O fiscal antidroga de Pontevedra presenta unha carta manuscrita de 'O Mulo' con detalles da operación

Defensas apuntan a que "moitos dos acusados" van "recoñecer os feitos" sobre a súa participación na trama delituosa xulgada

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2017 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O fiscal antidroga da provincia de Pontevedra, Pablo Varela, sorprendeu este martes aos avogados das defensas ao presentar ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia pontevedresa unha carta escrita polo principal acusado, Rafael B.P., coñecido como 'O Mulo', na que detalla a súa participación e a dos outros trece acusados na operación que se xulga polo transporte duns 3.500 quilos de cocaína.

Os maxistrados admitiron a inclusión do documento na causa, o que levou aos letrados da defensa a pedir un adiamento para poder estudalo. O xuízo foi suspendido para que os avogados estuden esta proba e retomarase o mércores.

O fiscal Pablo Varela explicou que en xuño do ano 2015 xa solicitara que se unise este documento á causa como proba anticipada, que foi admitida naquel momento polo tribunal. "A análise dunha inxente cantidade de documentos (máis de 12.000 folios) que obra nunha causa como esta é o que alegaron as partes para xustificar que non puidesen tomar coñecemento en detalle desta documental", segundo detallou.

CONFESIÓN TARDÍA

O avogado Víctor Bouzas, que representa a un dos acusados, manifestou que os letrados que forman parte deste procedemento tiveron unha reunión na que se acordou que "por parte de moitos dos acusados vanse a recoñecer os feitos" en canto á súa participación dentro da trama delituosa que establece o Ministerio Público. Trataríase de nove acusados os que estarían dispostos a dar este paso.

"Non vai haber unha conformidade no sentido estrito da palabra", aclarou, no entanto, Víctor Bouzas, xa que este mércores vai continuar o procedemento "pero cunha pequena excepción", que é que o fiscal "en base a esa colaboración" o que fará é aplicar a atenuante analóxica da confesión tardía e a de dilacións indebidas, "que son moi cualificadas", xa que a causa é do ano 2008.

"O que os nosos clientes recoñezan os feitos non implica un compromiso por parte de ninguén a unha rebaixa efectiva pero se se vai a contemplar ese recoñecemento como unha atenuante e por tanto si leva aparellado iso", matizou o avogado Víctor Bouzas. Ademais, as defensas poderán solicitarlle á sala unha rebaixa "máis substancial da que vai pedir o fiscal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta