Gómez Noya, noveno en Xapón

O triatleta galego, lastrado por unha infección bucal que padeceu esta semana, chega á meta de Yokohama a 1:25 do vencedor, o mallorquino Mario Mola, e baixa ao terceiro posto da clasificación das Series Mundiais. A vindeira cita, en Leeds o 10 de xuño.

Por gcdeportes | Compostela | 13/05/2017 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

Lastrado por unha infección bucal que padeceu esta semana e que lle obrigou a medicarse con antibióticos, Javi Gómez Noya non puido subirse ao podio na terceira proba das Series Mundiais disputada en Xapón. O triatleta galego entrou na meta de Yokohama na novena posición, a 1.25 do vencedor, o mallorquino Mario Mola (1h:48:15). Segundo foi o talaverán Fernando Alarza, afincado en Pontevedra. Jonathan Brownlee, na súa estrea nas Series Mundiais, caeu no último quilómetro do segmento ciclista, chegou á T2 coa bici ao lombo e quixo rematar a proba aínda sen opcións de puntuar.

Mola sae ao esprinte mentres Gómez Noya aínda pon as zapatillas.
Mola sae ao esprinte mentres Gómez Noya aínda pon as zapatillas. | Fonte: @worldtriatlon

Precisamente, o irmán pequeno dos Brownlee foi o primeiro en saír da auga, con Javi Gómez Noya moi ben colocado a 10 segundos tras 1,5 quilómetros de natación complicados e con moitos golpes. Todos os favoritos entraron no grupo principal para os 40 quilómetros de bicicleta, moi duros pola choiva constante, e se mantivo unido malia os intentos iniciais de Jonny Brownlee por rachalo. O triatleta británico semellaba atoparse en moi bo estado de forma, sempre diante no grupo, pero foise contra o valado no último quilómetro.

Á T2, Mario Mola chegou con apenas tres segundos de vantaxe sobre Gómez Noya, pero o mallorquino esprintou de saída, foise a pola cabeza da proba e o galego, lastrado físicamente, xa non puido seguir o seu ritmo. Venceu Mola, que fixo os últimos quilómetros en solitario, cun tempo de 1h.48.15. Segundo foi Alarza (1h.48.23) e terceiro o noruegués Kristian Blummenfelt. Gómez Noya, que por momentos parecía querer loitar polo quinto posto, acusou o cansazo e non puido manter o ritmo, entrando noveno en meta cun tempo de 1h:49:40.

Trala disputa das tres primeiras probas do Mundia, Javi Gómez Noya, campión na primeira da tempada en Abu Dabi, vai terceiro con 1.862 puntos. Primeiro é Mario Mola con 2.064 e segundo Fernando Alarza, con 2.058. A vindeira cita será xa en Europa, na cidade dos irmáns Brownlee, Leedes, o vindeiro 10 de xuño.

Gómez Noya, co número 1, listo para lanzarse á auga.
Gómez Noya, co número 1, listo para lanzarse á auga. | Fonte: @triathlonlive
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta