Afíns aos tres aspirantes en primarias logran pactar listas de delegados ao congreso en Santiago, Lugo e A Coruña

En Vigo e Ferrol presentáronse dúas candidaturas, por tres en Ourense; e este venres celébrase a asemblea de Pontevedra

Santiago de Compostela | 26/05/2017 | Actualizada ás 15:14 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O PSdeG elixirá este fin de semana quen serán as 56 persoas que acudan ao congreso federal en calidade de delegados, un proceso que se dirimirá nos 'congresiños' provinciais despois de que cada asemblea local faga a súa proposta.

No caso das cidades, segundo fontes socialistas consultadas por Europa Press, polo momento Santiago, A Coruña e Lugo lograron acordar unha lista única na que se recolle de forma proporcional o apoio obtido por cada un dos tres candidatos ás primarias.

En canto á capital galega, a candidatura está encabezada polo secretario local, Alfonso Tourís, afín a Pedro Sánchez, e séguenlle outras 11 persoas, como Elena Borrás e Jorge Expósito; mentres na cidade herculina Javier Fernández Mariño, tamén 'sanchista', capitanea unha lista de 16 da que tamén forman parte a edila Yoya Neira e o parlamentario Juan Díaz Villoslada.

En paralelo, en Lugo votouse por aclamación unha candidatura de consenso con 20 membros que lidera a alcaldesa, Lara Méndez, considerada 'patxista'. Tamén forman parte dela os deputados no Pazo do Hórreo Concepción Burgo e Luis Álvarez, de igual afinidade.

Pola súa banda, tanto en Vigo como en Ferrol e en Ourense foi imposible acordar unha única lista. Así pois, os 53, nove e 20 delegados en liza, respectivamente, repartíronse entre as propostas presentadas en base ao número de votos obtidos.

VARIAS LISTAS

Deste xeito, a lista oficial de Vigo, encabezada por Carlos López Font, próximo á presidenta andaluza, fíxose cunha trintena de postos; por 23 que reuniu a representada por Gonzalo Caballero, un dos puntais do novo líder do PSOE en Galicia.

En Ferrol, a candidatura que comeza con Enrique Barrera, membro da executiva local, obtivo a maioría (cinco); por catro da comandada polo senador Ángel Mato, afín ao exlehendakari.

Máis singular foi o caso de Ourense, onde os intentos de selar unha lista única atendendo á proporción dos resultados das primarias foron infrutuosos.

Así, o equipo liderado pola deputada no Congreso Rocío de Frutos, afín a Pedro Sánchez, logrou 11 representantes; por cinco de Óscar Pérez, partidario de Susana Díaz; e catro da denominada 'terceira vía', con Miguel Ángel Ojea no número uno e tamén situado en favor do recentemente elixido secretario xeral.

Pendente queda a asemblea local de Pontevedra, que se celebrará este mesmo venres a partir das 20,00 horas.

'CONGRESIÑOS' PROVINCIAIS

Unha vez resoltas as votacións en todas as agrupacións locais, reuniranse estes órganos provinciais para determinar quen terán pasaxe para Madrid.

Da provincia da Coruña viaxarán un total de 20 delegados, por 16 de Pontevedra, 11 de Lugo e nove da demarcación ourensá.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta