Adeus ao soño do Breo

O Cafés Candelas perde de novo con Burgos 92-81 e cae eliminado 3-0 nas semifinais do play-off de ascenso á ACB. Os de Natxo Lezcano foron sempre por detrás no marcador e estiveron seis minutos do último cuarto sen anotar en xogo.

Por gcdeportes | Lugo | 27/05/2017 | Actualizada ás 00:11

Comparte esta noticia

Ficha técnica
San Pablo Inmobiliaria Burgos 92:
Steinarsson (3), Álex López (15), Brandon Brine (7), Javi Vega (18), Goran Huskic (19) –cinco inicial- Soluade (7), Jorge García (4), Álex Barrera (10), Edu Martínez (9) e Toncinic (0).
Cafés Candelas Breogán 81: Josep Franch (5), Rafa Huertas (15), Salva Arco (16), Pep Ortega (0), Matt Stainbrook (11) –cinco inicial- Iván Cruz (13), Lobito Fernández (11), Thomas Bropleh (4), Gilling (0) e Sergi Quintela (6).
Parciais: 20-17, 22-20 (42-37), 29-31, 21-13 (92-81).
Árbitros: Esperanza Mendoza e Antonio Zamora Rodríguez. Sen eliminados.
Incidencias: terceiro partido das semifinais do play-off de ascenso á ACB no pavillón do Palntío de Burgos ante arredor de 3.000 espectadores, entre eles preto dun cento de breoganistas.

“Agora mesmo no vestiario está todo o mundo chorando”, resumiu Natxo Lezcano o sentir dos xogadores celestes. Non puido ser. O Breo foi de novo inferior a Burgos, sempre por detrás no marcador, incapaz de impoñer o seu ritmo de xogo, e caeu 92-81 no Plantío. O Breo dos play-offs, canso e sen ritmo, sen Michale Fakuade, non foi o Breo da Liga regular. 3-0 na eliminatoria e o ascenso do Breo á ACB que deberá agardar un ano máis.

Rafa Huertas mantivo o Breo no arrinque do partido con 8 puntos e dúas triplas (8-8), pero un parcial de 8-0 para Burgos abriu fenda e os lucenses xa non volveron estar por diante no marcador. Varias veces se achegaron, nunca o acadaron. Tempo de Lezcano e o Breo, con traballo e tiros libres, apertou o marcador: 20-17, pero xa amosando os problemas en ataque.

Malia as dúas faltas do primeiro cuarto, Huskic aguantou todo o segundo en pista. Arco (20-19) e Lobito Fernández cunha tripla (25-24) puxeron o Breo a un punto, pero o pivote serbio (10 puntos no segundo acto) mandaba na zona e Burgos mantíñase por diante (38-31). Unha tripla de Quintela e un 2+1 de Lobito achegaron de novo aos lucenses no descanso: 42-37.

Iván Cruz, malia chegar tocado por unha escordadura de nocello, deu esperanzas aos lucenses no terceiro cuarto. Con oito puntos e dúas triplas súas, o Breogán púxose 53-52. Lobito tivo un lanzamento dende 6,75 que non entrou para poñerse por diante, e Burgos respostou con tres triplas consecutivas (Javi Vega, Brine e Álex López): 62-55 e tempo de Lezcano. Con triplas de Huertas, Quintela e Iván Cruz sobre a bucina, o Breo chegou vivo ao último asalto: 71-68.

Catro puntos de Thomas Bropleh e 73-72. Aí colapsou o ataque lucense: dúas bandexas doadas erradas, seis minutos sen canastras en xogo, só tres tiros libres dun irrecoñecible Josep Franch (5 puntos de tiros libres, 0/7 en tiros de campo). Burgos tampouco tiña acerto e Salva Arco puxo o 81-77 a falla de 3:25. Unha tripla con moita sorte de Edu Martínez sobre a bucina da posesión matou as esperanzas breoganistas. 9-0 de parcial e derrota por 92-81. Adeus a un novo soño da ACB para o Cafés Candelas Breogán.

Salva Arco e Rafa Huertas, nun momento do segundo partido no Pazo.
Salva Arco e Rafa Huertas, nun momento do segundo partido no Pazo. | Fonte: @CBBreogan

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta