Noriega pide autocrítica a En Marea

Sinala que a remunicipalización da ORA e o guindastre "só a pode parar" a xustiza e avanza que tentará a do servizo de auga. "Cústame explicar cousas que pasan no noso espazo", asegura sobre En Marea e chama a "asumir" os erros cometidos por "todos e todas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2017 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Cando se cumpren dous anos da vitoria de Compostela Aberta nas municipais de 2015, Martiño Noriega cre que o seu equipo de goberno deixou atrás "a época máis dura" polo que confía en "consolidar as liñas abertas" durante o primeiro tramo de mandato para poder "recoller os froitos" na segunda parte. Será aí, no último ano, cando Noriega decida se volve optar á Alcaldía da capital galega en 2019.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa  Press
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa Press | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o rexedor compostelán, Martiño Noriega (A Coruña, 1975), confesa que a primeira metade do mandato foron "dous anos moi duros" nos que o seu equipo tivo que enfrontarse á falta de "experiencia" no traballo de goberno de gran parte dos seus concelleiros e, ademais, á súa consideración como "intrusos" na institución "por unha parte minoritaria pero influínte" da cidade.

"Houbo unhas reaccións tan esaxeradas que foron contraproducentes na opinión pública. Non resultaron cribles as críticas permanentes. As críticas permanentes tamén saturan á xente, provocaron a situación contraria", afirma o rexedor, que ve "unha distorsión" entre "as críticas esaxeradas e o que transmitía a xente pola rúa".

Así, asegura que o que percibe no día a día de man dos veciños de Santiago é "que se empeza a ver o traballo destes dous anos", cuxas "liñas principais" da acción de goberno "están xa activadas" e é preciso "consolidar". "Agora toca recoller os froitos", apostilou.

Entre elas, Noriega destaca a execución dos fondos europeos captados polo concello nestes dous anos, así como o desenvolvemento da "nova renda social" destinada a familias en risco de exclusión, a continuación da actividade cultural "descentralizada" ou "os mecanismos de participación postos en marcha" como os orzamentos participativos.

"Estamos sempre co horizonte de render contas a final de lexislatura e dicir: isto foi ao que nos comprometemos, isto foi o que fixemos; opinen vostedes veciños se valeu a pena ou non", sinala o alcalde santiagués.

Será aí, no último ano do mandato, cando Martiño Noriega decidirá se volve presentarse como candidato á Alcaldía de Compostela Aberta. "No seu momento decidirei. O meu compromiso é ata o final da lexislatura. Ata entón non o vou a saber. Non é unha cuestión de cálculo, é de honestidade", asegura.

RECUPERACIÓN DE SERVIZOS

A semana na que se cumpriron dous anos da vitoria de Compostela Aberta (CA) foi unha das máis plácidas para os de Martiño Noriega desde a súa chegada ao Pazo de Raxoi. Tras a publicación dunha enquisa o pasado fin de semana segundo a que CA consolidaría a súa vantaxe sobre o PP, chegou o arquivo da causa aberta contra o concelleiro Jorge Duarte por un presunto trato de favor a locais de lecer, ao que seguiu a aprobación inicial da remunicipalización do servizo da ORA e o guindastre no pleno do pasado xoves grazas ao apoio do BNG.

"Isto só o pode parar unha sentenza xudicial, un xuíz", sinala Noriega en referencia á recuperación para xestión municipal da ORA e o guindastre, que, unha vez aprobada inicialmente en pleno, atópase a expensas de que se resolva un recurso presentado por unha empresa que se presentou ao concurso de adxudicación que foi anulado en 2015 e que deu orixe ao proceso de remunicipalización.

Preguntado sobre se sería un fracaso para o seu goberno que finalmente este proxecto non leve a cabo, Noriega asegura que "a derrota sería non tentalo". "Nunca o imos a evidenciar como unha derrota. En todo caso, se hai unha sentenza xudicial, non será por cousas imputables a estes meses de goberno".

PRÓXIMO "RETO": A AUGA

Así, apunta que o goberno local tentará recuperar a xestión do servizo de auga unha vez expire o contrato de concesión actual, que coincide no tempo cos últimos meses de mandato. "Temos dous anos por diante e creo que é un tempo razoable", indicou, para logo lembrar que o goberno encargou unha auditoría para avaliar a asunción deste servizo e que existen conversacións "informais" cos alcaldes de Teo e Ames sobre a posibilidade dunha xestión conxunta.

A recuperación de servizos foi unha das principais propostas coas que as candidaturas municipalistas irromperon na política local en maio de 2015. Para o alcalde compostelán, trátase de "unha demanda social de recuperar soberanía nas institucións" que non se limita ás cidades 'do cambio' senón que tamén existe "en concellos gobernados polo PP".

No entanto, Martiño Noriega recoñece na súa entrevista a Europa Press que existe un "corsé" creado "nos anos da crise" para frear as municipalizaciones: "as políticas de (Cristóbal) Montoro". "Hai moitas limitacións para recuperalos porque na crise fíxose unha lectura: non é positiva a recuperación de servizos porque hai un afán de aumentar o espazo da iniciativa privada na xestión do público", engade.

EN MAREA E Os ALCALDES 'DO CAMBIO'

Tras a súa vitoria en Santiago en 2015, Martiño Noriega repetiu en numerosas ocasións que o seu compromiso co cargo era polos catro anos de mandato ante os rumores que o situaban como candidato da 'marea' nas eleccións autonómicas de 2016. E é que o exrexedor de Teo sempre estivo nas quinielas para liderar a esquerda rupturista a nivel galego.

"Non son alleo ás expectativas creadas sobre min no ámbito nacional xa desde hai anos. Non son coincidentes co que son as miñas propias expectativas. Non me podo illar dese debate, pero mentiría se dixese que gasto un segundo en pensar nel", asegura.

Martiño Noriega, na súa entrevista a Europa Press, recolleu a luva lanzada polo seu homólogo en Ferrol, Jorge Suárez, quen a pasada semana chamou aos 'os alcaldes do cambio' a tratar de "limar as asperezas" xurdidas nos órganos de dirección de En Marea.

Noriega coincide con Suárez en que a "carga simbólica" dos alcaldes das 'mareas' pode servir para acougar as augas no seo do partido instrumental. "Seguramente teremos que facelo. Quedaríame moito máis tranquilo se non tivésemos que facelo porque significaría que todo iría moito mellor".

O LIDERADO NON É "UN RECOÑECEMENTO ORGÁNICO"

O alcalde de Santiago expresou no seu día as súas discrepancias coa configuración da coordinadora de En Marea, aínda que, como matiza, non carga as culpas exclusivamente nas costas de Luís Villares, ao que reitera o seu apoio a pesar de que opina que "o liderado" de En Marea debe ser "coral" e "non se consolida por un recoñecemento orgánico".

"Fallamos todos e todas. Non vale con dicir que me gustaría algo que reflectise pluralidade se non te implicas. Os erros, para corrixilos, temos que asumir onde nos equivocamos, cada un no seu. Todos fallamos, seguramente tamén fallou Luís (Villares)", expresou.

Deste xeito, o exportavoz de Anova recoñece que o espazo de confluencia "foi evolucionando" porque "había unha demanda de xente que quería que iso pasase" e, "en menor medida", polos "acertos da xente que o configurou desde dentro". "Cústame explicar fóra cousas que pasan na nosa contorna. E cando non o podo explicar digo: algo falla".

Así, realizou un chamamento a aparcar o "patriotismo partidario" daqueles que entenden que as posicións dos espazos que representan deber ser "hexemónicas" nun proxecto "plural" como En Marea. "Non tes por que convencer que o que ti pensas é o ideal", remarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

9 Gamela

Radiografía de En Marea: https://goo.gl/44o7VZ E que o Doctor Noriega emita un diagnóstico !!!

8 podreiros afundese

non me fagan rir mais... que se marche o espantallo do xuiz villano, monifate do vello -Vieiras!

7 Que calvo está sen pucha

Xa está o de sempre autocriticando os demais. Por que non remunicipalizou a grúa cando o xuíz declarou ilegal a concesión. El preferiu prorrogarlle dous anos e medio e agora xa nada

6 RAMIRO DE YOLI

Martiño se pensas que o déspota de Ferrol, o que fuma na bañeira, pode aportar algo, estás trabucado

5 Kollontai luguesa

Ai, que magoa me dá Compostela tan benamada por min noutrora e con estes dous últimos alcaldes. Por favor composteláns, que a vosa cidade é a capital de Galicia, votade con sentidiño nas próximas a calquera candidato que teña algo de intelixencia e non ande a laiarse polas catro esquinas... E por favor antes de pedir algo ao resto que empece el coa autocrítica porque non a vexo por ningures... Que pena, penita, pena de Compostela e do BNG compostelán... Xa me dan ganas de cantar da pena: https://www.youtube.com/watch?v=Lto...

1 OPesoPaTi

O que votemos en Compostela é cousa nosa. Se tanta mágoa tes, enches a folla de empadroamento e ves vivir e eiquí ou procura facer algún comentario que vaia máis alá dos teus prexuízos, coma por exemplo, saber algo do que aconteceu na política local desde 2010. Seica agora estades os de Lugo (ou os de calquera outro lugar) para andar metendo sermóns e leccións de moralidade cívica?

2 Kollontai luguesa

E ti que sabes onde vivo eu? Que resposta é esa? A de alguén que non ten outro argumento. Que che debería contestar eu? Moi ben, meu, xa non me verás por aí comprando nunca máis ou recomendando visitarvos? Se eu fose coma ti farío, pero esa é a petite difference entre ti e eu. Só faltaría que de ser o caso, e non vivir aí, non puidese opinar sobre o que elixides, no caso de ti vivir aí, na capital de Galicia. Anda que, cada día mellorades de nivel! Eu creo que calquera, independentemente de onde viva pode e debe dar opinións sobre ética cívica, porque se nota que ti aínda non entendiches ben a diferenza entre ética e moralidade. Eu en cuestións de moralidade non me meto. E en calquera caso as miña críticas son sobre a xestión... Se queres empezamos, cando ti queiras caro farfallanciño a falar de ética.

3 Kollontai luguesa

Cando asomades a patiña dades moito medo... Algúns de vós xa o dabades en certas épocas na que vós si andabades a predicar "moralidade" con ese aire fanfarrón que ti tes. Recoméndoche que me gardes o debido respecto que coma cidadá merezo e teñas un pouco de saber estar e de civismo. E agardo que os composteláns tomen nota de tipo de xentiña vides sendo e da mala publicidade que ti, por exemplo, ves de facer para unha cidade eminentemente turística. http://elpaissemanal.elpais.com/col...

4 Kollontai luguesa

Ser sodes de traca, o ghicho este pedíndome a min explicacións por opinar por non ser de Compostela e o seu alcalde foino dunha vila próxima antes de ser elixidor rexedor da capital de Galicia. Cando queiras falamos de alcaldes paracaidistas... Pero iso si, cando sexas capaz de escribir co debido respecto que merezo. Non sei se quedaría algunha praza libre no obradoiro de despatriarcalización. Que mediño dades ás veces? Venceredes, pero non convenceredes... A min non e tampouco a calquera persoa que desexe pensar por ela mesma.

5 Kollontai luguesa

E sobre Compostela temos porque opinar todos os galegos, xa que é a capital de Galicia. Lémbradeo ben. Quizais visto o visto e a incapacidade (dende os tempos de Sánchez Bugallo que mantivo dignamente o legado de Estévez) de presentar un modelo de cidade que amose ao exterior o vello lema da súa universidade (Gallaecia fulget) sexa a hora de pensar en que as capitais poden mudar de sitio e que hoxe por hoxe unha bicapital atlántica non sería tan mala idea e contribuiría a reducir o localismo que tanto empece o noso desenvolvemento. Por certo, os de Lugo opinamos do que queremos e onde queremos, faltaría máis. Leccións só as pretendedes dar algúns, vivades en Lugo ou en Castroforte de Baralla. Resúmocho sermóns e leccións só as dades os ninistas e coma carecedes de ideoloxía a maioría soen ser dun simplismo que estreme as neuroas de calquera bípedo que teña a ben utilizar o cerebro para o fin que foi construído: pensar.

6 Kollontai luguesa

E se queres máis argumentos que desvelen a insoportable levidade do teu estremecedor e simplista discursiño ultralocalista-ninista-minifundista volve. Aproveita que hoxe estou de humor para ensinarche un pouquiño a entender o mundo no que vives. Que cansinos e aburridos son! E que non teñen unha idea propia nin aínda que a busquen nun círculo cadrado converxente cara a nebulosa sideral na que entraremos na época naque o voso gurú (ou os vosos) nos iluminen a todos. A ver, neno, le un pouco e aprende que coma escribiu Sun Tzu: "Unha estratexia sen táctica alonga o camiño cara a vitoria, unha táctica sen estratexia é pura axitación antes da derrota”

7 Ana

Kollontai Kollona, cando precisas REPETIR e INSISTIR até CANSAR amosas debilidade para convencer. Es tozuda, un pouco tóxica, moi retorcida, de pensamento único (beeeneeegaaa) e demasiado insegura. En fin, que nos estás para dar leccións a ninguén.

8 Erguer la UPG

Kollontai luguesa vas encher de visitas este sitio cos teus brillantes e grandilocuentes discursos.