Ía ser parque empresarial, quedou en descampado con lagoa de 17 metros de profundidade

A Plisan de Salvaterra - As Neves é o símbolo, a escasos metros de Portugal, do fracaso da política galega de chan industrial.

Por E.P. | VIGO | 26/05/2017 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O PSdeG urxiu este venres ao goberno da Xunta e ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, a "poñerse as pilas" para "desbloquear" o desenvolvemento da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan), que 17 anos despois do inicio da súa construción, converteuse nunha "inmensa lagoa".

Xoaquín Fernández Leiceaga na Plisan
Xoaquín Fernández Leiceaga na Plisan | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o portavoz do grupo parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, durante unha visita aos terreos desta plataforma, na que estivo acompañado polo portavoz de Industria do grupo, Abel Losada; a viceportavoz parlamentaria, Patricia Vilán; o tenente de alcalde das Neves, Eduardo Mariño; a portavoz socialista no Concello de Salvaterra, Rocío Bernárdez; e membros do colectivo de afectados as expropiacións.

Leiceaga cualificou como "absolutamente inaceptable" que a Plisan aínda non fose concluída e que "queda moito traballo por facer" ata que a primeira empresa poida instalarse neses terreos, onde hai 3 millóns de metros cadrados para uso industrial que aínda non están a disposición.

O portavoz socialista esixiu o compromiso do tres administracións implicadas no desenvolvemento da plataforma (Porto, Zona Franca e Xunta de Galicia) para darlle "máxima prioridade" á urbanización dos terreos, conexión coa A-52, e posta en marcha dos servizos necesarios, como a depuradora.

Ademais, reclamou á Xunta que poña a disposición dos empresarios chan industrial no sur de Pontevedra "en condicións competitivas" con respecto ao veciño Portugal. "Nun proceso de recuperación económica é imprescindible ter chan industrial ben conectado, en boas condicións, para crear os empregos que necesita a zona", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta