Case 10.400 militantes están chamados a votar o domingo nos 188 centros habilitados en Galicia para as primarias

O tres aspirantes repártense os apoios das principais figuras do PSdeG, pero Pedro Sánchez parte con vantaxe polo número de avais

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2017 | Actualizada ás 21:49 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Un total de 10.394 militantes socialistas en Galicia están chamados a participar o domingo nas primarias nas que se elixirá a persoa que dirixirá o partido durante os próximos anos. Para iso, poderán acudir a algún dos 188 centros habilitados para votar.

A provincia con maior número de afiliados, a da Coruña, con 3.635, contará con 66 puntos de votación; mentres Pontevedra, con 2.844 carnés socialistas, disporá de medio centenar. En Lugo, as 2.016 persoas con dereito a voto poderán exercelo en 47 lugares; e os 1.647 militantes de Ourense terán 25 centros á súa disposición.

Adicionalmente, as 252 persoas que se afiliaron a través de Internet poden acudir á súa correspondente sede provincial.

Todos eles, como os 187.949 militantes do PSOE en toda España, poderán decidir se apoian á andaluza Susana Díaz para facerse coas rendas do partido, se cren que o madrileño Pedro Sánchez é a persoa idónea para conducir a formación ou se apoian co seu voto ao vasco Patxi López como novo secretario xeral.

Polo momento, cos avais como único 'termómetro', Pedro Sánchez obtería a maioría dos votos dos afiliados galegos, tendo en conta que recibiu máis firmas que os outros dous aspirantes xuntos. Foron 3.800 por 2.500 de Díaz e 750 de López.

POSICIONAMENTO VS NEUTRALIDADE

Máis aló das cifras, a dous días da votación, os cargos do PSdeG divídense entre aqueles que tomaron posición en favor dalgún dos candidatos e quen optaron pola 'neutralidade' nas súas declaracións públicas.

É este último o caso da presidenta da xestora, Pilar Cancela, a pesar da súa proximidade con Pedro Sánchez; e do portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, que garda silencio sobre as súas preferencias co argumento de non enrarecer o traballo do seu grupo na Cámara. Tamén manteñen a incógnita os presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González Formoso, e Lugo, Darío Campos.

REPARTICIÓN DE APOIOS

Mentres tanto, os apoios a Pedro Sánchez lidéranos en Galicia a deputada no Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, unha das que mantivo o 'non' á investidura de Mariano Rajoy; o economista vigués Gonzalo Caballero; o secretario provincial da Coruña, Julio Sacristán; e a parlamentaria autonómica Noela Blanco.

Figuran tamén entre os destacados socialistas que optan polo ex secretario xeral a expresidenta do Parlamento Dolores Villarino; o portavoz do PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández; e os alcaldes de Monforte e Viveiro (Lugo); Ribadavia (Ourense); Ames (A Coruña); e Ponte Caldelas e Cuntis (Pontevedra).

En favor da presidenta andaluza situáronse tanto o rexedor de Vigo, Abel Caballero, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e esta opción secúndana tamén os lucenses José Blanco, eurodeputado, e Ricardo Varela, senador.

É o mesmo que ocorre co ex secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, o exministro de Xustiza Francisco Caamaño, a ex secretaria de Estado ourensá Laura Seara, o exdiputado barbancés José Manuel Lage e o exalcalde de Lugo Xosé López Orozco, quen chegou a enviar unha misiva á militancia pedindo o voto para Susana Díaz a fin de romper "o teito de cristal" das mulleres.

En paralelo, o domingo votarán por Patxi López os senadores Modesto Pose (Vilagarcía), Ángel Mato (Ferrol) e Luís García Mañá (Ourense); o deputado pontevedrés no Congreso, Guillermo Meijón; o presidente da xestora provincial de Lugo, Luís Ángel Lago Lage; o concelleiro en Pontevedra Iván Pontes; e o exedil coruñés con Francisco Vázquez Carlos González-Garcés.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta