Arquivadas as actuacións contra Manuel Baltar por acoso sexual e suborno

O Xulgado de Instrución nº3 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, polos presuntos delitos de acoso sexual e suborno por mor da denuncia dunha muller que lle acusaba de ofrecerlle, supostamente, un traballo a cambio de sexo.

OURENSE | 23/05/2017 | Actualizada ás 21:29 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución nº3 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, polos presuntos delitos de acoso sexual e suborno por mor da denuncia dunha muller que lle acusaba de ofrecerlle, supostamente, un traballo a cambio de sexo.

En relación ao suposto delito de acoso sexual, a xuíza considerou que "non quedou acreditada" a existencia de ningún tipo de relación de dependencia entre a denunciante (Teresa F. C.) e o presidente da Deputación.

Nas súas conclusións a xuíza estima que non se produce ese elemento imprescindible do tipo penal denunciado, que castiga a quen pide favores sexuais "no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos".

Así, sinala que da declaración testifical comprobouse que a muller denunciante realizou labores como interventora do PP "antes de que Manuel Baltar ostentase cargo algún" en Ourense, pero que se trata dun labor "voluntario e gratuíto" pola que "non recibiu ningunha prestación económica".

Respecto do seu traballo entre 2009 e 2010 na Deputación no departamento de Enquisas non se puido comprobar se a muller "traballaba ou non no Partido", e en relación a un traballo nunha carpa do partido as persoas que lle axudaron explicaron que "non percibiron contraprestación de ningunha clase".

En base a estes motivos considérase que "non queda suficientemente xustificada" a prestación de servizos" xa sexa no partido político "porque as testemuñas negan a realización de actividades retribuídas non acreditadas", ou na Deputación "porque a prestación de servizos prodúcese ata o 2010 como máximo", cando o presidente deste órgano era José Luís Baltar.

O auto tamén sinala o sobresemento de Manuel Baltar en relación a un suposto delito de suborno.

Así considera que nas dilixencias instrutoras practicadas "non resulta suficientemente xustificado" que se comunicou " de forma algunha" co xefe de Persoal (José Luís Suárez) nin co asesor xurídico da Deputación nese momento (José Eugenio Galindo), nin que dese "instrución algunha ou realizado acto algún" para que se contratase á muller.

SOBRESEMENTO PARA JOSÉ LUÍS BALTAR

Por estes mesmos motivos sobresee a causa contra José Luís Baltar, pai e antecesor no cargo do actual presidente do ente provincial, investigado por un presunto delito de suborno. Tamén se desestima a causa no caso do xefe de Persoal ao considerar que "non quedou suficientemente xustificado que realizase acto algún contrario ás funcións do seu cargo" como xefe de Persoal do ente provincial e contra a muller que realizou a denuncia.

Na súa declaración como investigado o xefe de Persoal, José Luís Suárez, negou recibir ningunha "indicación nin encargo de ningunha clase por parte dun superior" en relación á denunciante e asegurou que non recibiu documentación algunha da muller.

O pai de Manuel Baltar e o seu antecesor como presidente da Deputación, José Luís Baltar, tamén investigado por un suposto delito de suborno, sinalou nas súas declaracións que non pedira ao seu fillo que contratase á muller.

Ademais, nas súas declaracións abundou que non pediu á denunciante facer nada no partido e "que non lle prometeu emprego algún nin falou con ninguén" para que puidese obter ningunha praza na Deputación.

O CASO BALTAR

A causa iniciouse en 2016 por mor dunha denuncia de Teresa F.C., quen acusou ante a Fiscalía a Manuel Baltar de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo e achegou varias probas como mensaxes que supostamente lle enviou o dirixente popular e gravacións.

A Fiscalía arquivou inicialmente esta denuncia, pero Teresa F.C. acudiu ao xulgado.

Como resultado deste paso, a titular do Xulgado de instrución número 3 de Ourense acabou citando a ambos os implicados, Baltar e a denunciante, en calidade de investigados por un suposto delito de suborno.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta