No país dos cegos

Con máis do 90 % dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8 % fronte ao 40,2 de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Extremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.

Por X.A. Pérez-Lema | Santiago | 21/05/2017

Comparte esta noticia

No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23%de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos cuallou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE  e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.

Sánchez Castejón non é ningún crack,  mais soubo percebir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010) , co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte  Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e  case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico  e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.

Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.