O Breo cede o primeiro

O Cafés Candelas Breogán cae 80-93 ante un Burgos superior no primeiro partido das semifinais polo ascenso á ACB. Os lucenses, que gañaban 58-52 no terceiro cuarto, encaixaron un parcial de 22-41 nos últimos quince minutos. O domingo ás 18.00 horas, segundo asalto.

Por gcdeportes | Lugo | 19/05/2017 | Actualizada ás 23:49

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 80:
Josep Franch (17), Rafa Huertas (9), Thomas Bropleh (7), Pep Ortega (5), Matt Stainbrook (6) –cinco inicial- Iván Cruz (2), Lobito Fernández (10), Salva Arco (12), Gilling (8), Sergi Quintela (4) e Mario Cabanas (0).
San Pablo Inmobiliaria Burgos 93: Steinarsson (8), Álex López (8), Brandon Brine (4), Javi Vega (16), Huskic (21) –cinco inicial- Soluade (12), Jorge García (0), Álex Barrera (11), Edu Martínez (9) e Toncinic (4).
Parciais: 16-18, 26-27 (42-45), 22-25 (64-70), 16-23 (80-93)
Árbitros: Francisco José Zafra e Javier Torres Sánchez. Sen eliminados.
Incidencias: primeiro partido das semifinais do play-off de ascenso á ACB no Pazo Provincial dos Deportes ante máis de 4.000 espectadores.

Burgos foi superior e tivo as ideas máis claras co Breogán no primeiro asalto. O acerto nas triplas (9/18 ao descanso) e o rebote ofensivo (ata 12) mantivo na pelexa aos lucenses (58-52 na metade do terceiro cuarto), pero Burgos xogou moito mellor os últimos quince minutos, nos que acadou un parcial de 22-41. Aínda así, no último cuarto, dun 72-75 a un 73-88, en cinco minutos que decidiron o partido. O Breo deberá mellorar (máis intensidade defensiva, máis fluidez en ataque) no segundo asalto se quere igualar a eliminatoria e non quedar sen opcións antes de viaxar a Burgos.

Josep Franch abriu o choque cunha tripla pero os lucenses entraron mal ao partido, con perdas de balón que concedían canastras doadas ao rival (5-10). Con triplas de Franch e Huertas, parcial de 8-0 para os lucenses para poñerse 13-10. Pero Javi Vega anotou dúas triplas consecutivas e Burgos gañaba 16-18 tralo primeiro cuarto.

Saíron ben os lucenses e déronlle a volta ao marcador cun parcial de 11-5. Burgos parou o partido con 27-23, e respostaron cun parcial de 0-7. A terceira tripla de Franch empatou o partido (30-30), pero os casteláns estaban máis cómodos en ataque, e volveron retomar a iniciativa. Malia as triplas de Gilling, Franch e Huertas antes do descanso, Burgos mandaba 42-45 tras dúas triplas do ex-breoganista Edu Martínez.

Tralo descanso, os mellores minutos lucenses, con equilibrio entre xogo exterior (triplas de Arco eBropleh) e interior (os únicos 6 puntos de Matt Stainbrook). O Breo mandaba 58-52, e o técnico visitante parou o partido. Con 7 puntos de Huskic e unha tripla de Edu Martínez, parcial de 2-14 e Burgos púxose por diante de xeito definitivo. Ao remate do terceiro acto, 64-70.

Matt Stainbrook anota malia a oposición de Huskic.
Matt Stainbrook anota malia a oposición de Huskic. | Fonte: @CBBreogan

Coas triplas de Bropleh e Gilling, o Breo mantiña a ilusión (72-75), pero os lucenses acusaron o cansazo, perderon concentración defensiva e, sobre todo, fluidez ofensiva, e encaixaron un parcial de 1-13. Con 73-88, o partido xa estaba sentenciado a falla de tres minutos. Tan só un tiro libre anotou Franch en case cinco minutos. Ao final, 80-93. Toca reaccionar coa axuda do Pazo.

Thomas Bropleh machaca a canastra rival.
Thomas Bropleh machaca a canastra rival. | Fonte: @CBBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta