O Dépor, un ano máis en Primeira

O equipo deportivista empata 0-0 en Vilarreal e suma 33 puntos, que lle sirven para certificar a permanencia a falla dunha xornada. O vindeiro curso disputará a cuarta campaña consecutiva en Primeira. O sábado ás 19.00 horas, peche da Liga contra As Palmas.

Por gcdeportes | A Coruña | 14/05/2017 | Actualizada ás 22:11

Comparte esta noticia

Mesmo escenario e mesma xornada que hai doce meses. Un empate en Vilarreal para acabar co sufrimento e acadar o obxectivo: un ano máis en Primeira. A falla dunha xornada, o Dépor por fin está salvado. O equipo deportivista defendou o 0-0 inicial no estadio castellonenco e sumou o punto necesario para certificar a permanencia.

Abrazo entre Florin Andone e Lux para celebrar a permanencia.
Abrazo entre Florin Andone e Lux para celebrar a permanencia. | Fonte: lfp.es

O equipo de Pepe Mel suma 33 puntos, e vese favorecido polo resultado en San Mamés. O Sporting venceu 0-1 en Eibar e suma 30, pero o empate (1-1) do Leganés co Athletic fai imposible o triplo empate que podía prexudicar os coruñeses. O Dépor, co golaverage a favor co Sporting de Xixón, segue deste xeito un ano máis en Primeira e o Sporting descende a Segunda División xunto con Osasuna e Granada.

“Obxectivo cumprido na 110 temporada d #anosahistoria. Moitísimas grazas polo apoio #ánosaforza! #PRIMEIRAPARASEMPRE”, foi a mensaxe en twitter do RC Deportivo para celebrar a permanencia. O Deportivo poderá celebrar a salvación, xa sen a angustia polo resultado, o vindeiro sábado (19.00 horas, tralo troco da LFP) en Riazor ante As Palmas.

"Un traballo defensivo magnífico", resumiu o partido Pepe Mel, que confía en seguir a tempada que ven no Deportivo, e comezar a campaña dende o principio. Mel chegou á Coruña na xornada 25ª, co equipo 17º con 19 puntos, para substituír a Gaizka Garitano. Tras sumar 8 puntos (2 vitorias e 2 empates) nas catro primeiras xornadas, tan só acadou 6 nas últimas dez: 1 vitoria, 3 empates e 6 derrotas. O Dépor segue sendo 17º, agora con 33 puntos.

Deste xeito, o Deportivo disputará no curso 2017-18 a súa cuarta campaña consecutiva en Primeira División, algo que tan só acadou en tres ocasións anteriores ao longo da súa historia: entre 1941 e 1945 (4 campañas), entre 1948 e 1957 (9 campañas) e despois no exitoso periodo entre 1991 e 2011 (20 campañas).

Os xogadores deportivistas celebran a permanencia matemática.
Os xogadores deportivistas celebran a permanencia matemática. | Fonte: lfp.es

Ficha técnica
Vilarreal 0:
Andrés Fernández; Mario Gaspar, Bonera, Álvaro, Jaume Costa, Jonathan dos Santos (Rodrigo, 90’), Bruno Soriano, Manu Trigueros (Sansone, 71’), Samu Castillejo, Bakambu e Roberto Soldado (Adrián, 75’).
RC Deportivo 0: Poroto Lux; Juanfran, Raúl Albentosa, Arribas, Fernando Navarro; Guilherme, Celso Borges; Carles Gil (Bruno Gama, 83’), Emre Çolak (Pedro Mosquera, 90’), Ola John (Fayçal Fajr, 63’) e Florin Andone.
Árbitro: Gil Manzano (estremeño). Amarelas a Manu Trigueros (43’) e Soldado (45’+1) no Vilarreal e a Lux (45’+1), Andone (53), Fayçal Fajr (65’) e Celso Borges (90’+4) no Dépor.
Incidencias: partido da 37ª xornada de Primeira División disputado no Estadio da Cerámica ante 16.437 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta