O Campus Terra impulsa unha rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes en Europa

O grupo de investigación Farmatox da Universidade de Santiago pon en marcha un sistema de vixilancia no litoral atlántico europeo a través do proxecto Alertox Net.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2017 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O grupo de investigación Farmatox da Universidade de Santiago de Compostela (GI-1682), dirixido polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Luís Miguel Botana, impulsou a creación e puxo en marcha unha rede alerta de toxinas mariñas emerxentes no litoral atlántico europeo a través do proxecto Alertox Net.

Luís Miguel Botana
Luís Miguel Botana | Fonte: Europa Press

Este é un dos programas seleccionados para o seu financiamento na última convocatoria do Programa de Cooperación Territorial Interreg V e recibirá fondos por un importe global de tres millóns de euros para que as distintas entidades deste consorcio europeo desenvolvan as actuacións programadas ao longo dos dous próximos anos.

O obxectivo desta futura rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes é ser un órgano de información e asesoramento destinado a todos os sectores afectados por esta situación (produtores, distribuidores e comercializadores e consumidores).

Así, promoverase a creación dunha base de datos pública e que integre toda a información existente sobre riscos e produtos, desenvolveranse e compartirán métodos de detección de toxinas e elaboraranse informes e estudos sobre toxinas non lexisladas.

Alertox Net é o terceiro proxecto de investigación para o cal o grupo de investigación Farmatox da USC alcanza financiamento a través do Programa de Cooperación Interrexional Interreg, segundo indicou Luís Miguel Botana.

Os anteriores programas internacionais posibilitaron o desenvolvemento de novos métodos para a detección de toxinas mariñas emerxentes, así como o posterior desenvolvemento e creación de medicamentos e fármacos a partir destes produtos mariños.

O labor de investigación realizada polo grupo de investigación Farmatox da USC ao amparo dos proxectos Atlantox, primeiro, e Pharmatlantic, despois, deu pé a ao redor de 10 concesións de patentes, ademais da publicación de preto dun cento de artigos en revistas científicas internacionais de elevado impacto.

Esta bagaxe científica tamén contribuíu, segundo indicou Luís Miguel Botana, a focalizar a atención nos novos riscos que xorden por mor dos efectos do cambio climático e tamén como consecuencia da acción do ser humano, factores "que causan e ou favorecen a aparición de toxinas emerxentes e de inminas cíclicas".

O proxecto Alertox Net, liderado polo grupo Farmatox da USC, está avalado por un consorcio internacional no que participan os principais centros e institucións europeas relacionadas co sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta