Galicia arrasa en Pamplona

O tudense Gustavo Rodríguez domina o Campionato de España de tríatlon de media distancia, na que foi a súa terceira vitoria en tres edicións do Half Triathlon Iruña, con case seis minutos de vantaxe sobre o tamén galego Pablo Dapena, segundo.

Por gcdeportes | Lugo | 14/05/2017 | Actualizada ás 09:44

Comparte esta noticia

Outro título para Tavotui, e dous galegos no máis alto do podio do Campionato de España de tríatlon de media distancia, disputado en Pamplona. O tudense Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) repetiu triunfo en Pamplona e de paso proclamouse campión de España, mentres que Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) foi segundo.

Gustavo Rdodríguez e Pablo Dapena, no podio de Pamplona.
Gustavo Rdodríguez e Pablo Dapena, no podio de Pamplona. | Fonte: @FEGATRIPM

Tralos 1.900 metros de natación no pantano de Alloz, Pablo Dapena e Ángel Salamanca ían en cabeza destacados, mentres que, como é habitual, Gustavo sufriu na auga. Chegaba o momento da bicicleta, 85 quilómetros ata Pamplona que foron decisivos. Dapena logrou poñerse en cabeza en solitario, mentres que Gustavo, ex profesional ata 2010 no Xacobeo Galicia, comezou a amosar a súa superioridade sobre a bici. O tudense era unha bala, ata que no quilómetro 36 logrou adiantar a Dapena e poñerse líder. A partir dese intre, absoluta superioridade do tudense, que logrou chegar á T-2 con máis de sete minutos de vantaxe sobre Pablo Dapena.

Aínda quedaban por diante 21 quilómetros de carreira a pé polas rúas pamplonesas, pero Gustavo non tivo excesivos problemas para manter a distancia e chegar a meta en solitario e cunha enorme distancia. Rodríguez repetiu vitoria en Pamplona por terceiro ano consecutivo e proclamouse campión de España de tríatlon de media distancia cun tempo de 3h:40:36, mentres que segundo foi Pablo Dapena (3h:46:26). Terceiro foi Joan Ruvireta (3h:52.58). Ademais, destacar a novena posición de Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 3h:56:27, ou de Iván Cáceres, na 15ª praza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta