadaleito senón un morto”, destaca sobre a operatividade dun encontro coordinado pola Secretaría Xeral de Acción Exterior e a Vicepresidencia da Xunta. “Rueda e Gamallo van contando continuas mentiras e din que que foi grazas a eles que a Eurorexión conseguiu máis de cen millóns. Iso é mentira porque o reparto da cooperación está aprobado desde o 2013 e, desde entón, curiosamente, nunca se reuniu a Comunidade de Traballo”, apunta Mao.

Neste sentido, lembra que Galicia e o Norte de Portugal recibiron eses cartos pola negociación dos estados con Bruxelas e, ademais, puntualiza que, as candidaturas que máis diñeiro recibiron son de entidades que non teñen que ver coa Xunta. Por iso, lamenta que desde a Xunta “queiran vender fume”.

As “mentiras” da Xunta

Esa é unha das “grandes mentiras” da Xunta sobre a acción exterior con Portugal, segundo Mao. A outra, que se diga que o Goberno galego vai tentar influír no cumio ibérico entre Portugal e Galicia que vai ter lugar a final deste mes. “Os temas xa están falados e a Xunta non dixo nin mu”, apunta. Ademais, lembra que o Ministerio de Asuntos Exteriores pediulle ás comunidades de fronteira que lles fixeran chegar propostas. “Outras autonomías preguntaron aos sectores económicos e sociais por se había algo que aportar e Galicia non lle preguntou a ninguén; nin ao Eixo, nin á Fegamp, nin a ninguén. Propostas 0”, engade.

“Sería bo que algún subordinado do presidente o deixara de enganar ou que o presidente consultara aos axentes da fronteira para que os seus subordinados non o enganen”, ironiza Mao sobre os obxectivos do encontro do vindeiro luns.

Por iso, pídelle a Xunta que tome nota do legado de Fraga e de Touriño e que impulse a acción exterior, especialmente, cos grandes retos pendentes entre Galicia e norte de Portugal. Entre estes retos están o da mobilidade e conseguir que o Goberno español retome a saída sur por Vigo. Tamén impulsar unha axenda social conxunta, como é a homologación de títulos, desbloquear burocracias para as eurocidades, servizos comúns para áreas despoboadas ou unha maior promoción do Camiño Portugués.

Ademais, outros dos puntos a abordar sería o da creación dunha nova comisaría conxunta entre Chave e Verín e unha Unidade de Emerxencias común que coordine os servizos dos dous lugares en caso de grandes catástrofes, como incendios. Tamén están o da coordinación de portos para facer un fronte atlántico fronte ao mediterráneo e, finalmente, “a falsa deslocalización que é un problema inexistente e que debería ser solucionado con seriedade e con coordinación de políticas industriais conxuntas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta