O Leyma cae no quinto

O Básquet Coruña non pode co Palencia a domicilio e cae no último partido dos cuartos de final. Chegou a poñerse a tres despois de estar 14 abaixo no último cuarto, pero acabou perdendo 83-77.

Por gcdeportes | A Coruña | 17/05/2017 | Actualizada ás 08:48

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Quesos Cerrato Palencia 83:
Dani Rodríguez (11), Roma Bas (7), Marc Blanch (18), Urko Otegui (16), Lamont Barnes (2) –cinco inicial- Mamadou Samb (8), Jhornan Zamora (4), Josep Pérez (12) e Maldunas (5).
Básquet Coruña 77: Joan Creus (0), Filip Djuran (9), Larry Abia (0), Gediminas Zyle (13), Sergio Olmos (13) –cinco inicial- Zach Monaghan (11), Ángel Hernández (9), Tautvydas Sabonis (2), Kyle Rowley (2), Javi Lucas (13), Mikulic (5).
Parciais: 18-13, 25-20 (43-33), 22-21, 18-23 (83-77).
Árbitros: Francisco Zafra Guerra e Susana Gómez López. Eliminaron a Lamont Barnes no Palencia e a Sergio Olmos no Básquet Coruña.
Incidencias: quinto partido dos cuartos de final de ascenso á ACB no pavillón Padre Adolfo Nicolás de Villamuriel (Palencia).

Competiu ata o final, pero non puido cun dos favoritos ao ascenso. Agás nos dous primeiros minutos, foi sempre a remolque, sen estar nunca cómodo no partido, xogando ao ritmo que máis lle interesaba ao rival. O Básquet Coruña remata outra campaña espectacular tras caer 83-77 no quinto partido dos cuartos de final contra Palencia, que con máis oficio foi quen de remontar un 2-1 na eliminatoria con dúas vitorias consecutivas.

Olmos e Barnes, balón ao aire en Villamuriel.
Olmos e Barnes, balón ao aire en Villamuriel. | Fonte: @PalenciaBasket

Leyma comezou por diante (0-3, 2-5), pero a base de triplas (Dani Rodríguez, Marc Blanch) deulle a volta ao marcador Palencia: 12-8. Outras dúas triplas de Marc Blanch e Josep Pérez e vantaxe castelán tras dez minutos: 18-13. Unha tripla de Ángel Hernández e catro puntos de Javi Lucas achegaron a Leyma e obrigaron ao técnico local a parar o partido (25-22). De novo coas triplas, de novo Blanch e Samb, e Palencia chegou aos dez de vantaxe ao descanso: 43-33.

Outra tripla de Blanch (fixo 6/9) deu a Palencia unha máxima vantaxe (48-35) trala reanudación. Reaccionou Leyma cun parcial de 0-7 e coas triplas de Djuran e Ángel Hernández igualou o marcador (50-49). Pero outra tripla de Marc Blanch e unha de Roma Bas abriron de novo oco para os casteláns. No remate do terceiro acto, 65-54.

Outra tripla de Josep Pérez puxo o 70-56 e Leyma semellaba fóra do partido con 14 abaixo, pero non baixou os brazos, cun parcial de 3-11 volveu meterse na lea e meteulle o medo no corpo a Palencia, que parou o partido a 4:33 do final (73-67). Djuran anotou unha tripla (75-70) e Olmos catro puntos (77-74), pero Palencia non errou nos tiros libres (fixo 15/16) e Zach Monaghan (0/6 en triplas) non estivo acertado nas últimas xogadas. O favorito acabou gañando 83-77 e Palencia enfrontarase a Oviedo na semifinal sen presenza galega.

Javi Lucas busca a canastra coa esquerda ante Samb.
Javi Lucas busca a canastra coa esquerda ante Samb. | Fonte: @PalenciaBasket
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta