Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/05/2017 | Actualizada ás 17:00
Versogramas. Ese é o nome do primeiro documental sobre videopoesía que se quere facer en Galicia. Os directores Juan Lesta e Belén Montero (de Esferobite) e a produtora Celia Parra son os artífices deste proxecto que se move entre o audiovisual e a literatura e para o que piden axuda a través da plataforma Verkami.
Trátase dun documental que condensa entrevistas aos principais creadores e creadoras do mundo, combinado con fragmentos de videopoemas de moitas outras autoras e autores e con secuencias de tratamento experimental. Versogramas está participado pola Televisión de Galicia, conta coa produción asociada de Amanita Films, Pixel Films e Celia Parra, e a colaboración da Editorial Galaxia , Fundación Paideia e Fundación Uxío Novoneyra.
Varias entrevistas
Ate o de agora, entrevistaron xa na Cidade da Cultura a Eugeni Bonet, Kònic Thtr, Marc Neys, Hernán Talavera, Miriam Reyes, Dionisio Cañas e Eduardo Yagüe. A próxima cita será o vindeiro luns 22 na Fundación Luis Seoane, onde contarán coa presenza de Antón Reixa e Yolanda Castaño (pioneiros da videopoesía en Galicia), Iria Pinheiro e Elena Chiesa.
A rodaxe continuará no plató do centro MANS –Paideia ao longo da vindeira semana, onde se recreará un espazo onírico que metaforiza unha viaxe pola videopoesía. As últimas entrevistas serán a Belén Gache o xoves 25 no plató MANS, Daniel Cuberta y Melissa Diem o sábado 10 de xuño., de novo na Cidade da Cultura.
O proxecto ten aberta unha campaña de micromecenado en vkm.is/versogramas para sufragar os últimos gastos de rodaxe e distribución. Pódese apoiar o proxecto dende só 10€ e, polo momento, levan xa recadados máis de 4.500 euros Hai recompensas de todo tipo relacionadas coa videopoesía, a literatura e o audiovisual en xeral: participar nun videopoema colectivo, recibir un poema asinado polo equipo, gozar dun recital multimedia online, contratar un pase privado ou unha masterclass.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.