Derrota con esperpento arbitral

O Celta cae 1-4 co Real Madrid despois de que o árbitro non sinalase, con 0-2 no marcador, un penalti claro de Sergio Ramos sobre Aspas que transformou na expulsión do de Moaña por simular. Ao Celta faltoulle acerto cara ao gol e os de Zidane amosaron a súa precisión na definición. Sexta derrota consecutiva dos celestes na Liga.

Por gcdeportes | Vigo | 18/05/2017 | Actualizada ás 00:01

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 1
: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Daniel Wass, Tucu Hernández; Jozabed (Chelo Díaz, 72'), Pione Sisto (Pape Cheikh, 79'), Iago Aspas e John Guidetti (Claudio Beauvue, 85').
Real Madrid 4: Keylor Navas; Danilo, Varane, Sergio Ramos, Marcelo; Casemiro (Kovacic, 71'), Modric, Toni Kroos, Isco (Lucas Vázquez, 83'); Cristiano Ronaldo (Asensio, 83') e Benzema.
Goles: 0-1: Ronaldo (minuto 9). 0-2: Ronaldo (48'). 1-2: Guidetti (68'). 1-3: Benzema (69'). 1-4: Toni Kroos (87').
Árbitro: Martínez Munuera (valenciano). Expulsou a Iago Aspas por dobre cartón no minuto 62. Amarelas a Jonny, Guidetti, Hugo Mallo e Tucu Hernández no Real Madrid e a Casemiro e Sergio Ramos no Real Madrid.
Incidencias: partido da 21ª xornada de Primeira División, adiado no seu día polo temporal, no estadio municipal de Balaídos ante preto de 25.000 espectadores.

Gañaba xa 0-2 o Real Madrid, con dous goles de Cristiano Ronaldo, pero o árbitro estragou o partido a falta de media hora, cando o Celta aínda pensaba na remontada. Iago Aspas recibiu dentro da área na liña de fondo, protexeu o balón co corpo e foi empurrado por Sergio Ramos. Penalti que o árbitro non sinalou e que transformou na expulsión do de Moaña co segundo cartón amarelo (o primeiro foi por protestar unha man clara de Varane). Cun Celta anoxado e con dez, o Real Madrid aproveitou para sentenciar o choque. Guidetti marcou o 1-2 e fixo soñar ao celtismo coa remontada, pero Benzema marcou na xogada seguinte e Kroos fixo o 1-4 definitivo.

Guidetti celebra o 1-2 que deu esperanzas ao Celta na fremontada.
Guidetti celebra o 1-2 que deu esperanzas ao Celta na fremontada. | Fonte: @RCCelta

Na primeira chegada do Real Madrid, gol de Cristiano Ronaldo cun tiro coa esquerda pegado ao pau. O Celta saiu decidido a esquecer as últimas derrotas, coa presión alta e buscando con rapidez a meta rival, pero faltoulle claridade nos últimos metros. Co 0-1, e co paso dos minutos, o Celta foi medrando no seu xogo e acabou dominando ao Real Madrid antesw do descanso, con continuas chegadas á área rival. A primeira ocasión foi unha falta lanzada por Daniel Wass que despexou con dificultade Keylor Navas. Nunha xogada colectiva do Celta, Guidetti desmarcouse, recibiu un xenial pase de Iago Aspas co peito, pero adiantouse Varane para despexar. Iago Aspas moviase por todo o campo e tiña máis presencia en ataque: disparou ao lateral da rede e, tras un centro de Pione Sisto, rematou preto do pau dereito de Navas.

Trala reanudación, Guidetti tivo outra ocasión, pero non atinou co remate na área trala deixada de Wass coa testa, e na xogada seguinte, unha contra levada con calidade por Isco, Ronaldo marcou o 0-2. Os celestes acusaron o segundo golpe, pero tiveron opcións para meterse no partido. Aspas recibiu na área, protexeu o balón co corpo e caeu empurrado por Sergio Ramos. O árbitro ensinoulle a segunda amarela a Aspas por simular penalti, e o Celta quedou con dez.
A mesma xogada na área contraria: falta a Ronaldo por simular penalti que queda sen amarela. Protesta Ernesto Marcucci, que dirixía o Celta pola sanción a Berizzo, que é tamén expulsado. Daniel Wass puido facer o 1-2, pero Navas detivo o man a man co dinamarqués. Pero no minuto 68, erro de Izco, balón para Pione Sisto, que cede a Guidetti que marca o 1-2.

O Celta tiña a posibilidade da heroica con dez pero na xogada seguinte, tras unha perda de balón en campo propio, marcou Benzema. A partir de aí, pouco fútbol e moita lea, con constantes faltas, algunha delas virulenta, e o árbitro sen autoridade para poñer orde. Ronaldo tirou fóra un remate na área pequena diante de Sergio Álvarez, que cunha estirada evitou o gol de Izo no 76'. Na recta final, Toni Kroos fixo o 1-4 definitivo. Sexta derrota consecutiva do Celta na Liga, oito das últimas nove citas. O domingo ás 16.45 horas, peche do curso ante a Real Sociedade.

Coa vitoria en Balaídos, o Real Madrid, con 90 puntos, necesita tan só un empate na derradeira xornada en Málaga para proclamarse campión da Liga.

Aspas, o Tucu e Guidetti protestan ao árbitro.
Aspas, o Tucu e Guidetti protestan ao árbitro. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta