Temas: CCOO

Ramón Sarmiento, novo secretario xeral de CC.OO. en Galicia con algo máis do 82% dos votos

Releva a Xosé Manuel Sánchez Aguión, quen deixa este cargo tras un mandato de oito anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2017 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

Ramón Sarmiento foi elixido este venres novo secretario xeral de CC.OO. en Galicia con 194 votos a favor, 41 en contra e ningún en branco, o que equivale a un 82,55 por cento dos apoios. Deste xeito, Ramón Sarmiento releva a Xosé Manuel Sánchez Aguión, quen deixa este cargo tras un mandato de oito anos e unha "longa traxectoria", segundo el mesmo explicou este xoves aos medios.

O novo secretario xeral de CC.OO. En Galicia, Ramón Sarmiento
O novo secretario xeral de CC.OO. En Galicia, Ramón Sarmiento | Fonte: Europa Press

Aínda que había dúas candidaturas inicialmente, ao congreso só chegou unha—a de Ramón Sarmiento—, pois anteriormente houbo unha "solución de consenso".

Antes de participar na clausura do 11º Congreso de CC.OO. en Galicia, o secretario xeral do sindicato a nivel estatal, o ferrolán Ignacio Fernández Toxo, agradeceu o labor da executiva saínte durante uns anos "tremendamente complicados" tanto para España como para Galicia, á vez que lle deu a benvida á nova executiva, que, ao seu xuízo, "vai supor un sopro de aire novo".

Acto seguido, defendeu que CC.OO. está a renovarse no conxunto do Estado: "España saíu da recesión, pero non abandonou a crise. Necesitamos dun sindicato que pase da acción resistencialista e defensiva á acción ofensiva", defendeu Fernández Toxo, co obxectivo de defender así "os dereitos laborais, a protección social e as pensións públicas".

Preguntado pola intención do novo secretario xeral de CC.OO. en Galicia, Ramón Sarmiento, de alcanzar a unidade sindical, Fernández Toxo tamén apostou por "impulsar elementos de unidade e de traballo en común" entre as diferentes forzas sindicais co obxectivo de ser "máis eficaces".

Pola súa banda, Sarmiento defendeu a proposta "nada inxenua" da unidade sindical, da man da CIG e de UXT en Galicia: "Non queremos que quede nun lema. A clase traballadora galega necesita dunha resposta e dun esforzo das organizacións sindicais", asegurou aos medios.

Así mesmo, admitiu que a situación económica do sindicato que desde hoxe dirixe é "complexa". Con todo, precisou, os membros da central sindical están "comprometidos en viabilizala". Para iso, defendeu a necesidade de "facer axustes no gasto", pero tamén "investimentos en novos capítulos" que o "necesitan", como "a acción sindical, a incorporación dos mozos e o compromiso coa muller".

Temas: CCOO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta