Temas: PIB

A economía galega crece menos que a media estatal no primeiro trimestre

O PIB creceu un 0,6% no primeiro trimestre do ano en relación co trimestre anterior, o que supón dúas décimas menos que o incremento rexistrado polo conxunto estatal, do 0,8%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2017 | Actualizada ás 10:43

Comparte esta noticia

A economía galega creceu un 0,6% no primeiro trimestre do ano en relación co trimestre anterior, o que supón dúas décimas menos que o incremento rexistrado polo conxunto estatal, do 0,8%. De acordo coas contas económicas trimestrais que publican este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE) e o Instituto Galego de Estatística (IGE), o aumento do produto interior bruto (PIB) de Galicia foi do 3,1% en termos anuais --en comparación co primeiro trimestre de 2016--.

Diñeiro
Diñeiro | Fonte: Europa Press

No cuarto trimestre do pasado ano, o PIB galego subira trimestralmente dúas décimas máis (+0,8%), e unha décima máis en termos interanuais (+3,2%).

Ao lado da demanda, o gasto en consumo final repuntou un 1,7% en relación co primeiro trimestre do exercicio anterior, ao subir un 1,1% o dos fogares e institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares e un 3,4% o das administracións públicas.

Mentres, a formación bruta de capital ascendeu un 2,3% interanual, a demanda interna rexistrou un incremento do 1,8% e as exportacións e as importacións creceron un 4,2% e un 1,7%, respectivamente.

OFERTA E EMPREGO

En canto á oferta, tamén medida en termos interanuais, o sector servizos obtivo os mellores datos, cun crecemento do 4,3% --especialmente o comercio, transporte e hostalaría, co 8,2%--, mentres que a construción repuntou un 3,9% e a agricultura, silvicultura, gandaría e pesca un 1,2%.

Os impostos netos sobre os produtos repuntaron un 4% e a industria rexistrou un descenso do 2,1% pola evolución negativa da produción eléctrica nos primeiros meses do ano.

En relación ao emprego, o número de postos en termos de PIB creceu en Galicia un 1,9% sobre o mesmo trimestre do ano anterior, o que supón a creación de máis de 19.000 postos de traballo a tempo completo.

En concreto, as cifras do IGE recollen un aumento do 7,6% en agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, do 2,4% en industria, do 1,4% en servizos e do 0,8% en construción.

TRES TRIMESTRES POR ENCIMA DO 3%

A Consellería de Facenda destacou que os datos feitos públicos este xoves ratifican que o PIB galego encadea tres trimestres consecutivos crecendo por enriba do 3%.

Isto supón que o dato mantén un ritmo de crecemento "por enriba das previsións da Xunta para o actual exercicio" e confirma "que o Goberno galego revisará á alza a súa estimación de crecemento" do PIB para 2017, fixada no 2,4% nos orzamentos.

Do mesmo xeito, o Executivo galego destacou que a economía galega crece no primeiro trimestre por encima da media española en termos interanuais, concretamente unha décima máis.

Temas: PIB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta