Temas: BOMBEIRO

O Colexio de Xornalistas critica o control da información dos parques de bombeiros comarcais

Ve con preocupación o novo protocolo de comunicación remitido aos parques de bombeiros de Verín, Valdeorras e A Limia que só permite ao xefe do parque ou da quenda pode informar aos medios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/05/2017 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia asegura que “contempla con preocupación” o protocolo de actuación para a comunicación cos medios que a empresa Veicar remitiu ao persoal dos parques de bombeiros que xestiona en Verín, Valdeorras e A Limia.

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Este protocolo, que foi remitido con data do 10 de marzo, uns dias despois de que GC publicara que no parque de Verín había material empaquetado e sen uso pagado con diñeiro da UE desde facía un ano, proíbe aos membros operativos do persoal dos parques e ao persoal de limpeza realizar ningún tipo de declaración aos medios. O documento, tal e como publicou GC, limita a comunicación cos xornalistas a comunicados de prensa, redactados polos xefes de servizo ou de quenda, só naquelas intervencións que sexan consideradas graves. Calquera outra comunicación ten que ser autorizada de forma expresa por parte da empresa e prohíbense explicitamente as manifestacións "alleas á intervención, de corte laboral o que poidan supor unha crítica" ao parque, á empresa ou ao consorcio.

“Con todo, o que probabelmente sexa o aspecto máis alarmante deste protocolo é que establece unha listaxe dos medios aos que se poden enviar comunicados, estabelecendo mesmo os enderezos electrónicos a usar e indicando que se incluirá sempre copia aos directivos da empresa”, apunta o comunicado do CPXG. A lista inclúe apenas tres diarios, unha radio e tres medios de información comarcal o que, para esta entidade, implica unha “limitación da comunicación que pon trabas ao traballo dos e das xornalistas e prexudica a liberdade de información, un dereito fundamental”.

Información pública

Ademais, suliña que, aínda que Veicar sexa unha empresa privada, o feito de que estea a realizar un servizo público e a traballar para a administración,  “fai inadmisíbel que a información sobre este tema non sexa pública e xeral, posto que debera estar a disposición de todos os medios de comunicación e da sociedade no seu conxunto”. Así mesmo, o Colexio de Xornalistas considera que o feito de establecer unha canle oficial de comunicación non pode entorpecer o labor das e dos comunicadores á hora de recoller declaracións de claro interese informativo.

En declaracións a este medio e a El Diario, fontes da empresa aseguraron que este protocolo "é un documento vivo" e que xa se está a negociar unha nova versión. Aproveitando esta ocasión, o Colexio de Xornalistas quere solicitar que se eliminen todas as limitacións ao exercicio do xornalismo e que se establezan vías de comunicación claras, abertas e plurais, tanto nos parques de bombeiros de Ourense como, de existiren protocolos semellantes, no resto de parques xestionados por Veicar.

Temas: BOMBEIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta