O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría acusa a Feijóo de “dar ás” á segregación da empresa

Os representantes dos traballandores xa están a estudar un novo calendario de mobilizacións para conseguir a "non segregación de actividades" e a venda das centrais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2017 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-centrais hidroeléctricas xa está a estudar un novo calendario de mobilizacións para conseguir a "non segregación de actividades" e a venda das centrais. Así o anunciou este mércores tras a súa asistencia ao pleno do Parlamento, onde, na sesión de control ao presidente da Xunta, se abordou a súa problemática.

Concentración dos traballadores de Ferroatlántica en Cee
Concentración dos traballadores de Ferroatlántica en Cee | Fonte: Europa Press

"Unha vez máis, as respostas do presidente da Xunta son esquivas e non constitúen unha aposta clara pola defensa dos nosos postos de traballo e pola non segregación das actividades de ferroaleación e produción enerxética", critican estes traballadores.

Lamentan, de feito, que isto non é "nada novo", pois, na súa opinión, "o Goberno autonómico vén mantendo unha postura ambigua desde que se coñeceron publicamente as pretensións de Ferroatlántica de vender as centrais hidroeléctricas".

O comité defende que non pide "nada extraordinario". "Pedimos ao presidente da Xunta o mesmo que cando no ano 1992 o grupo Villar Mir se fixo co complexo industrial da Costa da Morte: legalidade e xustiza", subliñan.

A Xunta, inciden, "ten que actuar conforme a legalidade, porque esa é a única vía para garantir que se respecte o interese público e que se faga xustiza con esta comarca".

Reprochan ao titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, que na súa intervención "volve escudarse no papel dos servizos xurídicos, chegando mesmo a afirmar que de ser compatible a segregación que pide Ferroatlántica coa normativa vixente, esixirá tantas ou máis garantías de emprego que as que existen".

Coas súas afirmacións, destaca o comité de Cee-Dumbría, "está a dar ás ao manido proxecto industrial da empresa, que non é outra cousa que un plan de reconversión e desmantelamento". Ademais, estes traballadores recriminan a Feijóo que "pon en cuestión as reivindicacións do conxunto" do persoal da Costa da Morte e dos veciños da comarca.

"Non hai mellor plan industrial que o que temos actualmente. Non hai mellor garantía de continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas que manter as concesións nas condicións actuais. A mellor forma de facer xustiza coa Costa da Morte pasa porque a empresa reinvista nas fábricas os millonarios beneficios xerados pola explotación dos aproveitamentos hidráulicos", proclama este comité.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta