O 88,7% dos usuarios considera moi caras as peaxes galegas

Galegos, vascos e cataláns son os que teñen unha peor percepción das súas peaxes; pola contra, os madrileños mostran unha maior aceptación das súas, segundo un estudo estatal. A transferencia da AP-9 segue sendo unha demanda do país, co consenso de todas as forzas políticas, pero Madrid teima na súa negativa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As peaxes das autoestradas galegas, vascas e catalás son as peor valoradas polos seus usuarios; pola contra, os madrileños teñen unha percepción moito máis positiva das súas. Así o reflicte un estudo estatal no que se evidencia un malestar maior entre os condutores das tres autonomías históricas.

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva.

O estudo, titulado 'Users’ perceptions and willingness to pay in interurban toll roads: identifying differences across regions from a nationwide survey in Spain', foi realizado por Juan Gómez e José Manuel Vassallo, do Centro de Investigación del Transporte (TRANSyT) da Universidad Politécnica de Madrid, e Anestis Papanikolaou, da Universidade Aristóteles de Tesalónica (Grecia). 

Os investigadores fixeron unha enquisa en Galicia, País Vasco, Cataluña, Madrid e Comunidade Valenciá, as cinco autonomías que consideraron máis representativas por ter unha "ampla rede" de autoestradas de pagammento cun sistema de peaxes "maduro" ou ben onde hai unha "rede de peaxes máis moderna". O obxectivo fo "identificar as diferenzas rexionais nas actitudes dos usuarios", explican os autores, que descartaron outros casos porque "as estradas de peaxe non se propagan de forma homoxénea en todo o territorio, senón que se concentran en áreas específicas", o cal, xustifican, "fai que a análise sexa máis difícil", xa que "as percepcións dos usuarios sobre as peaxes poden variar ampliamente na mesma rexión". Así, valéronse dunha "variable específica constante para cada rexón" co fin de "identificar posibles diferenzas rexionais" e a "influencia de factores específicos", como "a existencia dunha atmosfera anti-peaxe en certos territorios", argúen.

PERCEPCIÓN

Tomando como mostra base o País Vasco, onde existe un forte rexeitamento ao sistema de peaxes desta autonomía, os investigadores compararon os resultados cos das outras comunidades autónomas e atoparon que a percepción dos usuarios galegos é moi similar á dos vascos.

"Malia ter unha alta densidade de estradas de peaxe, non se atopan resultados significativos no caso de Galicia, xa que esta comunidade mostra unha percepción bastante similar á dos usuarios do País Vasco", expoñen os autores da investigación.

Os madrileños son os que teñen unha percepción máis positiva da súa rede de peaxes. En concreto, un 65,1 por cento valóraa postivamente, moi por enriba da media da mostra da enquisa, que se sitúa nun 52,8 por cento. Pola contra, son os cataláns os que teñen a percepción máis negativa das súas peaxes, xa que case seis de cada dez habitantes de Cataluña as valora negativamente (máis de once puntos por enriba da media).

Os resultados en Galicia e País Vasco son practicamente iguais, con case un 55 por cento de usuarios que teñen unha percepción positiva das estradas con peaxes e un chisco máis dun 45 por cento cuxa valoración é negativa. Mentres que en Valencia se dá o resultado máis axustado, pero lixeiramente maioritario para os que valoran negativamente as peaxes desta autonomía (51,5 por cento).

TARIFAS

Respecto das tarifas que se pagan en cada comunidade autónoma, os cataláns son os que teñen unha peor valoración das súas peaxes, xa que un 93,9 por cento pensa que son caras. Vascos, nun 89,7 por cento, e galegos, nun 88,7 por cento, tamén son os que máis perciben como "caras" as tarifas que deben abonar por circular polas estradas de pagamento no seu territorio.

Os valenciáns igualan a media, cun 86,1 por cento que pensa que as súas peaxes son caras, mentres que os madrileños son os que valoran menos negativamente as tarifas que deben pagar, xa que a porcentaxe aí baixa a un 71,8 por cento, case 15 puntos menos que a media e 22 menos que en Cataluña.

 

Percepción sobre as
estradas con peaxes (%)

Percepción sobre as
tarifas das peaxes (%)

Positiva

Negativa

Barata

Media

Cara

Mostra total

52.8

47.2

0.9

13.0

86.1

Autonomía

 Cataluña

41.4

58.6

0.2

5.9

93.9

 Madrid

65.1

34.9

1.8

26.4

71.8

 Valencia

48.5

51.5

0.5

13.4

86.1

 País Vasco

54.5

45.5

0.1

10.2

89.7

 Galicia

54.9

45.1

1.1

10.2

88.7

ALTERNATIVA DE CALIDADE LIBRE DE PEAXES

Segundo os autores do estudo, esta "actitude máis positiva" dos madrileños "parece estar fortemente relacionada co feito de que as estradas de peaxe nesta rexión xeralmente teñen unha alternativa de calidade libre". Así, argúen que a diferenza doutras comunidades autónomas, "as estradas de peaxe en Madrid non son percibidas polos usuarios como unha carga, senón como unha opción adicional" cando se conxestionan as estradas de uso libre.

O estudo incide en que o nivel de aceptación da rede de peaxes é maior naqueles condutores que "usan unha autoestrada que compite cunha alternativa de alta calidade". É dicir, son os madrileños os que dispoñen de mellores alternativas ás autoestradas de peaxe.

"Dadas as taxas de peaxe bastante homoxéneas aplicadas en todo o país, a razón das diferenzas rexionais pode ser a densidade asimétrica de estradas de peaxe e a existencia/ausencia de alternativas libres de alta calidade en comparación con outros territorios. A rede nalgunhas rexións obriga aos condutores, de certa maneira, a utilizar estradas de peaxe para aforrar tempo de viaxe", aportan os investigadores.

Tamén observaron que "canto máis altos son os ingresos (sobre todo superiores a 50.000 euros)" dos cidadáns, "a actitude dos usuarios é menos negativa cara ás tarifas de peaxe".

DISPOSICIÓN A PAGAR

Os resultados indican tamén que a disposición a pagar por circular por unha estrada tamén varía segundo a autonomía. Aínda que recoñecen que "os achados non son concluíntes", os investigadores percibiron "unha distribución bastante homoxénea en Cataluña, País Vasco e Galicia", onde hai maior rexeitamento a pagar. "Pola contra, a disposición a pagar parece ser algo maior no caso de Madrid e Valencia", engaden.  

Así, na relación establecida entre a disposición a pagar en función da rexión e a calidade da alternativa libre, "obsérvase unha maior vontade de pagar para os enquisados de Madrid (+1,3 euros) e Valencia (+0,7 euros), en comparación co caso base [o vasco]. Pola contra, os enquisados do País Vasco, Galicia e Cataluña non mostran diferenzas estatisticamente significativas".

Comparando estes resultados coas estimacións obtidas para as percepcións dos usuarios, os responsables do estudo consideran "bastante sorprendente que a vontade de pagar reportada en Galicia e Valencia siga a dirección oposta á percepción xeral cara ás peaxes nestas comunidades autónomas", o cal, din, "reforza a idea de que as percepcións reportadas e a vontade de pagar non van necesariamente unidas".

Por último, inciden nas súas conclusións que "os usuarios que conducen por estradas de peaxe que compiten con outras libres son significativamente máis remisos a pagar (-0,5 euros) en comparación coas autoestradas nas que a alternativa é unha estrada convencional". Nesta argumentación, engaden: "Este resultado ten sentido porque os usuarios da autoestrada de peaxe que compite cunha estrada libre non valoran moito os beneficios que ofrece a autoestrada, xa que a alternativa gratuíta xa ofrece servizos de alta calidade. Pola contra, as malas características das estradas convencionais fan que os condutores estean máis dispostos a pagar polo uso de autoestradas de peaxe", din.

TRANSFERENCIA DA AP-9

A transferencia das competencias á Xunta sobre a autoestrada do Atlántico AP-9 converteuse nos últimos meses nun asunto central na axenda do Goberno e do Parlamento de Galicia, onde se aprobou co consenso de todos os partidos con representación na Cámara galega solicitar a Madrid as competencias sobre esta vía. Porén, o Goberno de Mariano Rajoy (PP) teima en negarlle unha e outra vez a Galicia as competencias que si concedeu a Cataluña e País Vasco.

Con todo, aínda que se conseguise xestionar a AP-9 dende Galicia, os conservadores xa avisaron de que isto non implicaría unha rebaixa nas tarifas das peaxes. "Os partidos aceptan que a AP-9 siga sendo unha autoestrada de peaxe, inevitablemente. Hai un contrato asinado e o que se discute non é o réxime concesional, nin enganar aos cidadáns para dicir que se se transfire a AP-9 deixarán de ter peaxe", avanzou en xaneiro pasado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Con todo, hai excepcións, como o tramo entre Rande e Vigo, para o que todos os grupos do Parlamento galego aprobaron recentemente unha iniciativa do BNG na comisión de Ordenación Territorial na que se insta á Xunta a reclamar ao Estado a supresión da peaxe.

O certo é que Galicia é a única das tres autonomías históricas do Estado español que non ten transferidas competencias sancionadoras en materia de tráfico e circulación de vehículos a motor nin tampouco en xestión de autoestradas. Unha nova suba na tarifa das peaxes galegas semella inevitable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 agetas das targetas

A culpa tena os galegos que votan nos partidos dos expañois, que votan no PP, no mareas do Potemos, no PSOE.

3 anonimo

Unha Galiza independente non sería moi viable. Ceibaría a tope, pero as pensións eiquí teñen un déficit de 3.000 millóns de euros ao ano. Eso non a arranxan uns panfletiños. E tampuco comulgo con eso de que os galegos sexamos " explotados " " para que outros vivan mellor". Sona a conto do século XIX. E non é as pexes da AP 9 sirvan para que noutros sitios as peaxes sexan menores, son outras empresas. Pero eiquí o rollo do victimismo sempre, sempre, sempre ten parroquia.

1 balbino

Por qué se rescatan autoestradas privadas en Madrid xa cofinaciadas, que son unha ruína e non emprega ninguén? Mentras a AP9 está máis que amortizada e o seu prezo non é xustificado. Como lle chamas ti a que se viaxe de Vigo a Madrid por vía de alta capacidade de maneira gratuita mentres desplazarse de Tui a Ferrol se pague o salario dun día, para min é depencia colonial. Victimismo??? non, xustiza. Teñenos ben domesticados dende o centralismo e apandamos có lema do déficit, no caso dás pensións pensa cantos galegos cotizaron noutros puntos do estado e agora veñen cobrar a pensión ná sua terra.

2 Galiza ceibe sin expaña

Son un roubo propiciado polos partidos políticos expañois que despois reciben sobres miren o que son o paritido populeta, o pe$oe e os podreiros, e son autenticos expañolazos, están roubando... están roubando...

1 Estafa

Os galegos seguimos explotados e estafafos para que os de Madrí vivan como Señores, e aquí parece que nos gusta...