Leyma, a un paso das semifinais

O Básquet Coruña vence na prórroga 104-94 a Palencia e os de Tito Díaz toman vantaxe 2-1 na eliminatoria. O domingo ás 18.00 horas, de novo en Riazor, oportunidade para acadar o pase á seguinte rolda.

Por gcdeportes | A Coruña | 13/05/2017 | Actualizada ás 09:19

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Leyma Coruña 104:
Zach Monaghan (14), Ángel Hernández (14), Tautvydas Sabonis (7), Gediminas Zyle (13), Sergio Olmos (13) –cinco inicial- Javi Lucas (5), Filip Djuran (17), Joan Creus (8), Larry Abia (4), Mikulic (2), Kyle Rowley (3) e Pablo Ferreiro (4).
Quesos Cerrato Palencia 94: Josep Pérez (1), Roma Bas (14), Marc Blanch (2), Urko Otegui (0), Mamadou Samb (14) –cinco inicial- Jhornan Zamora (15), Lamont Barnes (11), Dani Rodríguez (35), Joan Tomás (0) e Maldunas (2).
Parciais: 22-12, 24-21 (46-33), 22-28, 20-27 (88-88), 16-6 (104-94).
Árbitros: Esperanza Mendoza Holgado e Alberto Baena Arroyo. Eliminaron a Sergio Olmos no Básquet Coruña e a Urko Otegui e Mamadou Samb no Palencia.
Incidencias: terceiro partido dos cuartos de final de ascenso á ACB no pavillón municipal de Riazor ante arredor de 2.500 espectadores.

Vitoria na prórroga, con sufrimento e nun partido espectacular. Foi gañando todo o partido o Básquet Coruña e chegou a ter 17 de vantaxe (45-28), pero encaixou 55 puntos tralo descanso e o Palencia púxose por primeira vez por diante a falla de catro minutos (76-77). No se foi abaixo o Leyma, que se agarrou ao partido tralos momentos de dúbidas e conseguiu forzar a prórroga (88-88), onde foi mellor que o Palencia. Ao final, 104.94 e 2-1 na eliminatoria para os de Tito Díaz, que terán dous partidos para tentar acadar o pase a semifinais. A primeira opción, o domingo ás 18.00 horas de novo en Riazor.

Palencia tardou máis de dous minutos en estrearse e Leyma, que apertaba en defensa, xa mandaba 6-0. Con menos de cinco minutos, 12-4 e tempo visitante. Romas Bas anotou unha tripla, pero respostou Monaghan, e pouco despois Tuty Sabonis. Kyle Rowley pechou o cuarto para os coruñeses: 22-12. Dani Rodríguez comezou a anotar para Palencia, pero Creus e Djuran sumaban máis para Leyma. Tras tres libres sen erro de Javi Lucas, máxima vantaxe: 41-24, con bos minutos de Pablo Ferreiro na pista. A terceira tripla de Romas Bas deixou a diferenza en trece ao descanso: 46-33.

Gediminas Zyle supera a Urko Otegui para anotar en Riazor.
Gediminas Zyle supera a Urko Otegui para anotar en Riazor. | Fonte: @basquetcoruna

Dani Rodríguez, dúas veces, e Samb anotaron dende 6,75, pero respostaron Ángel Hernández, outras dúas, e Zach Monaghan (57-42). Leyma mantiña unha vantaxe cómoda, ata que 6 puntos consecutivos de Barnes achegaron a Palencia (64-55). Outras dúas triplas de Zamora e Barnes deixaron o marcador en 68-61 con dez minutos por diante.

Tripla de Zamora, 2+1 de Samb e aos coruñeses entráronlle as dúbidas (72-71). Nos primeiros cinco minutos do asalto definitivo, só dúas canastras locais: as triplas de Djuran e Monaghan. Pero Romas Bas sumou a cuarta e Dani Rodríguez un 2+1, e Palencia culminou a remontada (77-80). As triplas de Creus e Ángel Hernández mantiveron o Leyma, que se puxo de novo por diante cun 2+1 de Olmos (86-85). De novo Olmos fixo o 88-86, pero Dani Rodríguez empatou o choque dende o tiro libre (88-88) e errou unha tripla final para gañalo.

Na prórroga, o Básquet Coruña foi mellor, malia a un mal primeiro ataque de Ángel Hernández. Sergio Olmos anotou 4 puntos e Zyle unha tripla (95-92). E un rápido Monaghan sentenciou cunha canastra baixo o aro rival. Ao final, tras seis tiros libres sen erro, 104-94 para os de Tito Díaz. E 2-1 na eliminatoria. a un paso das semifinais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta