Prostitución: que facer?

A prostitución existe desde hai milenios. Se nos remitimos aos imperios Bizantino, Romano, Grego e Exipcio, comprobaremos ironicamente que as relixións deses imperios trataban as necesidades do grupo e consecuentemente desenvolveron protocolos en relación ás relacións sexuais.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 29/04/2010

Comparte esta noticia

Este é un dos temas que a nosa clase política establecida non se atreve a abordar por falta de principios, falta de altura de miras e cálculo electoral cortopracista a pesar de tratarse dun sector moi importante desde variados puntos de vista, a saber: o dos dereitos humanos, o da sanidade, o económico ou o social.

Aos políticos dos partidos que dominan o sistema partitocrático español (PP e PSOE) non parece importarlles que unha parte importante da economía e da vida social continúe nun limbo de alegalidade aínda que isto supoña a creación e fortalecemento do crime e das mafias asociadas á prostitución, aínda que isto favoreza o engano a mulleres que son traídas a España sen saber a que se van dedicar. Segundo a Garda Civil son 400.000 as mulleres que se prostitúen en todo o Estado, aínda que isto favoreza que un negocio de 18.000 millóns de euros (6.300 millóns de € máis que o orzamento da Xunta para o ano 2010) fuxa completamente do fisco.

É extraordinario o nivel de hipocrisía necesario para mirar para outro lado cando os dereitos humanos e a liberdade individual de tanta xente é esmagado e as mafias fan o seu agosto, e fíxense que hai que mirar para outro lado porque as nosas estradas están cheas de prostíbulos!!. Os conservadores cren que o desexo sexual pode ser reprimido en vez de xestionado, nun entorno de liberdade, como unha necesidade máis do ser humano mentres que a esquerda interpreta a predominancia de mulleres no mundo do traballo sexual como unha consecuencia dunha dominación de xénero e non como un determinado equilibrio de oferta e demanda neste caso de servizos sexuais.

O entorno no que se creou e floreceu a mafia de Chicago nos anos vinte do século pasado comandada polo famoso Al Capone foi precisamente un entorno de prohibición de algo do que había demanda social, a Lei seca prohibía o consumo e comercialización de alcohol, o entorno foi inmellorable para que Al Capone e os seus secuaces medrasen fornecendo unha necesidade que o mercado libre e legal non podía fornecer. O fracaso da lei seca foi sonoro, o consumo de alcohol non diminuiu, os prezos e a delicuencia subiron e a calidade da bebida baixou creando un problema de saúde pública xa que a mafia era a encargada de destilar os licores e de embotellalos.

A legalización da prostitución tería como efectos beneficiosos, entre outros,  a fin das mafias de trata de mulleres ou o control e impedimento eficaz da prostitución de menores. Ao convertirse nun negocio legal a mafia desaparece e os inxentes esforzos que a policía e os xulgados teñen que dedicar a perseguir as mafias de trata de mulleres desaparecen tamén, de xeito que se pode usar estes recursos policiais e xudiciais na loita contra outro tipo de delictos. Ademais, que as traballadoras do sexo se poidan dar de alta na seguridade social facilita o control sobre a actividade e por tanto facilita que ninguén exerza esta profesión se non é dunha forma extrictamente voluntaria; tamén que coticen e que teñan o dereito e o deber dun control sanitario evita problemas de saúde pública como contaxios de doenzas venéreas. É finalmente non debemos esquecer que o estado ingresaría a parte correspondente de impostos dun sector económico que move tanto diñeiro.

A activista sueca prolegalización Pye Jakobson estivo hai pouco en Galicia reclamando o dereito a decidir sobre o seu corpo como exercicio de liberdade. Desde a esquerda aparecen voces que se erixen en intérpretes da liberdade dos demais. Cómpre sen embargo dicir que son as mulleres ou homes que exercen a prostitución os que teñen que decidir que é o que queren ou non queren facer co seu corpo e non ninguén que fale desde unha suposta autoridade moral autoconcedida. O Colectivo Hetaira que defende os dereitos das traballadoras do sexo critica, ao meu xuízo con toda a razón, que se solicite a prohibición dos anuncios en prensa dos seus servizos xa que isto as obrigaría a caer nos locais controlados polas mafias ou a sair á rua á procura de clientela, din nun artigo na web deste colectivo “dejémonos de moralinas y diferenciemos la trata con fines de explotación sexual de la prostitución voluntaria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA