Temas: SERGAS

Doentes aparcados nos corredores de urxencias, outra vez

Tres persoas morreron mentres agardaban asistencia nunha cama nos andadeiros de urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) nos últimos seis anos. Son datos da Asociación de Pacientes do CHUS que, ante “colapsos” como o deste xoves, teme que esta macabra lista se amplíe calquera día.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 19/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Fernando Abraldes, presidente deste colectivo de usuarios da sanidade pública, cifra en máis de dúas horas o tempo de agarda que había nas urxencias do CHUS este xoves.  Durante o serán había unha cola de 20 doentes sen examinar polo médico e moitos dos que foran examinados, malia a súa gravidade, estaban nas corredoiras.  

Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017
Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017 | Fonte: Asociación de Pacientes

“Desde as 13:40 horas estanse colocando a pacientes de gravidade intermedia en cadeiras de rodas e padiolas nos corredores de acceso ao servizo de urxencias. Ás 17:30 horas 5 pacientes estaban agardando nos corredores a ser atendidos despois de estar cualificados pola triaxe como pacientes de certa gravidade”, denunciou a citada asociación nun comunicado. 

GC contactou coa Consellería de Sanidade para dar a coñecer a versión do Goberno respecto a estas evias. A Consellería non se quixo pronunciar indicando que é un tema de responsabilidade da xerencia do CHUS. Os voceiros oficiais da Área Sanitaria recoñeceron que houbo un "pico" de entradas en urxencias antes das 13 horas e que a chegada de moitos doentes graves puido alongar a espera daqueles non tan graves. Con todo, indican que todos eles foron atendidos e que contra as 15 horas a situación estaba normalizada.

En conversa con GC, Abraldes alerta que as longas esperas e as camas en urxencias non son un problema puntual causado por unha epidemia, como alega a miúdo o Sergas excusándose na gripe, senón unha eiva “estrutural”. Como proba, a Asociación de Pacientes remitiu a GC fotografías de pacientes aparcados nos corredores do CHUS o 31 de xaneiro. O ano pasado, din que contabilizaron “ducias” de días coas urxencias “colapsadas”.  

Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017
Doentes aparcados en cadeiras e camillas nas corredoiras do CHUS o 31 de xaneiro de 2017 | Fonte: Asociación de Pacientes

Cal é o motivo do “colapso” unha e outra vez das urxencias? Na súa opinión, “o problema básico é que no SERGAS non queren contratar máis persoal para que as camas estean operativas”. A Asociación de Pacientes sinala que en Santiago hai ducias de camas en hospitais públicas pechadas. “Todo isto segue acontecendo mentres a xerencia mantén todas as camas de medicina interna do Gil Casares pechadas sen dotación de persoal para ser atendidas adecuadamente, e utilizando os servizos de urxencias como camas hospitalarias”, indican.

Esta dificultade non é exclusiva da Área Sanitaria de Santiago. Nesta mesma semana colectivos en defensa da sanidade pública alertaron do inminente peche de centos de camas na Área Sanitaria de Vigo durante os meses de verán, a partir de xuño. Na área pedriática, moitas camas están pechadas seis meses ao ano. 

Obivamente, ter camas nas corredoiras dos hospitais vulnera ademais a lexislación de prevención de riscos laborais. “Existe un problema a maiores en relación coa seguridade de traballo, a normativa di que os corredores de acceso a urxencia deben estar totalmente baleiros, e sen embargo unha e outra vez están repletos de pacientes en padiolas e os seus acompañantes”, láiase Abraldes. De feito, a Inspección de Traballo abriu varios expedientes nestes anos ao SERGAS por estes bloqueos, expedientes que polo visto non serviron para solventar a eiva.

A Área Sanitaria de Santiago está dirixida por Eloína Nuñez Feijóo. A curmá do presidente chegou a este posto en febreiro. Abraldes concede que nos primeiros meses a situación das camas nos corredores parece que mellorara, pero sinala que o problema volve a reproducirse “un día si e outro tamén”. 

Por iso reclámalle a Nuñez Feijóo, medidas de “carácter estratéxico”. É dicir, “medios materiais e humanos para poñer fin a esta tortura continuada”. 

A morte dunha doente nos corredores de urxencias este marzo foi denunciada á Fiscalía. A presencia de padiolas nas corredoiras do CHUS foi denunciada ante a Inspacción de Traballo.

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dr. Bacterio

Segue a campaña do PP de desprestixio da Sanidade Pública para aumentar as privatizacións e os concertos coa sanidade privada