Letras Galegas.- Liberan 90 libros de Carlos Casares na estación de tren de Ourense

Ao longo do próximo mes as liñas de alta velocidade lucirán a imaxe do protagonista das Letras Galegas 2017

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2017 | Actualizada ás 18:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A estación de tren de Ourense acolleu este xoves a presentación do proxecto 'O tren que me leva', unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, Adif e Renfe para conmemorar as Letras Galegas dedicadas a Carlos Casares.

Acto no que se liberan libros de Casares na estación de Ourense
Acto no que se liberan libros de Casares na estación de Ourense | Fonte: Europa Press

Alumnos do IES de Arzúa liberaron 90 libros do autor ourensán na terminal, co obxectivo de que queden na estación ou de que viaxen no interior dos trens.

O secretario de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o xerente de Renfe en Galicia, José Enrique Fonte, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, recibiron na plataforma aos primeiros en gozar do programa: un grupo de 41 alumnos do IES de Arzúa.

Durante a viaxe de Santiago a Ourense os mozos escribiron anotacións persoais e depositáronas no interior de 90 libros da Biblioteca Casares, cedidos pola Editorial Galaxia.

Á súa chegada á cidade das Burgas repartiron exemplares de 'Os mortos daquel verán', 'Ilustrísima' ou 'Vento ferido' entre as persoas que esperaban un tren, coa intención de que eles fagan o mesmo ao terminar coa lectura da obra.

OUTRAS INICIATIVAS

Ademais, o proxecto complétase coa colocación duns repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas no interior dos vagóns.

Ao longo dun mes esta imaxe de Casares viaxará nos 11 trens de alta velocidade dos corredores ferroviarios da Coruña-Santiago-Vigo e da Coruña-Santiago-Ourense.

No seu encontro cos mozos, Valentín García destacou as "posibilidades que ofrece a colaboración de entidades de distinto signo" en referencia a administracións públicas e empresas privadas "a favor da lingua galega".

Tras o acto, os alumnos percorreron a ruta que a cidade dedicou ao protagonista das Letras Galegas 2017, con 18 placas en puntos da cidade vinculados ao autor.

Os mozos estiveron acompañados polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, un dos impulsores desta ruta literaria por Ourense.

CATÁLOGO DA OBRA DE PREGO DE OLIVER

Durante a súa estancia na cidade das Burgas o secretario de Política Lingüística tamén asistiu á presentación do libro catálogo co que Ourense pecha as actividades de conmemoración do primeiro centenario do nacemento do pintor Prego de Oliver.

A presentación tivo lugar no salón de plenos do Concello, nun acto que tamén contou coa participación do alcalde da cidade; o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, e o fillo do pintor, Manuel Prego.

O libro 'Prego: Mestre da pintura. A creación plástica como experiencia vital', foi editado en colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e Iberdrola e realizado por Francisco Javier Limia Gardón e Natalia Figueiras.

Valentín García definiu a Prego de Oliver como "un dos grandes mestres" galegos "sen o cal é imposible entender a pintura de Galicia durante o século XX".

Ademais, defendeu que o artista ourensán "sentía a Galicia auténtica que había que contar ao mundo", un labor que realizou mostrando nos seus óleos a "as clases máis humildes e ao proletariado".

Para o alcalde Jesús Vázquez o catálogo pon fin a "un innovador e ambicioso proxecto" que "por primeira vez" reivindicou a figura de Prego de Oliver "en tres espazos distintos da cidade", coa colaboración da Xunta, Iberdrola, a Fundación Abanca "e particulares que tiñan nas súas mans obra inédita" do pintor.

Vázquez destacou a importancia de "achegar a súa obra por centos de mozos ourensáns", así como a recuperación de dous grandes cadros ('A cazaría' e 'Nenos con burro') que foron recuperados e restaurados e que foron cedidos ao Concello para a súa exposición aos ourensáns.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta