O Breo necesita un milagre

O Cafés Candelas cae de novo no Pazo con Burgos e necesita gañar os dous partidos a domicilio para igualar a eliminatoria e forzar o quinto en Lugo. Caeu 79-88 na prórroga tras remontar 19 puntos de desvantaxe pero só anotou catro puntos no tempo extra.

Por gcdeportes | Lugo | 21/05/2017 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 79:
Josep Franch (20), Rafa Huertas (5), Salva Arco (20), Pep Ortega (7), Matt Stainbrook (11) –cinco inicial- Iván Cruz (5), Lobito Fernández (3), Thomas Bropleh (8), Gilling (0), Sergi Quintela (0) e Mario Cabanas (0).
San Pablo Inmobiliaria Burgos 88: Steinarsson (0), Álex López (14), Edu Martínez (2), Javi Vega (8), Goran Huskic (15) –cinco inicial- Soluade (18), Jorge García (7), Álex Barrera (12), Brandon Brine (5) e Toncinic (7).
Parciais: 14-26, 18-20 (32-46), 21-20, 22-9 (75-75), 4-13 (79-88).
Árbitros: Juan Manuel Uruñuela e Asier Quintás Álvarez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Edu Martínez.
Incidencias: segundo partido das semifinais do play-off de ascenso á ACB no Pazo Provincial dos Deportes ante máis de 4.000 espectadores.

No segundo asalto, de novo Burgos foi superior (5/28 en triplas dos lucenses). Aínda así, a base de coraxe, o Breo fixo o máis difícil, recuperou unha desvantaxe de 19 puntos e, cun parcial de 22-9 no último cuarto, forzou a prórroga tras dúas triplas de Josep Franch (75-75). No tempo extra, colapso breoganista: só anotou catro puntos e cos seus erros permitiu a vitoria clara dos burgaleses (79-88). 0-2 na eliminatoria. Salvo milagre (necesita dúas vitorias en Burgos e o quinto no Pazo), o Breo quedará un ano máis fóra da loita polo ascenso á ACB.

Tres minutos e medio lle durou a concentración inicial aos de Natxo Lezcano (8-2, tras 6 puntos de Josep Franch). Burgos parou o partido e cun parcial de 0-13 puxo a Breogán contra as cordas (8-15). Os lucenses, desesperados, concederon ata cinco xogadas con canastra e adicional ao rival, que gañaba 14-26 tralo primeiro cuarto. Tras un intercambio de canastras (20-33), Burgos acadou a máxima diferenza (24-43) tras un 2+1 de Toncinic e 5 puntos de Jorge García. Con 6 puntos consecutivos de Salva Arco, o Breo chegou con vida ao descanso: 32-46.

Coas triplas de Javi Vega e Álex López, Burgos mantiña a vantaxe (40-55). Sete puntos consecutivos de Salva Arco permitiron a Breogán baixar da barreira dos dez (53-60), pero Soluade fixo dúas triplas consecutivas, a segunda a taboleiro e con tiro libre adicional. Ao remate do terceiro acto, 53-66.

O Breo forzou a prórroga tras remontar 19 puntos de vantaxe pero caeu 79-88.
O Breo forzou a prórroga tras remontar 19 puntos de vantaxe pero caeu 79-88. | Fonte: @CBBreogan

Co partido controlado, Burgos tardou case seis minutos en anotar no último cuarto, e Breogán, cun parcial de 12-0 meteuse no partido (65-66). Josep Franch puxo os lucenses por diante (69-68), pero a terceira tripla de Soluade e unha antideportiva a Franch deixaron a vitoria preto de Burgos (69-73). Franch, con dúas triplas, empatou o partido e forzou a prórroga cando todo semellaba perdido (75-75). No tempo extra, Franch e Bropleh puxeron tres arriba ao Breo (79-76), pero os lucenses perderon o norte en ataque, non volveron anotar e Burgos sumou a segunda vitoria (79-88) cun parcial final de 0-12.

Salva Arco e Rafa Huertas, nun momento do segundo partido no Pazo.
Salva Arco e Rafa Huertas, nun momento do segundo partido no Pazo. | Fonte: @CBBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta