A fin dos funcionarios

A rixidez da administración pública coma sindicato de intereses creados que impiden a emerxencia de xenuínos servidores públicos.

Por Serafin Pazos | Serafín Pazos | 18/05/2017

Comparte esta noticia
Recoñezo xa de entrada un interese persoal no que vou a dicir. Levo 15 anos traballando coma servidor público de institucións estranxeiras e agora, á volta dos 40, resulta moi difícil que poida aportar ó meu país todo o coñecemento que acumulei en variados e diversos postos de responsabilidade. Non vou dicir que neste tempo vin as Portas de Tannhauser mais é ben certo que experimentei, e participei, en grandes transformación do sector público e a integración europea de primeira man. Mais á hora de poder usalos para servir ós meus atópome que ou ben pasas pola servidume do dedazo político ou polo aro alienante de estar pechado no teu cuarto tres anos para pasar, se hai sorte, unha oposición.
 
Infelizmente non se trata de laios persoais daquel ou outro que quere voltar ó país, ou alomenos serlle útil. Isto é só unha pequena manifestación dun problema estrutural que non só concerne á boa saúde do sector público senón que impregna toda a nosa cultura e sociedade.  Un pequeno exemplo que vin a miúdo aquí en Bruxelas: as institucións galegas, así coma o resto de españois, se teñen que falar con alguén na defensa dun dossier, automáticamente e sen excepción só queren falar con políticos e sobre todo funcionarios. Cando en realidade hai galegos moi ben posicionados que nin son unha cousa ou outra e teñen directamente a man no asunto que se trate.
 
O modelo funcionarial, con oposición, emprego de por vida e sen risco de que te despidan creouno Napoleón. Coma militar que era, quería unha administración que se comportara coma soldados, xa que non se fiaba dos restos do Antigo Réxime. Tamén por iso se inventou uns tribunais propios e unha rama do dereito, o Dereito Administrativo. Razón pola cal na administración hai apenas outra cousa que avogados. É o modelo que 200 anos despois impera en todos aqueles países que o ditador invadiu, afrancesados ou non.
 
Non imos negar as vantaxes, alomenos no inicio, deste modelo, razón pola cal tivo tanto éxito. Constituíu , xunto coa instrucción pública, un tremendo ascensor social. Aínda hoxe, en moitos sitios pequenos os únicos que poden facer oposición ós caciques locais son os funcionarios. O feito que o actual goberno catalán non poida impor medidas unilaterais depende de que os funcionarios cataláns non van sacrificar o seu posto, moitas veces gañado a suor e choros.
 
Agora ben, cabe preguntarse se é un modelo sostible, e sobre todo se non desincentiva ó resto da sociedade, en prol da igualdade e o progreso social. Malia a modernidade da función pública napoleónica , non hai cousa máis resesa e de Antigo Réxime que esa expresión que todos coñecemos: “ter praza en propriedade”.  O exército de funcionarios anónimos, en teoría eunucos ó servizo do poder político, é agora unha camada de “insiders” que detentan o devandito poder e sobre todo protexer as súas prerrogativas. Non hai que ir á Francia de Macron (moita “ruptura” pero todos son “énarques”), só ver de onde procede o propio Feijoo e o seu goberno.
 
Ata o punto de darse curiosas alianzas coma cando a CIG quería que, nos seus últimos días coma Presidente, Fraga “funcionarizase” toda unha serie de interinos. Ou como cando Rajoy, no medio da austeridade, dixo que non se podían suprimir adminstracións porque “senón a ver que imos facer cos funcionarios”. Ou cando nestas mesmas páxinas, alguén pedía hai uns días que os directores de biblioteca foran todos funcionarios.
 
Namentres, miles de galegos non pensan noutra cousa que sacar unha oposición a base de aprender un catecismo de memoria que rara vez ten que ver co traballo que van realmente desenrolar. Ou xuíces que nunha tiveron experiencia do mundo criminal ata que xa teñen a praza e cando moitos deles quedaron un pouco tolos logo de tantos anos pechados para preparar a oposición. Ou mestres de inglés que non saben falar o idioma correctamente (profesores que teñen o salario, en termos relativos, máis alto do mundo).
 
Mais o maior drama é o de aqueles que non están dentro: os milleiros que perderon anos da súa vida en estudar unha oposición que non pasaron, os moitísimos máis mestres e sanitarios itinerantes que pasan a vida en listas de espera para que, algún día teñan os puntos que lle dean o anceiado traballo de por vida. E namentres o resto da sociedade non quere outra cousa que colocar ós seus na administración.
 
Ante isto existe outro modelo, que é o que do que eu formei parte todos estes anos, a chamada “nova xestión pública”. É o que existe en toda Europa, non só na “ultraliberal” Gran Bretaña senón tamén e sobre todo na “socialdemócrata” Escandinavia. En todos os postos que ocupei non se entra por procesos selectivos (que non oposicións), basedados nas habilidades (que non coñecementos memorísticos) que o solicitante precisará realmente para o posto ó que postule. Onde non hai traballos de por vida (malia sí haber condicións laborais, vacacións ou pensións moito máis xenerosas cós do privado) pero no que a cambio o servidor público (que non funcionario) ten unha capacidade moito maior para tomar decisións, innovar, cambiar de posto ou organización, que son impensables nun sistema funcionarial baseado no “micromanagement” xerárquico e a ditadura dos xuristas. De feito alén dos gabinetes xurídicos non hai apenas avogados, máis sí técnicos e enxeñeiros das ciencias naturais, sociais ou a economía. Non existe pois a “administración” senón o “sector público”.  Non creo que lles vaia tan mal a eses países do norte de Europa como para que precisamente boten de menos ter funcionarios.
 
Obviamente, non se trata agora que despidamos en masa a funcionarios senón repensar a función pública, dándolle mais espazo para a innovación, o pensamento crítico, o rendemento por resultados, ó tempo que deseñamos unha nova encarnación do sector público que deixe de ser o pesebre de funcionarios de por vida para dar paso a servidores do interese público.   
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA