Yolanda Díaz pide "un pacto de Estado" en materia industrial para afrontar os retos da dixitalización

Participou en Ferrol co presidente do comité de Navantia nun foro para analizar o futuro do sector naval

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 20:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A deputada nacional de En Marea, Yolanda Díaz, apostou por "comezar a producir coñecemento e afrontar un cambio na metodoloxía produtiva", ademais do ámbito dos traballadores, para o que pediu o impulso de "compromisos" cara a "un pacto de Estado en materia industrial e recursos públicos", ante os retos da dixitalización.

Yolanda Díaz en Ferrol
Yolanda Díaz en Ferrol | Fonte: Europa Press

Ditas manifestacións realizounas a política ferrolá na súa cidade, na sede do Ateneo Ferrolán, onde en compañía do presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CC.OO.), participaron no foro "Estaleiros de Futuro, Comarca de Futuro", organizado por Esquerda Unida (EU).

"Imos por moi mal camiño, xa que os orzamentos do Estado, que actualmente estamos a discutir, as partidas de industria, enerxía ou axenda dixital ven diminuídas nunha contía relevante e isto é realmente todo o contrario do que un país que quere ter futuro debe de facer", asegurou.

A representante de En Marea no Congreso dos Deputados tamén incidiu en que é necesario "a dixitalización, para poder aplicar a lóxica á cadea produtiva" e que "é necesario apontoar os sectores produtivos", tanto a nivel Galicia como Estado, incluído o sector naval.

"Sería terrible que o Goberno renunciase a esta produción a favor doutros países, xa que todo o que non fagamos nós, vai ser rapidamente recollido por outros países".

ESTALEIRO 4.0

Pola súa banda, Javier Galán, abordou o denominado estaleiro 4.0, o que segundo o representante sindical representa "a cuarta revolución industrial, coa dixitalización de todos os procesos" e que no caso do estaleiro galego "vai supor a perdida de moitos postos de traballo.

"Xa existen estudos a nivel continental que recollen que en toda Europa vanse a perder ao redor de cinco millóns de postos de empregos, un reto importante para todos os sindicatos".

No caso do estaleiro de Ferrol, o representante laboral incidiu en que está previsto "a construción dun dique seco e ao redor del van estar o resto de instalacións, onde tamén se comeza a escoitar que os traballadores a incorporar teñen que dispor de certas capacidades, coa posibilidade de que moitos dos gremios que a día de hoxe teñen moito que ver coa construción dun buque, vaian quedar nun segundo plano".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta