As abellas tamén teñen o seu día reivindicativo

O vindeiro 20 de maio celebrarase o Día Mundial das Abellas. A Asociacion Galega de Apicultura realizará diversos eventos para destacar a importancia deste insecto e os perigos aos que se enfronta, entre eles, a vespa velutina.

Por Galicia Confidencial | | 16/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Día Mundial das Abellas, o vindeiro 20 de maio, é unha celebración internacional para facer difusión sobre a importancia das abellas e reivindicar a súa necesaria protección como gardiás do medio ambiente. Por iso, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) celebrará este día con varios eventos en diferentes lugares de Galicia.

Andrena agilissima, un tipo de abella silvestre
Andrena agilissima, un tipo de abella silvestre | Fonte: Uvigo

Este día ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas na súa función da polinización polos beneficios que aporta á agricultura, ó medioambiente e á alimentación. Esta iniciativa partiu no 2014 da Asociación de Apicultura de Eslovenia, país onde esta data xa está establecida como o Día Nacional das Abellas, e foi apoiada por Apimondia, Federación Internacional de Asociacións Apícolas. Á espera de que sexa aprobada oficialmente polas Nacións Unidas, está sendo celebrada internacionalmente por unha grande parte do sector apícola de todo o mundo.

AGA súmase a esta celebración cun amplo programa de actos repartidos por diferentes lugares de Galicia durante este día e que terán como misión dar a coñecer esta celebración, reivindicar a importancia das abellas e concienciar sobre a súa necesaria protección fronte ós problemas que as ameazan, entre os cales está a Vespa velutina, o tártago asiático, que está causando estragos na cabana apícola galega. Por iso é necesario que este tema esté presente nesta celebración, buscando a implicación de toda a sociedade para resolver este problema, xa que non só lle afecta ó sector apícola, é un problema medioambiental que nos ameaza a todos e todas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta