GC Aberto

No Día das Letras Galegas: O camiño inverso do Hebreo

A normalización do hebreo é todo un exemplo a seguir para calquera departamento de planificación lingüística no mundo.

Por GalizaIsrael (http://www.galiza-israel.org) | GC ABERTO | 15/05/2017

Comparte esta noticia

Algunhas linguas desdichadas e pasadas a mellor vida contan con falantes ilustres: Tuone Udaina no caso do dálmata, Dolly Pentreath no que respecta ao córnico ou Ned Maddrell cando se fala do manés. Todos eles pasaron efectivamente á historia da lingüística por tratarse dos derradeiros falantes nativos dos seus respectivos idiomas. Ben-Zion Ben-Yehuda, con todo, é toda unha rara avis da sociolingüística, pois será por sempre lembrado por todo o contrario: ser o primeiro falante nativo dun idioma, neste caso, o hebreo moderno. O caso do estado de Israel- e o da normalización do hebreo moderno- supón un caso único na historia sociolingüística.

A cantante de Israel Noa
A cantante de Israel Noa | Fonte: cidadedacultura.org

Por unha banda, pola intrincada historia, antiga e moderna, da comunidade xudía. Por outro, pola relativa importancia numérica da súa comunidade lingüística e o elevado valor cohesionador do hebreo para os diferentes pobos xudeus. Os primeiros textos escritos en hebreo son os textos bíblicos do período que vai do 1200 á 200 AC. Aínda e así, a partir do século III deixou de ser a lingua de uso habitual do pobo xudeu. Cabe dicir, así mesmo, que a lingua hebrea nunca foi utilizado por ningún pobo distinto do xudeu. A pesar de todo, o hebreo clásico xamais deixou de ser lido e escrito. Certos ámbitos (sobre todo o relixioso) mantiveron o seu uso simbólico ao longo dos séculos; mentres tanto, o arameo, o grego, o yiddish, o castelán, o inglés, o ruso e outros idiomas foron aos poucos converténdose nas linguas das diferentes comunidades xudías.

A recuperación do hebreo comezou a xestarse no século XIX cando empezaron a fundarse en diferentes países europeos (especialmente en Rusia) sociedades lingüísticas, á vez que se publicaban revistas e libros no idioma sacro, abríanse escolas e establecíase, en síntese, unha auténtica infraestrutura de ensino e uso da lingua hebrea. Co paso do tempo, o hebreo comezou a ser unha lingua tamén de uso coloquial. Os primeiros xudeus establecidos en Palestina por mor da Aliyá (retorno á Terra Santa) decidiron utilizar o hebreo como lingua familiar e de relación. Eliezer Ben-Yehuda, xudeu lituano, foi o home crave que concibiu a vernaculización do hebreo ao introducir as bases lingüísticas para a modernización do idioma en 1892 e ao aprenderllo ao seu fillo Ben-Zion Ben-Yehuda, considerado o primeiro falante nativo de hebreo moderno. Tal foi o labor de inmersión lingüística por parte de Ben-Yehuda pai para co seu fillo, que se di, entre outras anécdotas, que un día recriminou fortemente á súa muller ao sorprendela cantando unha nana en ruso ao bebé.

Por entón a sorte do hebreo xa estaba botada. Durante as primeira e segunda Aliyás fóronse establecendo ao longo e ancho de todo Israel escolas hebreas, nas que as novas xeracións educaríanse completamente no devandito idioma. Así mesmo, en 1909 fundouse a primeira cidade cento por cento hebrea: Tel Aviv. En 1927 viu a luz a Universidade Hebrea de Xerusalén, grazas á cal o idioma tomaría un cariz aínda máis académico. O proceso de recuperación culminou en 1948, ano en que o hebreo foi proclamado lingua oficial do recentemente independinzado Estado de Israel. Deste xeito o idioma adquiriu un valor instrumental e integrador nunha sociedade multilingüe como a israelí, posto que fixo as veces de interlingua superadora da diversidade de grupos que se integraron no novo estado, aínda que non sempre dunha maneira demasiado ortodoxa- a moitos xudeus que falaban outros idiomas adoitábaselles increpar con eslogans tales como: Xudeu, fala hebreo!. A recuperación do hebreo como lingua usual do pobo xudeu considérase como un feito extraordinario dentro do ámbito sociolingüístico, pois se trataba, nin máis nin menos, de volver a empregar unha lingua que caera en desuso dous mil anos atrás... e conseguiuse. O hebreo é hoxe en día a lingua cotiá do pobo de Israel. Todo un exemplo a seguir para calquera departamento de planificación lingüística no mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 urco

ha outros exemplos de comunidades com politicas linguisticas exitosas. sem irmos mais longe a basca e a catala, sem pra que isso fosse necessario no seu caso construir num estado fundamentado no racismo (israel define-se assi mesmo como estado judeu), na teocracia (prevalencia da lei religiosa sobre a civil, p.e. nos matrimonios) e no apartheid (negaçom dos direitos civis a comunidade palestina).

1 Rubén

Não acredito no que leo no teu comentário Urco! Como tens tan pouco conhescemento do que está a acontecer em Israel? Lembro-te que os judeus são o povo que mais sofreu o racismo, durante milénios!! E seguro que não sabes que em Israel os musulmans vivem muito bem, de feito tenhen representantes musulmans no parlamento israelí, podes comprobar. Assim tratan os judeus os musulmans. Pela contra, sabes o que lhe pasaría a um israelí, ou judeu qualquer, se ele quixer viver num país musulman? Sería assasinado o primeiro día. Por favor, não dizer besteiras!