Rueda defende a "transparencia" da Xunta sobre Ferroatlántica e reitera que se seguirá "o parecer" dos técnicos

O vicepresidente da Xunta celebra que os concellos poidan gastar superávit acumulado desde 2016: "É unha boa noticia"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 18:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este venres a "transparencia" do Executivo autonómico en relación ao expediente de Ferroatlántica e reafirmouse en que os técnicos emitirán "o seu parecer", que é "o que se vai a seguir", en canto sexa posible.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press

Na xornada en que traballadores accederon á documentación sobre a petición da compañía de segregar a súa actividade, o que facilitaría a venda das centrais do Xallas, Rueda subliñou que a Xunta fai "evidente", con este tipo de pasos, a súa intención de "ser absolutamente transparentes".

Lembrou que o Goberno galego dixo que se facilitaría a documentación ao comité de empresa de Cee-Dumbría e que se fixo. En canto a cando haberá un informe respondendo á solicitude de Ferroatlántica, replicou que está a ser analizada e que non pode dar unha data posto que non coñece "o seu contido e complexidade".

"O que si sei é que a Asesoría Xurídica e os técnicos están a analizala desde o primeiro día e, en canto sexa posible, emitirán o seu parecer e é o que se vai a seguir", incidiu, convencido de que "importa pouco cal poida ser" a súa opinión persoal cando hai que "guiarse polo ordenamento xurídico".

"Por iso estano vendo os técnicos", dixo, antes de esgrimir que, en todo caso, si se aplicará o criterio de "salvagardar os postos de traballo".

"Se quere unha parte de opinión persoal, si lle digo que hai que garantir que a actividade siga e se manteña. Téñense que preservar os postos de traballo, pero tamén dentro dun marco de legalidade, que é o que se está vendo agora mesmo", resolveu.

SUPERÁVIT

Por outra banda, Rueda tamén se pronunciou sobre a aprobación do Congreso no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2017 dunha emenda coa que permitir aos concellos o gasto de parte do superávit acumulado desde 2016.

Respecto diso, o vicepresidente destacou "o exemplo" que deron concellos de Galicia e do Estado no que se refire "ao cumprimento das normas de déficit".

"Teñen competencias moi importantes e entendo que se abran as posibilidades de poder investir os remanentes que teñen. É unha boa medida e eu creo que os veciños o van a notar", destacou, antes de subliñar que, nos últimos anos, as administracións, especialmente os concellos, "aprenderon a facer unha política orzamentaria racional e obxectiva".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta