Ana Pontón pide a Feijóo que pare o "pelotazo á democracia" coa "moción de censura encuberta" en Sanxenxo

Acusa aos populares de querer "converter toda a provincia de Pontevedra no epicentro do transfuguismo"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 17:19 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao líder do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que non consomen o "pelotazo á democracia" que, ao seu xuízo, supón a "moción de censura encuberta" en Sanxenxo.

ANA Pontón (BNG) en Sanxenxo.
ANA Pontón (BNG) en Sanxenxo. | Fonte: Europa Press

Segundo o Bloque, esa moción permitirá ao popular Telmo Martín recuperar a Alcaldía de Sanxenxo despois de que lla entregue o ata agora rexedor, Gonzalo Pita, do partido liberal SAL que gobernaba desde hai dous anos co apoio de PSdeG e BNG.

Nunha visita a Sanxenxo, a portavoz nacional do Bloque manifestou que este municipio é un "exemplo claro do nerviosismo que ten o Partido Popular de face ás próximas eleccións e de como están dispostos a todo".

Neste sentido, Ana Pontón denunciou a "estratexia do transfuguismo" que ten como punto de partida o "cambio de cadeiras" que ultiman en Sanxenxo.

O vindeiro luns ás 20,30 horas está convocado o pleno municipal no que Gonzalo Pita renunciará voluntariamente á alcaldía. Dez días despois poderase volver convocar outra sesión con carácter extraordinario en que Telmo Martín recuperará a Alcaldía co apoio de SAL.

PRÁCTICAS TRANSFUGUISTAS

Pontón cre que os populares "queren converter toda a provincia de Pontevedra no epicentro do transfuguismo" e Sanxenxo será "o primeiro lugar por onde se empezan esas prácticas transfuguistas".

En ton humorístico a portavoz do BNG lembrou a Feijóo e a Rueda "unha frase dun ilustre visitante desta vila", o presidente do Goberno e do Partido Popular, Mariano Rajoy, coa súa soada cita "é o veciño o que elixe o alcalde e é o alcalde o que quere que sexan os veciños o alcalde".

Así lles lembrou que "a Telmo Martín non o elixiron os veciños", senón que "claramente pretende gañar pola porta de atrás comprando vontades políticas", dixo a líder nacionalista.

Así mesmo, a dirixente do Bloque criticou que Feijóo está "disposto a todo, sen o máis mínimo reparo democrático utilizando as prácticas caciquiis que deberían estar erradicadas da política". E engadiu que o caciquismo e o transfuguismo "son unha vella forma de corrupción que seguen instaladas no modus operandi do Partido Popular".

Pontón, xunto coa deputada por Pontevedra, Montse Prado, mantivo un encontro co grupo municipal liderado polo portavoz David Otero, no que aproveitou para destacar o traballo da formación nacionalista no Concello "para cambiar o urbanismo depredador por outro modelo ao servizo das persoas".

Finalmente, indicou que o "asalto" á Alcaldía de Sanxenxo "implica que gaña Telmo Martín e os seus intereses urbanísticos, mentres perde á maioría social do concello que ve o retorno ao un pasado que debería quedar desterrado".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta