Goles para o futuro celeste

O dianteiro uruguaio Maxi Gómez, de 20 anos e procedente do Defensor Sporting, co que marcou 11 goles en 12 partidos, primeira fichaxe do Celta para a vindeira campaña. Firma por cinco anos ata xuño do 2022.

Por gcdeportes | Vigo | 23/05/2017 | Actualizada ás 08:19

Comparte esta noticia

Un día despois de rematar o curso coa despedida do Toto Berizzo, o Celta anunciou a súa primeira fichaxe para a vindeira campaña. O dianteiro uruguaio Maxi Gómez, de 20 anos e procedente do Defensor Sporting de Montevideo, co que se proclamou campión do Torneo Apertura do Uruguai, firmará co club vigués por cinco campañas, ata xuño do 2022.

No comunicado de prensa, o Celta destaca que Maxi Gómez (14 de agosto de 1996) é “un impoñente dianteiro de presente e futuro”, un “dianteiro centro de grande envergadura (1,86 e 90 quilos), pero con boa técnica e unha capacidade e habilidade no remate que ten causado un grande asombro”. Asimesmo, o club celeste destaca que os expertos consideran a Maxi Gómez "como o futbolista con maior proxección do país suramericano".

Maxi Gómez, nova fichaxe celeste, celebra un gol co Defensor Sporting.
Maxi Gómez, nova fichaxe celeste, celebra un gol co Defensor Sporting. | Fonte: @RCCelta

O xa dianteiro celeste, quen debutou co primeiro equipo do Defensor Sporting a finais do 2015 con tan só 19 anos, marcou no último campionato 11 goles en 12 partidos, cifras que o Celta cualifica de “realmente espectaculares”.

O xogador, primeiro reforzo para a campaña 2017-18, viaxará a Vigo “nos vindeiros días” para pechar o seu contrato ata 2022 co Celta, que paga arredor de 4 millóns de euros polo seu traspaso.

Malia o seu xogo ofensivo, ao Celta faltoulle gol en determinados momentos da tempada. Iago Aspas fixo 19 goles na Liga, pero por detrás só Giuseppe Rossi chegou aos 4, por 3 de John Guidetti e Daniel Wass. A chegada de Maxi Gómez, que ocupa praza de estranxeiro, podería implicar a saída dalgún dos atacantes cos que conta o Celta no seu plantel, caso de John Guidetti, Claudio Beauvue ou Theo Bongonda. Os ruxeruxes colocan o estremo Hirving Lozano, internacional mexicano de 22 anos que milita no Pachuca, como a segunda fichaxe celeste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta