Temas: CRISE AUGA

Ourense crea medidas para que as familias vulnerables non queden sen auga

O Concello de Ourense e a concesionaria da traida, Viaqua veñen de formalizar un Protocolo no que se regulan as actuacións que se levan a cabo ante situacións de pobreza enerxética e vulnerabilidade económica. Trátase de axudar as persoas que non poden pagar as facturas polo consumo de auga, a fin de evitar os cortes de subministro por impago das mesmas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 20/05/2017 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

Haberá publicidade das medidas xa previstas: redución por familia numerosa da taxa e abastecemento de auga para usos domésticos; e redución do canon da auga no que se refire a taxas polo canon da auga e coeficiente de vertedura, en tres vertentes de bonificación: por número de persoas, por familia numerosa, e a aquelas familias en risco de exclusión social.

Firma do protocolo sobre pobreza enerxética entre o Concello de Ourense e Viaqua
Firma do protocolo sobre pobreza enerxética entre o Concello de Ourense e Viaqua

Para poder acceder a este protocolo cómpre estar en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, nos termos da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Os asinantes prometen actuacións concretas para cada unha das situacións de impago. Asi, cando un usuario, titular dunha póliza de subministro de auga, se encontrase nunha situación económica moi desfavorable (determinada pola ordenanza reguladora de emerxencias sociais municipais vixente) e non puidera facer fronte ó pago do seu recibo de auga, contémplanse as seguintes situacións: que se dirixa á compañía subministradora para comunicar a súa situación; que o faga nos  Servizos  Sociais do Concello ou ben, que se produza unha situación de impago e, polo tanto, susceptible de suspensión do subministro. 

Firmaron o convenio, nun acto celebrado no Concello en presenza do alcalde, Jesús Vázquez, Sofia Godoy Gómez-Franqueira e Julio Masid Bande, Concelleira de Asuntos Sociais e Director de Viaqua respectivamente.

Julio Masid insistiu en que desde Viaqua son "conscientes de que a crise económica ha levado a persoas e familias a unha situación de vulnerabilidade. E como nós somos responsables dun servizo público de primeira necesidade o que tentamos é que ninguén quede sen servizo de auga se se trata dunha situación de exclusión". Invitou aos cidadáns a non ter reparos en poñerse en contacto coa compañía se teñen dificultades. "Podemos poñer para as persoas con dificultades fórmulas para o adiamento do pago e que ninguén quede sen servizo de auga".

Tanto Masid como Jesús Vázquez cifraron nunhas 20 as familias na cidade que se van beneficiar de forma inmediata deste convenio. Desde Viaqua detectaron que "o número de falta de pagamentos é máis ou menos constante nos últimos 3 ou 4 anos".

Temas: CRISE AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta