Galicia dá á ciencia unha nova especie de oso de auga, o ser máis resistente do mundo

Investigadores de Portugal e da Universidade de Santiago describen por primeira vez dúas novas especies de tardígrados, unha descuberta en San Cibrao e outra en Cascais. Estes animais están considerados os máis resistentes da Terra e son mesmo capaces de sobrevivir e reproducirse no baleiro do espazo exterior. Algúns científicos pensan que poden ser a chave para a colonización doutros planetas.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 23/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O ser máis resistente da Terra é un invertebrado microscópico de oito patas que mide apenas medio milímetro, vive na auga ou en zonas húmidas —como musgo ou fentos—, é capaz de resistir temperaturas que oscilan entre os -272º C e os 150º C, radiacións de raios X e raios ultravioletas até 1.140 veces a dose letal para o ser humano e presións 6.000 veces superiores á atmosférica, e pode sobrevivir no baleiro do espazo exterior ou pasar dez anos sen obter auga nun proceso de deshidratación prolongada. Estes son só algúns dos superpoderes deste animaliño da familia Ecdysozoa coñecido como Tardigrada ou, máis comunmente, como oso de auga, polo seu aspecto e movementos. Dende que o zoólogo alemán Johann August Ephraim Goeze describiu os tardígrados por primeira vez para a ciencia, en 1773, a comunidade científica identificou arredor de mil especies deste ser en todo o mundo. Agora, Galicia aporta á ciencia un novo oso de auga: o Ramazzottius littoreus, unha nova especie de Eutardigrada —unha das tres clases do filo Tardigrada—, descuberta en San Cibrao (Lugo).

Imaxe microscópica en alta resolución dun oso de auga (Tardigrada) sobre musgo, de Nicole Ottawa e Oliver Meckes, unha das mellores fotografías de 2013 para National Geographic e a NASA.
Imaxe microscópica en alta resolución dun oso de auga (Tardigrada) sobre musgo, de Nicole Ottawa e Oliver Meckes, unha das mellores fotografías de 2013 para National Geographic e a NASA. | Fonte: Eye of Science - Science Source.

O excepcional achado é publicado por investigadores do Departamento de Bioloxía da Universidade de Porto, do Centro de Ciências do Mar e do Ambiente de Lisboa —participado polas universidades de Lisboa, Coimbra, Açores, Évora, a Nova de Lisboa e o ISPA (Instituto Universitário), do Interdisciplinary Centre of Marine and Environmental Research (CIIMAR) de Porto— e da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, da Universidade de Santiago de Compostela.

Os autores describen por primeira vez para a ciencia dúas novas especies de Tardigrada: a atopada en San Cibrao e outra descuberta en Cascais (Portugal), bautizada esta como Macrobiotus halophilus. O artigo, titulado 'Two new species of Tardigrada (Eutardigrada: Ramazzottiidae, Macrobiotidae) from the supralittoral zone of the Atlantic Iberian Peninsula rocky shores', publícase na revista científica Zootaxa. Nel, os investigadores describen así o seu achado en Galicia:

"Atopáronse dúas novas especies de Eutardigrada en líques supralitoriais, que medran en beiras rochosas de dúas localidades da costa atlántica occidental da Península Ibérica. Ramazzottius littoreus sp. nov., atopado en San Cibrao (Norte de España), ten a cutícula dorsal esculpida con tubérculos pequenos e garras con puntos accesorios similares a R. oberhaeuseri [outra especie de oso de auga]", explican os científicos.

Actualmente describíronse 27 especies de Ramazzottius, algunhas das cales, apuntan os autores do achado, "son moi similares e só poden distinguirse por unha morfoloxía de ovo diferente". Destas 27 especies de Ramazzottius, só hai sete que comparten unha serie de características coa atopada en San Cibrao. E destas sete, tres especies diferéncianse claramente das demais, como o Ramazzottius littoreus, nos procesos de produción de ovos. 

Imaxe da nova especie de oso de auga 'Ramazzottius littoreus' descuberta en San Cibrao (Lugo)
Imaxe da nova especie de oso de auga 'Ramazzottius littoreus' descuberta en San Cibrao (Lugo) | Fonte: Fontoura et al, Zootaxa 4263 (3).

O SER MÁIS RESISTENTE DO PLANETA TERRA

Os tardígrados gañáronse a fama de animal máis resistente do mundo ao descubrirse que poden desenvolver estratexias de inactividade que lles permiten pechar todos os procesos biolóxicos que non son esenciais cando as condicións non son propicias para soster a vida. Así, os osos de auga son capaces de entrar en estado de criptobiose, un proceso que lles permite sobrevivir en condicións extremas, paralizando ou reducindo todos os seus procesos metabólicos ata que as condicións ambientais volvan ser favorables.

En 2008, na súa tese doutoral, María Purificación Veiga Sánchez —unha das autoras do artigo no que se describe por primeira vez o Ramazzottius littoreus atopado en San Cibrao— esclareceu que en Galicia "os tardígrados foron escasamente estudados, con só dúas especies citadas ata o momento: Batillipes pennaki Marcus, 1946 (GIERE, 1979) e Echiniscoides sigismundi hispaniensis Kristensen & Hallas, 1980 (KRISTENSEN & HALLAS, 1980)".

O oso de auga é unha criatura tan excepcional que recibiu unha especial atención por parte da comunidade científica internacional nos últimos anos. A súa asombrosa resistencia aos ambientes máis extremos converteuno nun animal de grande interese para os investigadores, que tentan comprender a súa excepcional bioloxía.

Por exemplo, a súa capacidade para soportar niveis moi altos de radiación levou aos científicos a utilizar tardígrados na investigación espacial. Primeiro, a Axencia Espacial Europea (ESA), en 2007, e logo, a NASA, en 2011, realizaron experimentos no espazo con estes animais. A sorpresa foi maiúscula: comprobouse que o oso de auga non só podía sobrevivir ás condicións do baleiro do espazo exterior sen asistencia técnica algunha, senón que tamén mantivo a súa capacidade reprodutiva.

Outras investigacións foron enfocadas á secuenciación do seu xenoma. En 2015, un grupo de investigadores da Universidade de Carolina do Norte (Estados Unidos) secuenciou por primeira vez o xenoma do tardígrado e atopou algo inédito: o 16% do seu material xenético era alleo, adquirido de bacterias, fungos ou microbios.

Recentemente, a revista Nature tamén publicaba os resultados dun estudo de científicos xaponeses que lograron identificar no oso de auga un xene asociado a unha proteína que, en experimentos de laboratorio con células humanas cultivadas, proporcionou resistencia contra o dano que causan os raios X no ADN humano

Outro estudo publicado este ano en Molecular Cell demostrou que os xenes dos tardígrados codifican unhas proteínas únicas —TDPs (proteínas intrinsecamente desestructuradas específicas dos tardígrados)— para resistir sen auga durante anos. Eses xenes únicos permítelles sobrevivir desecándose. 

E en 2016, científicos do Instituto Nacional de Investigación Polar de Xapón resucitaron un oso de auga que fora atopado conxelado no  Polo Sur en 1983. O proceso de desconxelación comezou en maio de 2014. Antes, só se lograra revivir un destes microanimais tras un máximo de nove anos de conxelación, polo que este logro supuxo un novo fito científico.

Desde que apareceron na Terra, hai uns 500 millóns de anos, estas criaturas sobreviviron a cinco extincións masivas. E seguen aparecendo novas especies, como a atopada e descrita agora para a ciencia en San Cibrao. Algúns científicos pensan que poden ser a chave para a conquista do espazo e a colonización doutros planetas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Xocas

É um pepeiro arcaico sem cerebro mas com oito gadoupas para trincar pasta

3 Antón

Tese de doutoramento Sen asistencia técnica ningunha Desestruturados

2 Joaquim

Ula a pirolinha do bicho? Ou não tem?

1 anonimo

Pero indo ao importante. Cómese?